Francisco Rodríguez Otero
Francisco Rodríguez Otero, coñecido como Paquiño de Figueiró, nado en Tomiño o 1 de novembro de 1897 e finado en Mondariz o 4 de outubro de 1936, foi un político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de novembro de 1897 Goián, España |
Morte | 4 de outubro de 1936 (38 anos) Mondariz, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | xornalista , político |
Lingua | Lingua castelá |
Traxectoria
editarFarmacéutico de profesión, foi un político agrarista que presidiu a Federación Municipal Agraria de Tomiño. Na ditadura de Primo de Rivera foi concelleiro de Tomiño e presidente da Unión Patriótica.[2] En 1926 renunciou como concelleiro de Tomiño e foi nomeado presidente da Entidade Local Menor de Goián.[3] Foi correspondente de El Pueblo Gallego en Goián.[4] Foi coorganizador e tesoureiro do Congreso Provincial Agrario (1929).[5] Directivo da Sociedad Aurora del Porvenir en Tomiño.[a] Ocupou o cargo de Secretario do Xulgado de Paz de Tomiño. Foi concelleiro en Tomiño en 1931. En decembro de 1933 abandonou a súa militancia no agrarismo.[6] Foi membro do Partido Galeguista.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 acompañou a Antón Alonso Ríos a Tui e A Guarda en calidade de enlaces entre os diferentes Comités de Defensa da República do baixo Miño. Cando entraron as tropas en Tui fuxiu a Portugal o día 25 de xullo camiño do Brasil onde vivían as súas irmás. Cando entrou nun bar a tomar café un veciño falanxista recoñeceuno e denunciouno á policía lusa que o entregou a policía española polo posto internacional de Tui. Detido o 29 de xullo, o 6 de agosto foi internado no Seminario de Tui, que funcionaba como prisión. Tiña causa aberta en Vigo por traizón. O 4 de outubro de 1936 foi sacado da prisión e levado polos falanxistas ata Mondariz onde foi paseado con Hipólito Gallego Camarero, Fernando Rubio Estévez, Manuel Piñeiro Zúñiga, Domingo Páramos Núñez e Manuel Pérez Besada, aparecendo o seu corpo tirado na cuneta.
Foi un dos fundadores e xogador (capitán) de Goián Fútbol Club.
Vida persoal
editarCasou con Isaura Gómez Pérez en 1927 e foi pai de María Ivonne e Mario Rodríguez Gómez.
Notas
editar- ↑ Escola Aurora del Porvenir en patrimoniogalego.net.
- Referencias
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Bouza Rey, Carmen (2011). Izaura Gomes. De Lisboa a Galicia. Concello de Tomiño.
- Rodríguez Gallardo, Ángel (2008). "A represión franquista no concello de Tui". O Miño, unha corrente de memoria. Actas das Xornadas sobre a represión franquista no Baixo Miño (2006, 2007). Ponteareas: Alén Miño. p. 91. ISBN 978-84-930739-8-5.
Ligazóns externas
editar- Francisco Rodríguez Otero na base de datos do proxecto Nomes e voces.
- Jorge Pereira, Natalia (2004). "As escolas indianas en Tomiño" (PDF). Pontenova (10): 107–116. Archived from the original on 12 de marzo de 2016. Consultado o 02 de maio de 2019.