Rafael González Villar
Rafael González Villar, nado na Coruña o 6 de outubro de 1887 e finado na mesma cidade o 11 de marzo de 1941,[1] foi un arquitecto modernista galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de outubro de 1887 A Coruña, España |
Morte | 11 de marzo de 1941 (53 anos) A Coruña, España |
Lugar de sepultura | cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
Actividade | |
Ocupación | arquitecto |
Membro de | Real Academia Galega (académico de número) (1941–1941) Real Academia Galega (membro correspondente) (1929–1941) Real Academia Galega de Belas Artes |
Obra | |
Obras destacables | |
Participou activamente na vida social e cultural da súa época. No 1914 foi nomeado presidente da Asociación de Arquitectos de Galicia[2], a partir de 1927 presidiu a Academia Provincial de Bellas Artes e no 1940 foi elixido membro de número da Real Academia Galega, da que, malia falecer días antes de ser investido, se considera igualmente académico numerario[3].
Traxectoria
editarRealizou os estudos de arquitectura na Escola Superior de Madrid, onde recibiu unha formación de tipo historicista e ecléctica, e concluíu os estudos en 1911 como número un da súa promoción[4].
Radicou a súa actividade profesional na cidade da Coruña, onde desenvolveu a maior parte da súa obra. A súa primeira creación de relevancia foi o Kiosco Alfonso no 1912, cun estilo modernista moi persoal, situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Ese mesmo ano realizou o Chalé Rialeda e tamén a Casa Limiñón. A primeira obra é unha casa de campo, de estilo inspirado na Secesión vienesa; a segunda obra é unha casa tipo cottage de aparencia máis pintoresca. Do 1916 era tamén obra súa o chalé Carnicero,[5] que puido contemplarse en Perillo (Oleiros) ata 2020, cando un incendio o destruíu.[6]
No 1915 proxectou a Casa Molina e o monumento a Concepción Arenal na cidade da Coruña. Constitúen tódalas obras anteriormente descritas unha arquitectura estreitamente vinculada ó academicismo que avanza paulatinamente cara a un tipo de arquitectura máis rexionalista.
Encargóuselle a construción dunha escola en Betanzos no ano 1917 e un ano despois encomendóuselle a Casa do Pobo, ámbalas obras legado de Jesús García Naveira á cidade brigantina. Realizou amais outras obras, entre as que se poden destacar a Casa Núñez e as reformas do Liceo e do Teatro Alfonsetti na vila betanceira ou a Casa Companioni na Cidade Xardín da Coruña, compaxinando a súa actividade profesional co cargo de arquitecto municipal da cidade herculina a partir de 1925. Atribúeselle tamén a creación dos Cines Capitol en Betanzos[7].
No 1922 foi proxectado polo arquitecto coruñés o Edificio Castromil[8], de estilo ecléctico expresionista próximo ó modernismo, situado en Santiago de Compostela. Tamén se constrúe en Compostela un edificio de vivendas proxectado polo arquitecto galego na rúa do Hórreo, facendo esquina coa actual Praza de Galicia en 1927.
Rafael González Villar realizou o proxecto do sanatorio de Cesuras para persoas tuberculosas[9] entre os anos 1922 e 1924, aínda que se paralizou a construción en 1931.
O arquitecto proxectou en 1935 o que sería coñecido como Cine Avenida, inaugurado no ano 1941 na cidade da Coruña. O novo edificio incluía un bloque de vivendas na fachada, situándose a sala do cinema no patio. Actualmente aínda existe, mais o seu futuro parece incerto[4][10].
Galería de imaxes
editar-
Kiosco Alfonso na Coruña (1912).
-
Chalé Rialeda en Oleiros (1912).
-
Casa Molina na Coruña (1915).
-
Monumento a Concepción Arenal na Coruña (1915).
-
Sanatorio de tuberculosos de Oza-Cesuras (1922).
-
Casa de Núñez en Betanzos (1923).
-
Casa de Núñez en Betanzos.
-
Palco da Música de Betanzos (1927).
-
Villa Molina, na Cidade Xardín da Coruña (1928).
-
Tumba de González Villar no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.
Notas
editar- ↑ "Necrolóxica". El Ideal Gallego. 12 de marzo de 1941. p. 3.
- ↑ Fundada en 1903 e logo englobada en 1930-31 no novo marco legal dos Colexios de Arquitectura, neste caso o Colexio de Arquitectos de León, con senllas delegacións provinciais na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, amais de Oviedo, León, Zamora, Salamanca e Palencia. Véxase "Decreto relativo a los Estatutos para el gobierno de los Colegios de Arquitectura" (PDF). Gaceta de Madrid. 14/06/1931. n.° 165, páxs. 1375-1380.
- ↑ "Rafael González Villar". Real Academia Galega.
- ↑ 4,0 4,1 "Los profesionales de A Coruña rinden homenaje a Rafael González Villar en el Día Mundial de la Arquitectura" (en castelán). Europa Press. 2-10-2006.
- ↑ "Una casa protegida agoniza en Perillo". La Voz de Galicia (en castelán). 29-9-2010.
Se trata de una vivienda que el arquitecto Rafael González Villar (...) diseñó para el industrial coruñés Enrique Carnicero Ríos
- ↑ J. M. Fernández Caamaño (9/8/2020). "Casa Carnicero, en el recuerdo". El Ideal Gallego (en castelán).
- ↑ Cabano Vázquez, Ignacio (1985). "La Arquitectura de Rafael González Villar en Betanzos" (PDF). Anuario Brigantino (en castelán) (8): 131–144.
- ↑ "Otras obras destruidas. Edificio Castromil" pdf (en castelán).
- ↑ "Decenas de casas históricas agonizan en el área sin ningún tipo de protección". La Voz de Galicia. 3 de outubro de 2010.
Una joya olvidada; el conocido como Sanatorio de los Incurables de Cesuras del arquitecto Rafael González Villar
. - ↑ "A Coruña: arquitectura desaparecida" pdf (en castelán).
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rafael González Villar |
Ligazóns externas
editar- A recuperación do parque forestal do sanatorio de Cesuras, no programa Labranza da TVG (14-9-2014).