Peleo (grego antigo Πηλεύς, Pēléus) na mitoloxía grega foi o pai de Aquiles, polo cal é chamado tamén Pelida (varias veces na Ilíada). Era fillo de Éaco e de Endeide, reis dos mirmidóns de Exina, e neto de Zeus e Exina (pai) e Escirón e Cariclo (nai).

Tetis e Peleo.

Traxectoria editar

Desterro editar

Peleo e o seu irmán Telamón asasinaron por envexa ao seu medio irmán Foco, pois este destacaba nas competicións. Cando o crime foi descuberto, Éaco desterrou de Exina a ambos; entón Telamón foise a Salamina e Peleo a Ftía[1].

Peleo en Ftía editar

En Ftía foi recibido polo rei Euritión, quen lle deu á súa filla Antígona por esposa e con ela foi pai de Polidora. Logo, Peleo e Euritión participaron na cazaría do xabaril de Calidón pero alí o primeiro deu morte involuntariamente ao segundo[2].

En Iolco editar

De novo tivo que partir ao exilio e viaxou a Iolco, onde reinaba Acasto. Alí a muller deste, Astidamía, namorouse del. Con todo, Peleo rexeitouna. Ante o cal, presa do despeito, a raíña acusouno ante o seu marido de tentar seducila.

O rei, con intención de se vingar, convidou a Peleo a unha cazaría nos seus territorios da fronteira norte do reino. No transcurso da cal, os homes do rei apresárono, roubáronlle a súa espada, valioso agasallo do seu pai, atárono e abandonárono á súa sorte, sen cabalo e sen comida, nun territorio no que vivían os centauros. O primeiro destes seres co que se atopou foi Quirón, de quen pronto se fixo amigo e axudoulle a regresar ao seu fogar. Esta converteríase nunha amizade para sempre, e Peleo, coñecendo a sabedoría de Quirón, máis adiante confiaríalle a educación do seu fillo Aquiles.

Unha vez de regreso e a salvo no seu fogar do palacio de Exina, relatou todo o sucedido ao seu pai. Este, furioso, concedeulle o mando do seu exército. Dese modo regresou a Ftía, matou o rei e á raíña pola súa infamia e apropiouse definitivamente do país, o cal se convertería na nova terra dos mirmidóns que o acompañaron.

Viaxe dos argonautas editar

No seu exército non só marchaban mirmidóns, senón moitos outros heroes gregos, e foi así como coñeceu a Xasón e aos Dióscuros. Cousa que lle levou a seguilos como parte da tripulación coñecida como os Argonautas na súa temeraria viaxe á Cólquida en busca do Vélaro de ouro.

Ao seu regreso de Cólquida Peleo estableceuse en Ftía, onde, á morte do seu pai, foi coroado rei dos mirmidóns, trasladando de Exina a Ftía a capital do seu reino.

Voda de Peleo e Tetis editar

Cando Peleo se namorou de Tetis pediu consello a Quirón para atopar a forma de seducila, xa que ela, como todas as nereidas, posuía o poder de cambiar de forma ao seu antollo. Quirón recomendoulle que unha vez que a atrapase non a soltase, sen importar en que se transformase. Así o fixo, e cando esta se transformou en xiba, atrapouna por un brazo e non a soltou ata que regresou á súa forma de muller, momento no que Peleo puido tomala á forza.

A voda de Peleo e Tetis celebrouse na cova de Quirón, no monte Pelión. Case toda a nobreza grega e mesmo os mesmos deuses asistiron. Durante a cerimonia Peleo recibiu, como agasallo do centauro, unha lanza de freixo feita polos mesmos Hefesto e Atenea. Celebrouse ao grande, Quirón tanxeu a lira, as Musas cantaron e as nereidas bailaron [3]. Pero aquel feliz momento foi augado por algo que traería terríbeis consecuencias. Todos os deuses foran convidados a aquela festa, menos Eris, a deusa da discordia; a cal, furiosa por aquela afronta, urdiu un plan para se vingarse. Primeiro pediu unha mazá de ouro do xardín das Hespérides, na cal plasmou o seguinte: καλλίστῃ kallístei (para a máis fermosa) e lanzouna no medio da voda. Ao vela, Hera, Atenea e Afrodita, alegando cada unha ser a máis bela, e por tanto merecedora do premio, disputáronlla, o que traería como consecuencia o xuízo de Paris e a posterior Guerra de Troia.

Aquiles editar

Da unión de Tetis e Peleo naceu o poderoso Aquiles, o cal grazas a que o seu pai pediu a Quirón que se encargase do seu adestramento e educación, se converteu nun hábil tocador de lira e poderoso guerreiro.

Pasaron os anos e Peleo, xa envellecido e canso, non se animou a participar persoalmente na guerra de Troia, preferindo enviar a Aquiles ao mando dos mirmidóns, e unha vez que os gregos o sacaron do agocho ao cal lle enviou a súa nai, no palacio do rei Licomedes da illa de Esciro, recrutárono.

Últimos anos editar

Non se volve a saber de Peleo até o final da guerra, da cal Aquiles non regresou. Con todo a súa vida durou suficiente como para presenciar o glorioso retorno do seu neto, Neoptólemo, do cal non se sabe se no momento do encontro sequera o coñecía. O famoso rapaz, ao que se lle atribuía o papel principal na toma de Troia, regresou a Ftía para reclamar o reino do seu pai. Peleo non parece ter inconveniente e axiña que como este arribou ás costas gregas, abdicou no seu favor.

Así, o vello rei viviu tranquilamente baixo o reinado do seu neto, o cal casou con Hermíone, a fermosa filla do rei Menelao de Esparta. Con todo, esta nunca deu un fillo a Neoptólemo. Mais si o tivo coa súa escrava, Andrómaca, a cal pariu a un neno chamado Moloso. Narra Eurípides que cando a celosa raíña Hermíone pediu axuda ao seu pai, durante a ausencia de Neoptólemo, tentaron matar a Andrómaca e ao pequeno, foi o ancián Peleo quen encarou ao poderoso rei espartano e por medio da palabra conseguiu que se marchase sen lles facer dano. Entón foi cando Andrómaca e Moloso fuxiron do palacio para perderse rumbo ao norte.

Neoptólemo, frustrado porque a súa esposa non lle daba fillos, decidiu pedir consello ao oráculo de Delfos, dentro de cuxo recinto foi asasinado por Orestes. Entón, Peleo, xa nos seus últimos días, non quedándolle descendentes, e non querendo deixar as súas terras a Menelao, pensou que os máis sensato era darllas en herdanza ao servente de máis confianza de Neoptólemo. Foi así como, tras a morte de Peleo, Héleno, antigo príncipe de Troia e logo escravo do fillo de Aquiles, recobrou a súa dignidade converténdose en rei de Ftía.

Notas editar

  1. Apolodoro, Biblioteca mitológica III,12,6-7.
  2. Apolodoro, Biblioteca mitológica III,13,1-2.
  3. Graves, px. 299.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar