Jerzy Kosinski

novelista estadounidense de orixe polaca


Jerzy Kosinski, nado co nome de Josek Lewinkopf en Łódź (Polonia) o 14 de xuño de 1933 e finado en Nova York o 3 de maio de 1991, foi un novelista estadounidense de orixe polaca.

Infotaula de personaJerzy Kosiński

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(pl) Józef Lewinkopf Editar o valor em Wikidata
14 de xuño de 1933
Łódź, Polonia
Morte3 de maio de 1991
Manhattan, EUA
Causa da morteSuicidio Editar o valor em Wikidata (Sobredose de barbitúricos Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América (1965–)
Polonia Editar o valor em Wikidata
Grupo étnicoPobo xudeu Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Columbia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoLiteratura Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónguionista , escritor , novelista , ensaísta Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1965 Editar o valor em Wikidata -
EmpregadorUniversidade Wesleyana Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoNovela
Pseudónimo literarioJoseph Novak Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa e lingua polaca Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeMary Hayward Weir (1962-1968)
Katherina "Kiki" von Fraunhofer (?-1991)
ParellaUrszula Dudziak (pt) Traducir (1988–1991) Editar o valor em Wikidata
Premios

IMDB: nm0467085 Find a Grave: 22310 Editar o valor em Wikidata

As súas novelas eran habituais da lista de libros máis vendidos do New York Times. Traducíronse a máis de 30 linguas, e o total de vendas estimábase nuns 70 millóns de exemplares en 1991. As súas obras máis coñecidas son The Painted Bird (1965) e Being There (1971).

Infancia, estudos e matrimonio editar

Nado como xudeu, co nome de Josek Lewinkopf, tivo que mudar o seu nome polo de Jerzy Kosinski e facerse pasar por católico para non caer preso polos nazis, acollido por unha familia labrega da Polonia Oriental grazas ás xestións do seu pai, que incluso logrou para el unha partida de bautismo falsa.

Despois da segunda guerra mundial, Kosinski reuniuse de novo cos seus pais e estudou historia e ciencias políticas na Universidade de Lodz, traballando como asistente na Academia Polaca das Ciencias. En 1957 emigrou aos Estados Unidos.

Graduouse na Universidade de Columbia e foi profesor en Yale, Princeton e outras universidades. En 1965 obtivo a cidadanía estadounidense.

Casou en 1962 con Mary Hayward Weir, que faleceu en 1968 debido a un cancro cerebral. Máis tarde, volvería casar, con Katherina von Fraunhofer.

Obra editar

The Painted Bird editar

The Painted Bird relata a experiencia dun neno (de relixión e etnia descoñecidas, aínda que de aparencia xudía e xitana) que deambula desamparado polas zonas campesiñas da Polonia Oriental antes e durante a segunda guerra mundial. O seu periplo sen rumbo a través dun mundo cruel, ignorante e supersticioso, convértese nunha metáfora da condición humana.

A novela, na que se quixeron ver reminiscencias autobiográficas (aínda que Kosinski desmentiu que se trataba dunha autobiografía no sentido estrito), foi considerada por Arthur Miller, Elie Wiesel e outros como unha das obras máis importantes da literatura do Holocausto.[1] Así, Weisel, por exemplo, escribiu no New York Times Book Review que se trataba "dunha das mellores... escrita con profunda sinceridade e sensibilidade".

Tras a publicación do libro nos Estados Unidos, Kosinski foi acusado no seu país natal de antipatriota debido á súa implacable descrición do medio rural polaco. As acusacións intensificáronse en 1968, coa campaña antixudía que puxeron en marcha as autoridades polacas, que obrigou a moitos xudeus a abandonar o país.[2]

O libro foi prohibido en Polonia e outros países de Europa Oriental, e o autor recibiu ameazas persoais, que chegaron incluso a un intento de agresión na súa propia casa por parte de dous inmigrantes polaco. A Kosinski doíalle que os polacos odiaran o seu libro e a súa persoa sen nin sequera ter tido a ocasión de lelo.

Finalmente, puido publicarse en Polonia en 1989. En Varsovia vendéronse miles de exemplares en pouco tempo e a xente facía colas de varias horas para comprar libros autografados polo autor.[2] O crítico literario e profesor da Universidade de Varsovia, Paweł Dudziak, cualificou The Painted Bird como unha grande obra e resaltou a súa vertente simbólica, argumentando que as acusacións de antipatriótica non tiñan sentido xa que as descricións dos ambientes e os caracteres que aparecían no libro non debían ser tomadas literalmente.[3]

Con todo, a recepción do libro non foi uniformemente positiva. "Cando The Painted Bird de Kosinski foi traducido ao polaco – escribiu Iwo Cyprian Pogonowski – leuno a xente coa que a familia Lewinkopf vivira durante a guerra. Escandalizáronse polas historias de abusos que nunca ocorreran. Recoñeceron os nomes dalgúns nenos xudeus aos que axudaron durante a guerra, nenos que sobreviviron grazas a eles, agora representados como vítimas do seu abuso. Estaban furiosos pola ingratitude de Jerzy".

En posteriores reedicións, Kosinski explicou que tanto a nacionalidade como a raza dos seus personaxes se ocultaran para previr malas interpretacións, e insistiu en que a novela non era unha autobiografía, senón unha metáfora da confrontación entre o ser humano no seu estado máis indefenso (un neno) e a sociedade no seu estado máis inhumano (a guerra).

Steps editar

Steps (1968), unha novela construída a partir de fragmentos de forte contido autobiográfico, é probablemente a súa novela de maior prestixio. Gañou o National Book Award en 1969.[4]

En 1975, Chuck Ross (un escritor dos Ánxeles) realizou un experimento con esta novela: enviou 21 páxinas do libro a catro editores asinadas co pseudónimo de Erik Demos. O libro foi devolto por todos os editores, incluso por Random House, que publicara a novela de Kosinski. En 1981 repetiu o experimento, pero esta vez enviando a novela enteira. O resultado foi o mesmo.[5]

Being There editar

Being There (1971) é unha novela breve, sinxela e divertida, cun ton moi diferente do das outras dúas, que, baixo a súa aparente calma, arremete contra a superficialidade do mundo moderno.

Foi convertida en película en 1979, dirixida por Hal Ashby e protagonizada por Peter Sellers. Kosinski participou na elaboración do guión e gañou un BAFTA da Academia Británica por iso.[6]

Controversias editar

A vida e obra de Kosinski está tan chea de zonas escuras como as súas obras, até o punto de que o propio Kosinski parece en ocasións un personaxe de ficción.

Segundo o escritor, ensaísta, editor e tradutor norteamericano Eliot Weinberger, Kosinski non puido ser o autor de The Painted Bird porque non dominaba suficientemente o inglés na época da súa publicación (só levaba seis anos nos Estados Unidos).[7] M.A. Orthofer matiza a afirmación de Weinberger dicindo que o mesmo Kosinski foi unha falsificación nalgúns aspectos, porque aparentou ser alguén que non era en realidade (como moitos dos personaxes dos seus libros). As mellores falsificacións son as que sementan dúbidas acerca de que parte delas é verdadeira e que parte non o é.[8]

En Jerzy Kosinski: A Biography, de James Park Sloan, D. G. Myers argumenta que os feitos relatados en The Painted Bird son ficticios e fixéronse pasar por autobiográficos por consello dos editores.

O artigo de Stokes editar

En xuño de 1982, un artigo publicado en Village Voice e asinado por Geoffrey Stokes e Eliot Fremont-Smith, acusou directamente a Kosinski de plaxio. Aseguraban que gran parte do seu traballo estaba tomado de fontes polacas, que resultaban inaccesibles para os lectores occidentais. Citaban, por exemplo, que Being There tiña unha gran semellanza con Kariera Nikodema Dyzmy — unha coñecida novela polaca de 1932 escrita por Tadeusz Dołęga-Mostowicz. Tamén sinalaban que Kosinski escribiu The Painted Bird en polaco, e que logo fixera que se traducira en segredo ao inglés para a súa publicación. Outra grave acusación, fundamentada nas diferenzas estilísticas e de puntuación entre unhas novelas e outras, sostiña que Kosinski e os seus editores utilizaban naquel momento escritores sen acreditar para redactar as súas obras. O poeta e tradutor neoiorquino George Reavey asegurou ter escrito The Painted Bird para Kosinski, aínda que non se lle prestou moita atención.[9]

O artigo tamén presentaba unha visión diferente da vida de Kosinski durante a segunda guerra mundial, apoiada posteriormente pola biógrafa polaca Joanna Siedlecka e por Sloan. O artigo aseguraba que The Painted Bird parecía ser semi-autobiográfico, pero que se trababa de pura ficción, xa que Kosinski pasara toda a guerra oculto cunha familia católica e que non fora maltratado.

O escritor e editor británico Terence Blacker respondeu en 2002 a este artigo, sinalando que os libros de Kosinski tiñan unha visión e unha voz consistente entre eles, e que o verdadeiro problema do seu autor era que despertara moitas envexas polo seu estilo de vida (pouco convencional e abundante en excesos) e o seu éxito.

John Corry, un personaxe controvertido por si mesmo, defendía a Kosinski nun artigo publicado no New York Times en 1982. Entre outras cosas, Corry alegaba que a teoría de que Kosinski era un falsificador e un plaxiario, e que estaba a soldo da CIA, foi difundida polo goberno comunista polaco para desacreditalo.[10]

Outro argumento dos defensores de Kosinski era que, ao basearse nas diferenzas estilísticas entre as súas diferentes obras para apoiar a teoría do plaxio, os seus detractores parecían esquecer que esas mesmas diferenzas existen en case calquera autor se se considera un período de tempo suficientemente longo.

Kosinski mesmo respondeu que el nunca dixera que os seus libros foran autobiográficos. En 1988, escribiu The Hermit of 68th Street, onde demostraba o absurdo que resultaban as investigacións sobre o seu traballo previo insertando notas a pé de páxina en practicamente todas as palabras do libro.[11]

Colaboracións en radio, TV e cinema editar

Kosinski apareceu 12 veces no programa televisivo The Tonight Show de Johnny Carson entre 1971 e 1973, así como tamén no Dick Cavett Show en 1974. Tamén colaborou na radio, posou seminú para a fotógrafa Annie Leibovitz en 1982 e presentou o Óscar ao mellor guión orixinal na cerimonia de entrega deses premios ese mesmo ano.

Interpretou o papel do revolucionario e membro do Politburó Bolshevik no filme Reds, de Warren Beatty, recibindo críticas positivas polo seu traballo. Tamén adaptou para a pantalla, como se comentou arriba, a súa novela Being There.

Suicidio editar

En 1979 Kosinski dicía nunha entrevista que, aínda que non tiña tendencias suicidas, quería conservar a posibilidade de elixir o seu final se unha enfermidade terminal afectase a súa mente ou o seu corpo.

Kosinski suicidouse o 3 de maio de 1991, tomando unha dose mortal de barbitúricos, o seu habitual ron con Coca Cola, e asegurándose do resultado introducindo a súa cabeza nunha bolsa de plástico.

Deixou unha nota: "Funme durmir por un tempo maior do habitual. Chamando Eternidade a ese tempo" (Newsweek, 13 de maio de 1991).

Obra editar

  • The Future Is Ours, Comrade: Conversations with the Russians (1960), publicada co pseudónimo "Joseph Novak"
  • No Third Path (1962), publicada co pseudónimo "Joseph Novak"
  • The Painted Bird (1965)
  • The art of the self: Essays à propos Steps (1968)
  • Steps (1969)
  • Being There (1971)
  • The Devil Tree (1973, revised & expanded 1982)
  • Cockpit (1975)
  • Blind Date (1977)
  • Passion Play (1979)
  • Pinball (1982)
  • The Hermit of 69th Street (1988)
  • Passing By: Selected Essays, 1962-1991 (1992)

Notas editar

  1. Agnieszka Piotrowska, "Sex, Lies and Literary Confusion", The Observer, 2 de abril, 1995.
  2. 2,0 2,1 "Poland Publishes 'The Painted Bird'", The New York Times, 22 de abril, 1989.
  3. Paweł Dudziak, JERZY KOSIŃSKI Arquivado 15 de maio de 2011 en Wayback Machine., 2003. Consultado en 2013. (en polaco)
  4. www.scaruffi.com/fiction/nba.html Winners of the National Book Award in Fiction Consultado en 2013.
  5. "Time Magazine on Ross experiment". Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2013. Consultado o 29 de xaneiro de 2013. 
  6. [1]
  7. Eliot Weinberger Genuine Fakes in his collection Karmic Traces; New Directions, 2000, ISBN 0-8112-1456-7; ISBN 978-0-8112-1456-8
  8. "Facts and Fakes" by M.A.Orthofer
  9. D. G. Myers, Jerzy Kosinski: A Biography by James Park Sloan
  10. "select.nytimes.com". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2007. Consultado o 29 de xaneiro de 2013. 
  11. New York Theatre Wire: "More Lies About Jerzy" by Lucy Komisar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar