Francisco Porto Rey
Francisco Porto Rey,[1] nado na rúa do Carme do Carril (Vilagarcía de Arousa) o 16 de xaneiro de 1876 e finado en Vigo o 22 de maio de 1941,[2] foi un xornalista e escritor galego e galeguista.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de xaneiro de 1876 O Carril, España |
Morte | 22 de maio de 1941 (65 anos) Vigo, España |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, escritor |
Membro de | |
Familia | |
Fillos | Manuel Porto Casás, Ramón Porto Casás |
- Non confundir con Francisco de Asís Porto Rey (Santiago de Compostela, †1937).
Traxectoria
editarFillo de Francisco Porto Codesido e Carmen Rey Formoso. Francisco comezou os estudos de dereito, pero deixounos para dedicarse principalmente á literatura e ao xornalismo, ademais do seu traballo principal na xefatura dos talleres da Compañía dos Camiños de Ferro de Galicia en Vilagarcía. Colaborou en El Ciclón, El Cínife, Faro de Vigo, Galicia, Villagarcía-Carril e Galicia Nueva, e en El Eco de Galicia e no diario La Nación de Bos Aires onde publicou unha serie de "Cróneca(s)" de actualidade e algunhas narracións. Na súa faceta como escritor adoitaba asinar as obras como Farruco Porto Rey. Colaborou con Castelao en diversas publicacións, nas que o político nacionalista achegaba as súas ilustracións.
Publicou varias obras bilingües e o Diccionario gallego-castellano, que apareceu en fascículos no semanario Villagarcía-Carril ata o 17 de xuño de 1900 (foi reeditado pola Real Academia Galega no ano 2000). É un dicionario bilingüe coas entradas en galego –só recolle como lemas as formas galegas distintas do castelán– e as definicións e equivalencias en castelán. Conta con preto de 15.000 entradas e nel refúndese o material dos traballos lexicográficos precedentes. A principal fonte de referencia é o Diccionario gallego de Cuveiro Piñol. Como novidade, proporciona a categoría gramatical dos lemas, e inclúe outros datos como a procedencia ou o étimo da palabra e a delimitación do campo do saber ao que pertence. A maior parte deste dicionario consérvase en folios manuscritos, aínda que moitos deles non presentan unha redacción definitiva. Foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega en 1908.[3]
Tivo relación coas Irmandades da Fala, o Partido Galeguista e as Xuventudes de Defensa. Ademais exerceu como emprendedor cultural animando e participando na creación de diversas publicacións periódicas en Vilagarcía así como do teatro Salón Varietés, unha sala de cinema con capacidade para 500 espectadores que se inaugurou o 14 de agosto de 1908.
Obras
editar- Las mil y una composiciones, 1894.
- Pisto, 1894 (bilingüe).
- Diccionario gallego-castellano, 1900
- Papel e tinta, 1901 (poesía bilingüe, con prólogo de Lisardo Barreiro).
- Ilusiones, 1903.
- O Alalá, 1906 (diálogo en verso galego aparecido en El Eco de Arosa).
- Cascarrabias ou o filósofo das carqueixas, 1912.
- Fermosinda, 1918.
- A tola de Sobrán, 1927 (comedia nun acto estreada polo Cadro de Declamación da Irmandade da Fala da Coruña en 1920).
Recoñecementos
editarO Concello de Vilagarcía de Arousa recoñeceu a súa obra e intervención social dándolle nome a unha das rúas da vila arousá[4] no barrio de Fontercarmoa,[5] cuxas rúas levan nomes de destacados escritores.
Vida persoal
editarFillo de Francisco Porto Codesido, primeiro maquinista da locomotora Sar, a primeira máquina de tren que realizaba os traxectos do primeiro camiño de ferro de Galicia entre O Carril e Santiago de Compostela, e de Carmen Rey Formoso. Tivo nove irmáns (Manuel, Domingo, José, Moncho, Josefina, Luisa, Sara, "Tia" Ermitas e Carmen). Josefina Porto Rey casou con Charles Lessner,[6][7] enxeñeiro da Galicia Railway Company que construíu devandita liña de ferrocarril. Ao seu finamento Lessner foi soterrado no English Naval Cemetery de Rubiáns.
A familia paterna dos Porto procede do Concello de Cerdedo e segundo informacións familiares, aínda sen documentar, teñen entre os seus devanceiros un irlandés que chegaría a Galicia fuxindo das persecucións por parte dos ingleses[8], no século XVII, posiblemente derivada da Flight of the Earls.
Casou coa mestra Antonia Casás Santiso (1857-1930) e tivo dezasete fillos, entre eles Xoaquín, que foi secretario do concello de Vilagarcía, Ramón Porto Casás e Manuel Porto Casás, apresado polos nacionalistas franquistas pola súa militancia galeguista. A actriz Mercè Pons Veiga e o economista Joám José Romero Durán son algúns dos seus bisnetos.
Notas
editar- ↑ "Porto Rey, Francisco". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1677.
- ↑ "Villagarcía". El Ideal Gallego (en castelán). 29 de maio de 1941. p. 3.
- ↑ Real Academia Galega. "Sección Oficial. Junta Ordinaria de 20 de Junio de 1908". Boletín da Real Academia Galega (19): 141.
- ↑ Rúa de Francisco Porto Rey, no rueiro de Vilagarcía.
- ↑ Rúa Francisco Porto Rey Arquivado 17 de outubro de 2013 en Wayback Machine., en Dato Capital.
- ↑ "O vilagarcián afillado de Marx". Voz de Galicia. 2013-03-17. Consultado o 2023-09-10.
- ↑ Fillo de Friedrich Leßner, xastre de orixe alemá exiliado en Londres pola súa militancia comunista, e afillado de Karl Marx.
- ↑ Entrevista a Xoaquin Porto Casas, fillo de Porto Rey, en La Voz de Galicia (1994)
Véxase tamén
editarBibliografía
editarLigazóns externas
editar- Biografía Arquivado 16 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. en Patrimonio Vilagarcía.
- Recensión de A Tola de Sobrán no Arquivo de Ánxel Casal.
- Descrición da familia de F. Porto Rey e a relación con The West Galicia na bitácora persoal dun bisneto.
- Análise do Diccionario galllego-castellano de F. Porto Rey (Páx. 24) Arquivado 04 de febreiro de 2017 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua (2000).
- Análise de Fermosinda, no Boletín oficial del Centro Gallego (Nº 187, marzo de 1919), publicado en Avellaneda, Arxentina.