A dopaxe (doping, en inglés) é o termo empregado polo xeral para definir o uso de substancias ou métodos para mellorar o rendemento físico no contexto do desenvolvemento da actividade deportiva. O emprego de axentes dopantes adoita estar prohíbido. O Código Mundial Antidopaxe, redactado pola Axencia Mundial Antidopaxe (AMA, ou WADA en inglés) foi redactado en 2003, con posteriores modificacións en 2009 e 2014, onde se establecía a definición de dopaxe coma calquera infracción da normativa antidopaxe descrita en dito código. Desde o 1 de xaneiro de 2015 comezou a estar vixente o Código Mundial 2015, que introduciu importantes modificacións respecto das anteriores versións.

O ciclista estadounidense Floyd Landis foi descalificado do Tour de Francia 2006 por dar positivo en testosterona nun contro antidopaxe levado a termo ao final da décimo sétima etapa do Tour. Esta descualificación tivo como consecuencia a proclamación coma campión do Tour de Francia ao galego Óscar Pereiro.

O uso de substancias ten a súa orixe hai séculos, desde o momento en que se creou o concepto de deporte.[1]

Etimoloxía editar

O termo dopaxe é un anglicismo que provén do inglés doping, que probábelmente deriva da palabra dope. Segundo o Dicionario Oxford, comezaría a utilizarse nos inicios do século XIX co sentido de 'líquido espeso, denso'. Este termo inglés procedería do holandés doop 'salsa' e este á vez de doopen, co significado de 'mesturado, adulterado'.[2] A primeira vez que se ten documentado o emprego do termo dopaxe no idioma galego é no ano 1996, nunha nova do xornal O Correo Galego:

“O Consello de Ministros aprobou o réxime de infraccións e sancións para a represión da dopaxe, que poden significa-la suspensión ou privación de licencia desde tres meses ata os catro anos, ou a perpetuidade, se se trata da terceira reincidencia.”
O Correo Galego, CG1996-02-17/100.

Mecanismos de dopaxe editar

Substancias dopantes editar

Diversas substancias foron empregadas como dopaxe na historia do deporte. Unha das máis empregadas foron os esteroides, substancias que se producen fisioloxicamente nas glándulas suprarrenais e que aumentan a masa muscular e a forza, ao influíren na produción de aminoácidos. O atleta Ben Johnson, plusmarquista mundial nos 100 metros lisos, foi descalificado nos Xogos Olímpicos de Seúl ao dar positivo deste tipo de substancias.

A cafeína e outros estimulanes como a estricnina modificada empregáronse tradicionalmente para fomentar a concentración e permitir aos deportistas estaren máis espertos, demorando a fatiga. A cafeína deixou de figurar na lista de substancias e métodos prohibidos no ano 2005, polo que non se considera dopaxe desde entón. Porén, segue a estar dentro das substancias que seguen a estar sometidas a seguimento polos laboratorios.

Os betabloqueantes coma o propranolol e antagonistas do calcio coma o verapamilo e diltiazem foron empregados por tiradores con arco e tiro ao prato por ser substancias que diminúen os latexos do corazón e estabilizan o organismo.

Os fármacos diuréticos son usados para perder peso en intervalos de tempo curtos e para que, ao levárense a cabo as probas, non se detecten substancias non autorizadas.

Neste sentido, o Comité Olímpico Internacional confeccionou unha lista de aproximadamente cen drogas prohibidas.

Métodos de dopaxe editar

Ademais de fármacos e substancias químicas, existen outros procedementos que se usan no deporte para aumentar o rendemento alterando a fisioloxía do corpo do deportista. Quizais a máis coñecida sexan as transfusións de sangue rica en hemoglobina, a proteína encargada de transportar o oxíxeno aos tecidos do organismo. Unha sangue rica en hemoglobina, e con cifras de hematócrito elevadas, é quen de realizar maiores esforzos e resistir mellor a fatiga. Este método foi especialmente empregado entre os ciclistas na década dos 90.

Algúns nadadores empregaron a infusión de gas helio nos seus intestinos coa fin de aumentaren a súa frotabilidade.

Notas editar

  1. Kumar, Rajesh. "Competing against doping.". Br J Sports Med 2010;44:i8 doi:10.1136/bjsm.2010.078725.23. Consultado o 22 de marzo de 2016. 
  2. Portal das Palabras (ed.). "Dopaxe". Consultado o 22 de marzo de 2016. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar