Fads and Fallacies in the Name of Science

libro de Martin Gardner

Fads and Fallacies in the Name of Science (Modas e falacias en nome da ciencia) é un libro de 1957 de Martin Gardner, publicado orixinalmente en 1952 co título In the Name of Science: An Entertaining Survey of the High Priests and Cultists of Science, Past and Present.[1][2][3] O libro é un exame do que nel se describe como pseudociencias e crenzas de culto, e converteuse nun documento fundacional do nacente movemento do escepticismo científico. Michael Shermer dixo del: "o escepticismo moderno desenvolveuse nun movemento baseado na ciencia, empezando polo clásico de 1952 de Martin Gardner".[4]

O libro refuta o que nel se caracteriza como pseudosciencia e os pseudocientíficos que a propagan.

Contidos

editar

Sinopse

editar

Fads and Fallacies in the Name of Science empeza facendo un breve exame do espallmento das ideas de "excéntricos" (cranks) e "pseudocientíficos", atacando a credulidade da prensa popular e a irresponsabilidade das casas editoriais por axudaren a propagar estas ideas. Os excéntricos adoitan citar casos históricos nos que ideas que foron rexeitadas son agora aceptadas como correctas. Gardner recoñece que tales casos ocorreron, e describe algúns deles, pero di que os tempos cambiaron: "en todo caso, os xornais científicos erran pola parte de permitir que se publiquen teses cuestionables". Gardner recoñece que "entre os científicos máis vellos ... un pode ocasionalmente atoparse con prexuízos irracionais contra un novo punto de vista", mais engade que "un certo grao de dogma ... é tan necesario coma desexable" porque doutro xeito "a ciencia sería reducida a un caos ao termos que examinar cada nova noción de última moda que apareza."

Gardner di que os excéntricos teñen dúas características en común. A primeira "e máis importante" é que traballan nun illamento case total da comunidade científica. Gardner define a comunidade como unha rede eficiente de comunicación dentro dos campos da ciencia, xunto co proceso cooperativo de comprobar novas teorías. Este proceso permite que se publiquen teorías aparentemente raras, como a teoría da relatividade de Einstein, que inicialmente encontrou unha oposiciónn considerable; esta nunca foi desbotada como o traballo dun chalado, e axiña suscitou unha aceptación case universal.[5] Pero os excéntricos "mantéñense completamente fóra das canles intimamente integradas a través das cales se introducen e avalían as novas ideas. Non envían os seus descubrimentos aos xornais e revistas recoñecidos ou, se o fan, son rexeitados por razóns que na gran maioría dos casos son excelentes."

A segunda característica do excéntrico (que tamén contribúe ao seu illamento) é a tendencia á paranoia. Hai cinco maneiras polas cales é probable que esta tendencia se manifeste, que son:

  1. O pseudocientífico considérase a si mesmo un xenio.
  2. Considera que os outros investigadores son estúpidos, deshonestos ou ambas as cousas.
  3. Cre que hai unha campaña contra as súas ideas, unha campaña comparable á persecución de Galileo ou Pasteur. Pode atribuír a súa "persecución" a unha conspiración pola "masonería" científica, que non está disposta a admitir a ninguén ao seu sancta sanctorum sen unha apropiada iniciación.
  4. En lugar de esquivar a corrente científica principal, os pseudocientíficos atácana directamente: o científico máis reverenciado é Einstein, así que Gardner escribe que Einstein é a figura do establishment que máis probablemente será atacada.
  5. Ten unha tendemcia a usar unha xiria complexa, a miúdo creando palabras e frases. Gardner compara isto co xeito en que falan os esquizofrénicos usando o que os psiquiatras chaman "neoloxismos", "palabras que teñen un significado para o paciente, pero que soan como un Jabberwocky [inintelixibles][6] a calquera outra persoa."[7]

Estas características psicolóxicas demóstranse en diversos graos ao longo dos restantes capítulos do libro, nos cales Gardner examina "modas" concretas que el etiqueta como pseudocientíficas. Os seus escritos convertéronse no libro fonte do cal se basearon moitos estudos posteriores da pseudociencia (por exemplo, a Encyclopedia of Pseudo-science).

Capítulos

editar

Como di o subtítulo do libro discútense nos seguintes capítulos do libro "as curiosas teorías dos pseudocientíficos modernos e os cultos estraños, divertidos e alarmantes que os rodean" ("The curious theories of modern pseudoscientists and the strange, amusing and alarming cults that surround them"):

  1. In the Name of Science [No nome da ciencia]
    • capítulo introdutorio
  2. Flat and Hollow [Plana e oca]
  3. Monsters of Doom [Monstrons da condenación]
  4. The Forteans [Os forteanos]
  5. Flying Saucers [Pratos voantes]
  6. Zig-Zag-and-Swirl [zigzag e xiro]
  7. Abaixo Einstein!
  8. Sir Isaac Babson
  9. Dowsing Rods and Doodlebugs [Varas de rabdomancia ]
  10. Under the Microscope [Baixo o microscopio]
  11. Geology versus Genesis [A xeoloxía fronte ao Xénese]
  12. Lysenkoism [ lysenkoísmo ]
  13. Apologists for Hate [Apoloxistas do odio]
  14. Atlantis and Lemuria [[Atlántida e Lemuria]
  15. The Great Pyramid [A Gran pirámide]
  16. Medical Cults [Cultos médicos]
  17. Medical Quacks [Fraudes médicas]
  18. Food Faddists [Seguidores da moda dos alimentos]
  19. Throw Away Your Glasses! [Tira as túas lentes!]
  20. Eccentric Sexual Theories [Teorías sexuais excéntricas]
  21. Orgonomy [Orgonomía]
  22. Dianetics [Dianética]
  23. General Semantics, Etc. [[Semántica xeral, etc]
  24. From Bumps to Handwriting [Dos vultos á escritura a man]
  25. ESP and PK [PES (percepción extrasensorial) e PC (psicoquinese)]
  26. Bridey Murphy and Other Matters [Bridey Murphy e outras materias]
    • Morey Bernstein e Bridey Murphy
    • Unha última alegación pola ortodoxia e a responsabilidade na publicación

Historia

editar

A publicación de 1957 de Dover Publications é unha versión revisada e ampliada de In the Name of Science, que foi publicado por G. P. Putnam's Sons en 1952. O subtítulo explica claramente o tema do libro: "As curiosas teorías dos pseudocientíficos modernos e os cultos estraños, divertidos e alarmantes que os rodean. Un estudo da candidez humana". En 2005 xa fora reimpreso polo menos 30 veces.

O libro ampliouse cun artigo que fora primeiro publicado en Antioch Review en 1950,[8] e no prefacio á primeira edición, Gardner dá as grazas á Review por permitirlle desenvolver o artigo como o punto de partida do libro.[9] Non incluíu todo o material do artigo no libro. Por exemplo, no artigo, Gardner escribe:

O lector pode marabillarse de por que un científico competente non publica unha refutación detallada das especulacións biolóxicas absurdas de Reich. A resposta é que ao científico informado non lle importa, e, de feito, danaría a súa reputación por tomarse o tempo de emprender unha tarefa tan ingrata.

E comenta nunha nota a rodapé:

Porén, non está dentro do obxectivo deste artigo discutir os criterios técnicos polos cales ás hipóteses se lles deron graos altos, baixos ou negativos de confirmación. O noso propósito é simplemente botar unha ollada a varios exemplos dun tipo de actividade científica que non consegue en absoluto axustarse aos estándares científicos, pero ao mesmo tempo é o resultado dunha actividade mental tan intricada que consegue unha aceptación temporal por moitas persoas leigas insuficientemente informadas para recoñecer a incompetencia científica. Aínda que non hai, obviamente, unha liña clara que separe a investigación competente da incompetente, e hai ocasións nas que a "ortodoxia" científica pode atrasar a aceptación de novas ideas, o feito segue sendo que a distancia entre o traballo de científicos competentes e as especulacións dun Voliva ou Velikovsky é tan grande que xorde unha diferenza cualitativa que xustifica a etiqueta de "pseudociencia." Desde a época de Galileo, a historia da pseudciencia estivo tan completamente fóra da historia da ciencia que os dous ríos se tocan só nos casos máis raros.

Mentres que no libro Gardner escribe:

Se alguén anuncia que a Lúa está feita de queixo verde, non se debe esperar que o astrónomo profesional baixe do seu telescopio e escriba unha refutación detallada. “Un libro de texto bastante completo de física sería soamente unha parte da resposta a Velikovsky,” escribe o profesor Laurence J. Lafleur, no seu excelente artigo sobre "Excéntricos e Científicos" (Scientific Monthly, novembro, 1951), "e, por tanto, non é sorprendente que o científico encontre que a empresa non paga a pena."

E na conclusión do capítulo di:

Igual que un doutor experimentado pode diagnosticar certas doenzas no instante en que un novo paciente entra na súa consulta, ou un policía aprende a recoñecer os tipos criminais a partir de sutís pistas do seu comportamento que escapan ao ollo non adestrado, así nós, quizais, poidamos aprender a recoñecer unha excetricidade científica futura cando nons atopemos con ela por primeira vez.

Recepción

editar

Unha revisión contemporánea aparecida en Pittsburgh Post-Gazette dá especialmente a benvida ás observacións críticas de Gardner sobre a terapia de Hoxsey e sobre o Krebiozen, que foron ambas promovidas como medidas anticancro na súa época. A revisión conclúe que o libro "debería axudar a contraatacar algúns contos divertidos ou positivamente daniños, a existencia dos cales é promovida con demasiada frecuencia polo xornalismo irresponsable."[14]

A obra foi mencionada en posteriores libros e artigos. Louis Lasagna, no seu libro The Doctors' Dilemmas, considerou que era un "soberbio reconto de cultos científicos, modas e fraudes" e escribiu que "este talentoso escritor combina os feitos sólidos cun estilo agradable."[15]

O sociólogo da relixión Anson D. Shupe adoptou en xeral unha actitude positiva, e alabou a Gardner polo seu sentido do humor. Pero dixo

Se hai unha crítica que se lle poida facer a Gardner ... é que el acepta demasiado confortablemente a sabedoría convencional, ou a realidade social aceptada, da ciencia do actual século XX e da cristiandade norteamericana de clase media. Dalgún modo é evidente (para min polo menos) que está implicitamente facendo un pacto co escritor para avaliar estes grupos marxinais polas súas propias presuncións compartidas sobre o que é "normal". Así, está bastante seguro de asignar etiquetas como "fraude", "excéntrico" e "absurdo". En ciencia o uso de tales xuízos de valor pode ser bastante dependente da época; igual que nas relixións nas que a herexía de hoxe pode ser a ortodoxia de mañá. As probablidades, por suposto, están sempre do lado do escritor que critica grupos marxinais porque falando estatisticamente só uns poucos deles sobreviven. Porén, cando un grupo capea a súa infancia e continúa ata prosperar, invariablemente os seus detractores orixinais semellan un pouco máis arbitrarios do que o parecían inicialmente, e entón a tortilla deuse a volta.

Na década de 1980 tivo lugar unha feroz discusión entre Gardner e Colin Wilson. En The Quest for Wilhelm Reich Wilson escribiu do seu libro

(Gardner) escribe sobre varios tipos de excéntricos coa superioridade consciente dos científicos, e na maioría dos casos un pode compartir o seu sentido de vitoria da razón. Mais despois de media ducia de capítulos esta superioridade sen fin empeza a irritar; vostede empeza a preguntarse sobre os estándares que fan que estea tan seguro de que el está sempre no certo. Sostén que o científico, a diferenza do excéntrico, fai o máximo para manterse coa mente aberta. Así que como pode estar tan seguro de que ningunha persoa corda nunca vira un prato voante, ou usado unha vara de rabdomancia para localizar auga? E que toda a xente que está en desacordo son fanáticos desequilibrados? Un colega do filósofo positivista A. J. Ayer sinalou unha vez ironicamente "ogallá estivese tan seguro de algo coma el parece estalo de todo". Martin Gardner produce a mesma sensación.

Segundo conta o propio Wilson, ata ese momento el e Gardner foran amigos, pero Gardner considerouse ofendido.[18] En febreiro de 1989 Gardner escribiu unha carta publicada en The New York Review of Books describindo a Wilson como "xornalista líder do oculto en Inglatera, e un firme crente en fantasmas, poltergeists, levitacións, rabdomancia, PC (psicoquinese), PES (percepción extrasensorial), e calquera outro aspecto da escena psíquica".[19] Pouco despois, Wilson replicou, defendéndose e engadindo "o que me parece a min máís interesante é que cando Mr. Gardner —e os seus colegas do CSICOP— empezan a denunciar os 'Yahoos do paranormal,' arránxanse para xerar unha atmosfera de histeria tan intensa ...".[18] Gardner á súa vez respondeu citando a súa propia descrición inicial de Wilson: "O anterior mozo marabilloso, alto e xeitoso no seu xersei de colo alto, decaeu agora a un excéntrico amable polos cales é coñecida a terra de Conan Doyle. Eles axexan comicamente sobre as marxes lunáticas da ciencia ..."[18]

Nunha revisión dunha obra posterior de Gardner, Paul Stuewe do Toronto Star denominou Fads and Fallacies unha "demolición enormemente divertida do sen sentido pseudocientífico".[20] Ed Regis, escribindo en The New York Times, considerou o libro como "a clásica humillación da pseudosciencia".[21] O escéptico Michael Shermer denominou o libro "o escéptico clásico do pasado medio século." Indicou que a popularidade do libro chegou cando John W. Campbell denunciou o capítulo sobre dianética na radio.[1]

Mark Erickson, autor de Science, culture and society: understanding science in the twenty-first century, sinalou que o libro de Gardner proporcionou "un aroma do inmenso optimismo que rodeaba á ciencia na década de 1950" e que esta escolla de temas era "interesante", pero tamén que os seus ataques á "osteopatía, quiropráctica e o método de Bates para corrixir a vista faría levantar as cellas aos médicos de hoxe".[22]

A propia resposta de Gardner ás críticas pode verse neste prefacio:

A primeira edición do seu libro motivou moitas cartas curiosas de lectores irritados. As cartas máis violentas procedían de reichianos, furiosos porque o libro onsideraba a orgonomía xunto con (para eles) cultos extravagantes como a dianética. Os dianéticos, por suposto, pensaban o mesmo da orgonomía. Dixéronme os homeópatas que se sentían insultados por encontrarse [no libro] na compaña con fraudes como a osteopatía e a quiropráctica, e un quiropráctico de Kentucky “compadecíase” de min porque eu dera as costas ao maior don de Deus á humanidade que sofre. Varios admiradores do doutor Bates favorecéronme con cartas tan mal tecleadas que sospeito que os que as escribiron tiñan unha urxente necesidade de lentes potentes. Por estraño que pareza, a maioría deses correspondentes queixábanse soamente dun capítulo, pensando que todos os outros eran excelentes.[23]
  1. 1,0 1,1 Shermer, Michael (2001). The borderlands of science: where sense meets nonsense. Oxford University Press US. p. 50. Consultado o 14 de febreiro de 2011. Fads and Fallacies in the Name of Science. 
  2. Gardner (1957)
  3. Dover -o editor da segunda edición do libro- publicar unha colección de crebacabezas matemáticos un ano antes, e Gardner xa escribira moitos artigos durante a década de 1950.
  4. Shermer, Michael (2002). Why People Believe Weird Things: Pseudoscience, Superstition, and Other Confusions of Our Time. Nova York: Henry Holt. p. 16. ISBN 0-8050-7089-3. 
  5. Gardner (1957) pp. 8–9
  6. Jabberwocky é un poema inintelixible que está incluído no libro Alicia do outro lado do espello. Rundus, Raymond J. (outubro de 1967). ""O Frabjous Day!": Introducing Poetry". The English Journal (National Council of Teachers of English) 56 (7): 958–963. JSTOR 812632. doi:10.2307/812632. 
  7. Gardner (1957) pp 13-14
  8. Gardner (1950)
  9. Gardner (1957) p. viii
  10. Gardner (1950) p. 456
  11. Gardner (1950) p. 456, n.4
  12. Gardner (1957) p. 11
  13. Gardner (1957) p. 15
  14. "A Study of the Strange Growth of Pseudo-Science". Pittsburgh Post-Gazette. 16 de novembro de 1957. Consultado o 14 de febreiro de 2011. 
  15. Lasagna, Louis (1970). The doctors' dilemmas. Ayer Publishing. p. 292. ISBN 9780836916690. Consultado o 14 de febreiro de 2011. 
  16. Shupe, Anson D. (1981). Six perspectives on new religions: a case study approach. The Edwin Mellen Press. p. 50. ISBN 0-88946-333-6. 
  17. Wilson, Colin (1981). The Quest for Wilhelm Reich. Granada Publishing. pp. 2–3. 
  18. 18,0 18,1 18,2 letter, New York Review of Books, 15 de xulo de 1989
  19. carta, New York Review of Books, 16 de febreiro de 1989
  20. Paul Stuewe (17 de marzo de 1990). "Politics and biography make strange bedfellows". Toronto Star. Arquivado dende o orixinal o 5 de novembro de 2012. Consultado o 14 de febreiro de 2011. 
  21. Ed Regis (4 de xuño de 2000). "There's One Born Every Minute". The New York Times. Consultado o 14 de febreiro de 2011. 
  22. Erickson, Mark (2005). Science, culture and society: understanding science in the twenty-first century. Polity. pp. 150–151. ISBN 9780745629759. Consultado o 14 de febreiro de 2011. 
  23. Gardner (1957) prefacio

Bibliografía

editar

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar