Abrir o menú principal

Jesús Rey Alvite

mestre, xornalista e escritor galego

Jesús Segundo Rey Alvite, tamén coñecido polo pseudónimo Jersaef, nado en Santa María de Portor (Negreira) o 26 de agosto de 1878[1] e finado en Portas o 5 de outubro de 1941[2], foi un mestre, xornalista e escritor galego.

Jesús Rey Alvite
Jesús Rey Alvite 1915.jpg
Jesús Rey Alvite, retrato en Vida Gallega, 1915.
Nacemento26 de agosto de 1878
 Portor
Falecemento5 de outubro de 1941
 Portas
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista, mestre e escritor
FillosJesús Rey-Alvite Feás e José Rey-Alvite Feás
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Fillo do médico Jesús Vicente Rey e de María Alvite (falecida en San Lourenzo de Agrón, Ames, o 24 de agosto de 1917[3]). Estudou no Seminario de Santiago de Compostela, que despois abandonou para seguir a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela. En agosto de 1909 foi nomeado redactor-correspondente da revista Mondoñedo, época na que xa traballaba como correspondente do xornal bonaerense El Eco de Galicia[4]. O 18 de xuño de 1910 participou na entrega dun álbum de homenaxe a Eugenio Montero Ríos[5] e en agosto de 1912 recibiu un premio nos Xogos Florais de Pontevedra por unha biografía de Manuel Curros Enríquez[6]. Foi mestre en Amio e na escola municipal do barrio compostelán das Barreiras (1918-1941). Foi secretario da Comisión organizadora do monumento a Rosalía de Castro da Alameda de Compostela. O 3 de febreiro de 1927 foi elixido secretario da primeira xunta directiva da Asociación de Prensa de Santiago, baixo a presidencia de Celestino Sánchez Rivas[7]. Foi socio correspondente da Real Academia Galega. Faleceu na estación de ferrocarril de Portas, ao tentar saltar do tren á plataforma, aínda estando en marcha[8].

Colaborou en moitos medios de comunicación, foi redactor de Gaceta de Galicia (baixo o alcume de Jereal), El Eco de Santiago, El Compostelano e El Correo Gallego e foi correspondente en Compostela de periódicos galegos e estatais como Faro de Vigo ou La Prensa de Buenos Aires.

Vida persoalEditar

Casou en xaneiro de 1904 con Concepción Feás Mourelle (nada en 1879 e falecida en Santiago de Compostela o 27 de xuño de 1954) e foi pai dos tamén xornalistas José e Jesús Rey-Alvite Feás, así como de outros 6 fillos: Rosa, María Presentación (nada o 24 de novembro de 1910, foi mestra e casou con Benito Miser López), Sol Josefa, Joaquín Manuel (practicante de medicina e cirurxía en Leiro e, posteriormente, en Pozo Estrecho, Cartagena, e casou con Marujita Parente Montero), Antonio (nado en 1916 e finado en xaneiro de 2003, que foi axente da Policía Armada destinado en Barcelona e casou con Carmen González Seoane) e Juan José (nado en 1921 e finado en Santiago o 18 de novembro de 1927, de pneumonía).

Obra publicadaEditar

  • Masas corales (1905). Artigo no número 8 do 19 de febreiro de 1905 na revista da Habana Galicia, páxina 4.
  • D. Rafael M. de Labra: estudio biográfico (1911). Impreso na Tipografía Sindicato de Publicidad, Madrid; 23 páxinas.
  • Unha biografía de Manuel Curros Enríquez, premiada nos Xogos Florais de Pontevedra (1912), de título descoñecido.
  • Gallegos ¡Arriba! (1913). Artigo no número 3 de marzo de 1913 na revista da Habana Galicia Gráfica, páxinas 9-10.
  • Las fiestas compostelanas: Galicia de enhorabuena (1913). Artigo no número 7 na revista da Habana Galicia Gráfica, páxinas 8-9.
  • Ante la tumba del ruiseñor gallego (1913). Poema publicado no número 6 da revista bonaerense Suevia, páxinas 9-10.
  • ¡Qué cunda el ejemplo! (1913). Artigo publicado no número 8 da revista bonaerense Suevia, páxinas 4-6.
  • Crónicas compostelanas (1913). Artigo no número 9 do 4 de outubro de 1913 na revista da Habana Galicia Gráfica, páxina 25.
  • ¡Qué traballe!... : (conto que ten mais d'hestóreco que de fantásteco) (1914). Artigo no Almanaque gallego para Buenos Aires de 1914, páxinas 140-142.
  • La "Sultana de Morrazo" : Crónica pontevedresa (1917). Impreso na Tipografía de El Eco Franciscano, Santiago de Compostela; 8 páxinas.
  • Fiestas patronales santiaguesas: año... Monografía de Jesús Rey Alvite (1920). Libro conmemorativo das Festas do 25 de Xullo, con publicidade. Santiago de Compostela.
  • La obra de un buen gallego (1924). Artigo no número 5 na revista de Montevideo Alma Gallega, páxina 11.
  • Primer centenario del natalicio de Méndez Núñez : Cómo se efectuó el primer homenaje popular al Héroe del Callao (1924). Edición de Jacobo Rey González (sucursal de Paredes), Santiago de Compostela; 46 páxinas.
  • El Regimiento Infantería de Zaragoza 12 "El Glorioso" : Estudio histórico (1925). Impreso na Tipografía La Comercial, Santiago de Compostela; 20 páxinas.
  • Peregrinos de la diócesis tudense al templo del Apóstol Santiago (1926). Impreso na Tipografía, Fotografía e Encuadernación do Faro de Vigo, Vigo; 16 páxinas.
  • El Cardenal Martín de Herrera y de la Iglesia: 1835-1922: toda una vida de ejemplar apostolado católico y de protección constante a la indigencia (1927). Impreso na Litografía e Imprenta Roel, A Coruña; 30 páxinas.
  • La labor fecunda de López Ferreiro (1931). Artigo no número 235-240 (Tomo 20) no Boletín de la Real Academia Gallega; páxinas 323-340.
  • Los Santuarios jacobeos de la nación española (1932). Impreso na Litografía e Imprenta Roel, A Coruña; 175 páxinas.
  • El arma de caballería española y su patrono el Apóstol Santiago (1935). Impreso na Litografía e Imprenta Roel, A Coruña; 128 páxinas.
  • La Ofrenda Nacional al Apóstol Santiago : (1926 a 1935). Monografía de Jesús Rey Alvite (1936). Impreso na Litografía e Imprenta Roel, A Coruña; 190 páxinas.
  • El Jubileo jacobeo: su institución y desenvolvimiento hasta hoy: monografía por Jesús Rey Alvite (1937). Edición de Enrique Roel, A Coruña; 80 páxinas.

NotasEditar

  1. Empadroamento de Santiago de Compostela de 1894. 10º Tomo. P-R, no Arquivo Histórico Universitario de Santiago-AHUS, signatura 1177.
  2. El Compostelano, 6-10-1941, p. 2.
  3. El Correo de Galicia, de 25-8-1917.
  4. Gaceta de Galicia, de 11-8-1909.
  5. Gaceta de Galicia, de 18-6-1910.
  6. Diario de Galicia, de 20-8-1912, p. 3.
  7. El Correo Gallego, 10-9-2006, nun artigo de Héitor Picallo.
  8. El Compostelano, de 6-10-1941, p. 2.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar