José Seijo Rubio
José Seijo Rubio, nado en Madrid o 15 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 9 de setembro de 1970,[1] foi un pintor recoñecido como un dos máximos expoñentes da pintura postimpresionista a nivel galego e español.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de outubro de 1881 Madrid, España |
Morte | 9 de setembro de 1970 (88 anos) A Coruña, España |
Actividade | |
Ocupación | pintor |
Membro de | |
Premios | |
Traxectoria
editarSeijo Rubio naceu en Madrid ao atoparse o seu pai destinado no Ministerio da Guerra, pero en 1887 a súa familia trasladouse a Lugo, e de alí a Betanzos, onde permaneceu dende 1889 ata 1897 e onde recibiu as súas primeiras clases de debuxo. Finalmente, en 1897 instalouse na Coruña, onde permaneceu ata a súa morte.
Seijo Rubio adicouse profesionalmente á docencia, sendo profesor de debuxo e caligrafía durante case cincuenta anos. Publicou o libro Teoría y práctica del arte de escribir (1916).[2][3] Compaxinou este labor coa organización e divulgación de actividades culturais, faceta que culminaría, co apoio do seu amigo o pintor Fernando Álvarez de Sotomayor, na inauguración do Museo de Belas Artes da Coruña, do que foi director ata pouco antes do seu falecemento.
Correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e membro de número da Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, da que foi secretario xeral, foi tamén delegado rexio de Belas Artes na provincia da Coruña e presidente da Asociación de Artistas da Coruña. Entre as honras recibidas destacan igualmente o seu ingreso como cabaleiro na Orde de Afonso XII (1926),[4] a encomenda de Afonso X o Sabio (1951)[5] e o seu nomeamento como fillo adoptivo da Provincia da Coruña (1939)[6] e da propia cidade herculina (1960).[7]
Faleceu en 1970, aos 88 anos de idade.
Produción pictórica
editarInfluenciado por Ignacio Zuloaga e por Francisco Lloréns, Seijo Rubio foi un prolífico pintor, cunha produción que se cifra nunhas dúas mil obras. A temática das súas pinturas, de estilo postimpresionista, céntrase no costumismo e na pintura de paisaxes, en especial mariñas e baixamares nas rías galegas. Cultivou principalmente a técnica ao óleo, se ben na súa madurez artística adicaría grande atención á acuarela.
En 1926 gañou a terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes coa obra A Marisma.[8] O cadro desapareceu nos bombardeos aliados en Berlín na segunda guerra mundial, pois decoraba os muros da embaixada española da capital alemá. Participou na Exposición Internacional de Venecia de 1924 e no Salón de París de 1936, onde obtivo unha nova medalla pola súa obra Cego de Santa Margarida. Expuxo tamén en cidades como Barcelona, Madrid ou Porto.
Notas
editar- ↑ "Falleció el pintor Seijo Rubio". El Pueblo Gallego (en castelán). 10 de setembro de 1970. p. 2.
- ↑ "La obra de Seijo Rubio". Vida Gallega (72): 25. 1 de xullo de 1916.
- ↑ "Notas bibliográficas". Diario de Galicia. 18 de agosto de 1916. p. 1.
- ↑ "Noticias de la región". La Voz de la Verdad. 30 de maio de 1926. p. 1.
- ↑ "La encomienda de Alfonso X El Sabio, a D. José Seijo Rubio". La Noche. 10 de xaneiro de 1951. p. 2.
- ↑ "Fué nombrado hijo adoptivo de la provincia el pintor Sr. Seijo Rubio". El Ideal Gallego. 5 de marzo de 1939. p. 2.
- ↑ "Información de La Coruña". El Correo Gallego. 17 de febreiro de 1960. p. 7.
- ↑ "Los artistas gallegos premiados". El Compostelano. 26 de xuño de 1926. p. 1.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: José Seijo Rubio |
Bibliografía
editar- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Tomo 28. Silverio Cañada Ed. Santiago de Compostela, 1974.
- González Fernández, Javier. "O pintor Seijo Rubio e Betanzos: a feminidade da paisaxe mariñá". Anuario Brigantino, nº 26. Betanzos, 2003.
- Pablos, Francisco (1981). Plástica Gallega (en castelán). Caja de Ahorros Municipal de Vigo. pp. 298–299. ISBN 84-7231-603-3.
- ——— (1981). Pintores gallegos del novecientos (en castelán). Fundación Barrié. ISBN 84-85858-06-9.
- ——— (2003). A pintura en Galicia - La pintura en Galicia (en bilingüe). Nigra Trea. p. 62-65. ISBN 84-95364-15-8.
Ligazóns externas
editar- Obras de Seijo no Museo de Belas Artes da Coruña.