Kansas City, Missouri
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2013.) |
Kansas City é unha cidade dos condados de Clay, de Cass, de Jackson e máis de Platte, no estado nortemericano de Missouri. Situada na confluencia dos río Missouri e Kansas, érguese na fronteira dos estados de Missouri e de Kansas, e xusto enfronte da cidade homónima de Kansas.
Kansas City (en) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Estados Unidos de América | ||||
Estado federado | Misuri | ||||
Condado (pt) | Condado de Jackson (pt) | ||||
Capital de | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 508.090 (2020) (615,01 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 206.295 (2020) | ||||
Xeografía | |||||
Situado na entidade territorial estatística | Kansas City metropolitan area (en) (Poboación:2.192.035) | ||||
Parte de | |||||
Superficie | 826,150937 km² | ||||
Auga | 1,2799 % (1 de abril de 2010) | ||||
Altitude | 277 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 1853 | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Quinton Lucas (en) (2019–) | ||||
Membro de | Rede de cidades creativas (2017–) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 64101–64102, 64105–64106, 64108–64114, 64116–64134, 64136–64139, 64141, 64144–64158, 64161, 64163–64168, 64170–64172, 64179–64180, 64183–64185, 64187–64188, 64190–64199, 64944, 64999, 64101, 64108, 64110, 64112, 64114, 64116, 64118, 64122, 64126, 64127, 64128, 64130, 64137, 64145, 64149, 64151, 64153, 64155, 64157, 64158, 64166, 64168, 64171, 64179, 64183, 64188, 64194, 64195 e 64197 | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 816 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Sitio web | kcmo.gov | ||||
O alcume de Cidade das Fontes venlle de que en Kansas City hai 160 fontes, cifra só superada por Roma.
Historia
editarKansas City fundouse oficialmente o 28 de marzo de 1853, no territorio a ambos lados da fronteira entre Missouri e Kansas, na confluencia dos ríos Kansas e Missouri, que foi considerado un bo lugar para construír un asentamento.
A primeira visita europea documentada á zona de Kansas City foi a do explorador francés Étienne de Veniard, Señor de Bourgmont, quen tamén foi o primeiro europeo en explorar a parte baixa do río Missouri. Criticado pola súa resposta a un ataque de nativos americanos a Fort Detroit, abandonou o seu cargo como comandante da fortaleza e evitou as autoridades francesas. Bourgmont vivía cunha muller nativa americana da tribo Missouria, a uns 140 quilómetros ao leste, cerca de Brunswick, Missouri, comerciando ilegalmente con peles.
España fíxose cargo da rexión trala firma do Tratado de París de 1763, pero non xogaron un papel importante na zona á parte do cobro de impostos e a concesión de licenzas para o tráfico no río Missouri. Os franceses continuaron co comercio de peles baixo licenza española.
Despois da compra de Luisiana, Lewis e Clark visitaron a confluencia dos ríos Missouri e Kansas e decidiron que era un lugar axeitado para construír un forte. En 1831 un grupo de mormóns de Nova York establecéronse nunha zona que máis tarde sería parte de Kansas City. Construíron a primeira escola dentro dos límites actuais da cidade, pero foron expulsados por unha revolta popular en 1833.[1][2]
Durante a Guerra Civil a cidade de Kansas e os seus arrabaldes tiveron unha intensa actividade militar, aínda que a primeira batalla, en agosto de 1862, resultou unha vitoria confederada. A segunda batalla foi unha vistoria pírrica dos confederados, cun alto prezo ao ser derrotados na Batalla de Westport ao día seguinte, que puxo fin aos esforzos da Confederación en ocupar a cidade. Por outra parte,o xeneral Thomas Ewing Jr, en resposta a unha incursión en Lawrence, Kansas, dirixida por William Quantrill, emitiu a Orde xeral Nº 11 , obrigando ao desaloxo dos residentes en catro condados do oeste de Missouri, incluíndo o condado de Jackson, excepto os que vivían na cidade e as comunidades máis próximas e aqueles cuxa lealdade á Unión foi certificada por Ewing.
Despois da Guerra Civil a cidade de Kansas creceu rapidamente. A selección da cidade de Leavenworth, Kansas, para a ponte do ferrocarril Hannibal and St. Joseph Railroad sobre o río Missouri, provocou un crecemento de poboación, despois de 1869 cando se abriu a ponte. O boom provocou o cambio de nome a Kansas City en 1889 e a cidade estendeu as súas lindes ao sur e ao leste. Westport pasou a formar parte de Kansas City o 2 de decembro de 1897 e para 1900 Kansas City era a vixésima segunda cidade máis grande do país, con 163.752 habitantes.[3]
A finais do século XIX e inicios do século XX, os diferentes partidos políticos trataron de gañar influencia na cidade, varios edificios e estruturas importantes se construíron durante ese tempo, incluíndo o Kansas City City Hall e o pazo de xustiza do condado de Jackson. O desenvolvemento suburbano de Kansas City orixinalmente comezou coa implantación dos tranvías nas primeiras décadas do século XX. En 1950 os afroamericanos representaban o 12,2% da poboación de Kansas City.[3] O asasinato de Martin Luther King Jr. foi un catalizador para o motín de Kansas City en 1968. Neste momento os barrios marxinais comezaban a formarse no centro da cidade e os que podían permitirse o luxo de saír, mudáronse aos suburbios e aos barrios periféricos da cidade. Mentres a poboación total da cidade continuou crecendo, o centro da cidade seguiu diminuíndo. En 1940 a cidade contaba cuns 400.000 habitantes, no ano 2000 a mesma zona era o fogar de 180.000. De 1940 a 1960 a cidade duplicou o seu tamaño físico, ao tempo que aumenta a súa poboación en só uns 75.000 habitantes. En 1970 a cidade tiña unha superficie total de aproximadamente 820 quilómetros cadrados, máis de cinco veces o seu tamaño en 1940.
Xeografía
editarA cidade está constituída, como moitas outras dos Estados Unidos, dun centro de negocios arrodeado por grandes suburbios. Porén o río Missouri e a fronteira entre o estado de Missouri e o de Kansas ten freado o desenvolvemento da metrópole cara ao oeste.
Clima
editarA cidade sofre un clima continental, con grandes diferenzas de temperaturas entre o inverno e o verán. Os invernos son relativamente suaves, con poucas precipitacións nivais. No verán, as correntes de aire provenientes do golfo de México traen consigo calor e humidade. As estacións intermedias están marcadas por numerosas tormentas. Situada na denominada Tornado Alley ("Avenida dos tornados"), a cidade é escenario regular do paso dos mesmos.
Demografía
editarCon frecuencia chamada KCMO, Kansas City é o centro da Área metropolitana de Kansas City, a segunda aglomeración urbana de Missouri. Segundos datos do servizo estatístico oficial dos Estados Unidos do ano 2000, a cidade tiña unha poboación de 441.545 habitantes, o que a convertía na maior do estado de Missouri, mais en 2005, tiña 449.650 habitantes.
A densidade demográfica é de 543.7 habitantes por km². O 60,68% dos habitantes son brancos; o 31,23%, negros ou americano africano; o 1,85%, asiáticos; o 0,48%, americanos nativos; o 0,11%, habitantes das illas do Pacífico; o 3,21%, doutras razas, e o 2,44% son de dúas ou máis razas. O 6,93% da poboación é, con independencia da raza á que pertenzan, hispana ou latina.
Unida coa veciña Kansas do estado de Kansas, a poboación combinada atinxe 588.411 habitantes, e a totalidade da zona urbana (en ámbolos dous estados) sobe a 2 152 820 habitantes.
Economía
editarA grande área metropolitana de Kansas City é sede de catro das maiores empresas clasificadas en Fortune 500: Sprint Nextel Corporation,H&R Block, Embarq Corporation e máis YRC Worldwide Inc., e ademais conta coa sede de varias incluídas na lista Fortune 1000: (Interstate Bakeries Corporation, Great Plains Energy, Aquila Inc., AMC Theatres e DST Systems). Tamén ten o seu domicilio social Hallmark Cards, que pode figurar en ambas dúas listaxes, pero que non está incluída por ser propiedade privada da familia Hall. Existen ademais numerosas compañías agrícolas que operan fóra da cidade, como a Kansas City Board of Trade que é o principal centro comercial do trigo.
Educación superior
editarKansas City ten varias universidades e escolas (colleges). A maior é a Universidade de Missouri–Kansas City. A Universidade de Rockhurst é unha salientable universidade xesuíta e o Metropolitan Community College (Kansas City) é unha escola na que se poden cursar varias especialidades de 2 anos.
Deportes
editarOs equipos deportivos profesionais en Kansas City inclúen o Kansas City Chiefs (fútbol americano da NFL), o Kansas City Royals (béisbol da MLB), Sporting Kansas City (fútbol de Major League Soccer MLS)e o Kansas City Warriors (MLUSA). Kansas City está no proceso de construír un estadio novo que se espera que reciba un equipo de hóckey de NHL e o equipo de baloncesto da NBA.
Os Chiefs empezaron a xogar en 1960 como os Dallas Texans e mudáronse a Kansas City en 1963. Os Royals fundáronse en 1969 e son o único equipo de categorías maiores de Kansas que non se moveu nin cambiou de nome. Os Kansas City Wizards foron membros fundadores da MLS. En 2011 o equipo pasou a chamarse Sporting Kansas City e mudouse ao seu novo estadio, o Livestrong Sporting Park en Kansas City.
Kansas City costumaba ser a sede dun equipo da NBA, o Rochester Royals, que se fundou en 1945 en Rochester, antes de se converter no Cincinnati Royals. O equipo pasou a chamarse Kansas City-Omaha Kings 1972 a 1975, xa que xogou partidos na casa en ambas cidades. En 1975, o equipo xogou exclusivamente en Kansas City, e trocou unha vez máis o nome a Kansas City Kings. Os Kings xogaron alí ata 1985, cando a franquía se mudou a California e se converteu no Sacramento Kings.
Cultura
editarMuseos
editarO Museo de Arte Nelson-Atkins (Nelson-Atkins Museum of Art) posúe importantes coleccións de arte antiga, clásica e contemporánea. É considerado como un dos máis importantes dos Estados Unidos. Tamén podemos sinalar o National Word War I Museum, museo histórico e militar con actividades para nenos e adultos.
Parques
editarO Swope é o maior parque da cidade, cunha área de 713 hectáreas, é dicir máis do dobre da superficie do Central Park de Nova York. Ten outros espazos verdes, como o Parque zoolóxico, dous campos de golf etc.
Polo demais, case todas as rúas residenciais da cidade teñen plantados olmos americanos, aínda que hai que dicir que moitos foron atacados pola grafiose, polo que se iniciou un programa que os substituíse, en favor do Liquidámbar.
Transportes
editarAeroportos
editarKansas City dispón de varios aeroportos, dos que o principal é o Aeroporto internacional de Kansas City, que ten enlaces directos coas principais cidades do subcontinente norteamericano.
Estradas
editarA rede de estradas de Kansas City é moi densa. A cidade está sita no cruzamento de varias autoestradas, das cales a I-70 enlaza coa I-15 en Baltimore
Transportes públicos
editarKansas City, porén, como sucede con moitas cidades do país, carece dunha rede de transportes desenvolvida. Un programa recente propón mellorar isto, para o que propón empregar:
- O Max (Metro Area Express), un sistema de buses rápidos postos en funcionamento en 2005, que enlaza a centro urbano cos barrios do sur.
- O metro lixeiro, une o parque Swope co aeroporto internacional de Kansas City, e cuxo proxecto foi aprobado en 2006.
- O trolebús, que xa funcionara entre 1870 e 1957, cuxa reconstrución foi proposta en 2007, cunha rede que conectaría co metro lixeiro.
Cidadáns senlleiros
editar- Robert Altman, director cinematográfico.
- Burt Bacharach, pianista e compositor.
- Bob Brookmeyer, músico de jazz.
- Steve Cardenas, guitarrista de jazz.
- Jeanne Eagels, actriz de cine e teatro.
- Jean Harlow, actriz.
- King Kolax, trompetista de jazz.
- Billy Mitchell, saxofonista de jazz.
- Charlie Parker, músico e compositor de jazz.
- Ralph Peer, figura de música country.
- Basil Poledouris, compositor de música para filmes.
- Ed Sanders, escritor.
- Edgar Snow, xornalista.
- Ben Webster, músico de jazz.
- Big Joe Turner, cantante de blues e rock 'n' roll.
- Walter Grey Walter, neurofisiólogo.
- Tom Watson, lenda do golf.
Notas
editar- ↑ "Early City Limits". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 11 de setembro de 2006.
- ↑ Wilkinson, Ernest L. (1976). Brigham Young University: The First 100 Years. Vol. 1. Provo: BYU Press. p. 7.
- ↑ 3,0 3,1 "Missouri – Race and Hispanic Origin for Selected Cities and Other Places: Earliest Census to 1990". U.S. Census Bureau. Consultado o 18 de decembro de 2011.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Kansas City, Missouri |