KOMSCO

ceca pública surcoreana

Coordenadas: 36°22′41.5861″N 127°21′44.77″O / 36.378218361, -127.3624361

Korea Minting, Security Printing and ID Card Operating CorporationKOMSCO–, (en coreano: 한국조폐공사; en galego "Corporación de Cuñaxe e Impresión de Seguridade de Corea") é unha compañía pública suroreana responsable da cuñaxe de moedas e medallas e da impresión de billetes e outros documentos de seguridade para o Goberno surcoreano.[1]

KOMSCO
("Corporación de Cuñaxe e Impresión de Seguridade de Corea")



Acceso ás instalacións de KOMSCO

TipoEmpresa pública.
Fundación1 de outubro de 1951
Localización Yuseong (Daejeon)
Corea do Sur.
Persoas clavePresidente: Yoon Young-dae.
IndustriaCuñaxe e impresión.
ProdutosMoedas, medallas, billetes, impresión de seguridade etc.
Número de empregados1.562
Na rede
http://english.komsco.com
editar datos en Wikidata ]

A súa sede está na localidade de Yuseong na cidade metropolitana de Daejeon.[2]

Historia editar

 
Billetes e moedas circulantes en Corea, elaborados por KOMSCO

A compañía fundouse o 1 de outubro de 1951, en pleno desenvolvemento da Guerra de Corea. A súa primeira sede foi, con carácter provisional, un edificio de madeira na cidade de Busan.[3]

Na década de 1960 produciuse a grande expansión da empresa, coa instalación duns talleres de impresión de billetes na preexistente fábrica de papel de Daejeon e coa construción dunha nova planta para a cuñaxe de moeda en Busan.[3]

Na década seguinte a compañía, aínda en expansión, coa creación dunha terceira planta, deu un paso cara á internacionalización coa sinatura dun acordo de subministración de papel especial de seguridade a Tailandia, en 1970.[3]

A década de 1980 veu marcada polo establecemento dunha nova planta de papel e un notable crecemento en instalacións e en tecnoloxía para a fabricación tanto de moedas e billetes como doutros produtos, como tarxetas identificativas. Nestes anos inaugurouse tamén o Museo do Diñeiro.[3]

A diversificación dos produtos elaborados por KOMSCO intensificouse nas décadas seguintes, do mesmo xeito que a internacionalización do seu ámbito de operacións, que se viu reforzada coa organización da XI Conferencia de Impresores de Billetes do Pacífico e coa sinatura de contratos para a fabricación de moeda doutros países como Israel, a India, Tailandia ou a Arxentina, e de billetes para Indonesia e Vietnam.[3][4]

Produtos editar

  • Billetes en circulación en Corea do Sur e noutros países.[4][5]
  • Moedas circulantes e de colección de Corea do Sur e doutros países.[4][6]
  • Medallas e fichas para entidades públicas e privadas de todo o mundo.[7][8][9]
  • Lingotes de ouro e de prata certificados para investimento.[10]
  • Condecoracións.[11]
  • Pasaportes e tarxetas de identificación.[12]
  • Papeis especiais e de seguridade.[13]

Galería de produtos de KOMSCO editar

Museo do Diñeiro de Corea (KOMSCO) editar

 
Museo do Diñeiro da KOMSCO

O Museo do Diñeiro de Corea (Currency Museum of Korea), establecido en 1988, é a única institución museística dedicada en exclusiva ao diñeiro en todo o país. O museo depende de KOMSCO como unha parte dos seus servizos públicos sen ánimo de lucro e a súa visita é gratuíta. A súa colección abrangue arredor de 120.000 pezas, entre as que hai moedas e billetes en circulación tanto coreanos como do resto do mundo; moedas coreanas desde as dinastías Goryeo (918-1392) e Joseon (1392-1897) ata a actualidade, pezas conmemorativas, formas alternativas de diñeiro, selos de correos e outros obxectos. O museo estrutúrase en catro salas de exposición:[14]

  • Sala 1: moeda antiga. Amósase unha selección de moedas das antigas dinastías coreanas. Nesta sala é de salientar un exemplar do Gunwon Jung, de 996, a primeira moeda emitida na historia de Corea.[15] Noutras vitrinas desta sala expóñense exemplares de moedas moi variadas, desde as conmemorativas de Xogos Olímpicos pasados e moedas especiais, ata moedas da antiga Lidia de ca. 670 a. de C.[14]
  • Sala 2: billetes. Nesta sala hai unha gran variedade de billetes cunha detallada información do seu proceso de produción.[14]
  • Sala 3: falsificación. Amósanse aquí exemplares de moedas e billetes falsos, así como as medidas que as autoridades toman para a súa detección.[14]
  • Sala 4: moeda actual. Moedas en circulación de arredor de 120 estados de todo o mundo, ademais de selos de correos e medallas.[14]

Notas editar

  1. "Korea Minting & Security Printing Corporation", Company-listing.org
  2. "Korea Minting and Security Printing Corporation (KOMSCO) Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". Bundesamt für Sicherheit in der Informationstechnik.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "History". No sitio web de KOMSCO.
  4. 4,0 4,1 4,2 "S. Korea Makes Money by Making Mone y". En VOA News. 17 de xullo de 2012.
  5. "Banknote". Sitio web de KOMSCO.
  6. "Coinage". Sitio web de KOMSCO.
  7. "Korea Minting and Security Printing Corporation trabaja para crear medallas conmemorativas de BTS Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". Btsspain.es
  8. "Korea Minting and Security Printing Corporation to Craft Chips for Seoul Casino". Mostly Economics.
  9. "EXO to be the first idol to have a medal minted by the Korea Minting and Security Printing Corporation". Allkpop.com
  10. "Gold Bar & Silver Bar". Sitio web de KOMSCO.
  11. "Orders of Merit". Sitio web de KOMSCO.
  12. "Passport" e "ID cards". Sitio web de KOMSCO.
  13. "Cotton Pulp". Sitio web de KOMSCO.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 "Currency Museum of Korea". Korea Tourism Organization.
  15. "Gunwon Jung". Educalingo.com

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar