O Atomium é un monumento construído en aceiro inoxidable que se atopa en Bruxelas, Bélxica, construído con motivo da Exposición Universal de 1958 (Expo 58), e que representa a malla convencional do cristal de ferro ampliada 165.000 millóns de veces.[1]

Atomium
Vista xeral do Atomium
Presentación
Nome localAtomium
Localización Laeken
Bruxelas
Rexión de Bruxelas
Bélxica Bélxica
Coordenadas50°53′42″N 4°20′29″O / 50.89500, -4.34139Coordenadas: 50°53′42″N 4°20′29″O / 50.89500, -4.34139
EstruturaNove esferas unidas con tubos, en aceiro inoxidable
Construción
Data da construción1958
Remodelación2004 a 2006
Dimensións
Altura102 metros
Equipo
Arquitecto(s)André e Jean Polak
Enxeñeiro civilAndré Waterkeyn
web oficial

O monumento está situado en Laeken (unha zona do concello de Bruxelas que anos atrás constituía unha municipalidade propia dentro da rexión de Bruxelas), no parque feiral da chaira de Heysel, onde tivo lugar a exposición. Ao seu pé sitúase o parque temático Mini-Europe, con repreducións a escala dos monumentos máis representativos da Unión Europea.

Xunto co Manneken Pis e a Grand-Place, constitúen os tres símbolos e referencias turísticas da capital de Bélxica[2].

Descrición editar

 
O enxeñeiro André Waterkeyn (1917-2005) cunha maqueta do Atomium en 1962

O Atomium foi concibido e deseñado polo enxeñeiro André Waterkeyn e construído polos arquitectos André e Jean Polak. Simbolicamente, encarna a audacia dunha época na que se quixo confrontar o destino da humanidade coas descubertas científicas.

Trátase dun edificio a medio camiño entre a escultura e a arquitectura, cunha altura de 102 metros, construído en aceiro e cun peso de 2.400 toneladas.

Consiste nunha estrutura de aceiro que sustenta nove esferas conectadas entre elas e que, nun principio, estaban revestidas de aluminio. Estas esferas teñen un diámetro de 18 metros e pesan, cada unha, aproximadamente 250 toneladas.

A construción do Atomium constituíu no seu momento unha proeza desde o punto de vista técnico. Das nove esferas, seis fixéronse accesibles para o público, cada unha con dous andares principais e unha planta inferior destinada a uso técnico e de mantemento. O tubo central contén o elevador máis rápido do tempo (5 m/s), instalado pola sucursal belga rama de empresa suíza, Schlieren (mencionado máis tarde por Schindler), que permite que 22 persoas ascendan en só 23 segundos. As escaleiras mecánicas instalada nos tubos oblicuos, algunhas con 35 metros, están entre as máis longas de Europa.[3]

Inicialmente, o Atomium foi concibido para durar seis meses, xa que non estaba destinado a sobrevivir á Exposición Universal de 1958, pero a súa popularidade e o seu éxito de visitantes fixeron que chegase a converterse nun elemento sobranceiro da paisaxe urbana de Bruxelas. No entanto, durante trinta anos leváronse a cabo moi poucos traballos de mantemento.

En 2013, a canle de televisión norteamericana CNN International considerou o Atomium como o monumento máis raro de Europa, por diante do Banknote Building, de Kaunas, Lituania, e a Casa Milà de Barcelona.[4][5]

Renovación editar

Exterior editar

 
Detalle da esfera central do Atomium durante a renovación, en 2005.

Durante a década de 1990 fíxose evidente a urxencia dunha profunda renovación. Ante a importancia dos investimentos necesarios, destapouse a controversia da conservación ou non dun edificio que orixinalmente fora  destinado a durar só uns meses. Chegouse mesmo a reconsiderar a idea inicial da demolición. Con todo, finalmente decidiuse afrontar unha rehabilitación integral.

O Atomium, no limiar do século XXI, presentaba unha aparencia deteriorada, fortemente degradada polo paso de tempo; o seu illamento do exterior volvérase ineficiente e os elementos do interior, a decoración e a moblaxe, ao estilo dos anos cincuenta, estaban moi estragados. O único que se mantiña ben era a estrutura.

En 2001 fíxose público, á fin, o proxecto de renovación, en virtude dun convenio entre o Goberno federal de Bélxica, rexión de Bruxelas e a cidade de Bruxelas.

As obras iniciáronse en marzo de 2004 e prolongáronse ata febreiro de 2006.[6] A cobertura orixinal en aluminio foi substituída por unha nova, máis resistente, en aceiro inoxidable, que, por outra banda, é máis acaída para un monumento que simboliza o ferro. Cada esfera estaba cuberta, orixinariamente, por preto de 720 triángulos de aluminio, dos cales unha parte se puxo á venda a modo de souvenir. Todos eles foron substituídos por 48 grandes triángulos feitos de aceiro inoxidable. Ademais, estas novas placas son máis resistentes cás antigas.

Como nas orixes, por cada unha das nove esferas esténdese unha rede eléctrica con puntos luminosos animados con rápidos movementos circulares que reproducen o xiro dos electróns arredor do núcleo atómico. O traballo de montaxe deste novo revestimento levouse a cabo cun gran guindastre que levou as placas ao seu lugar, onde foron colocadas por un equipo de cordistas, un procedemento que se utilizou para evitar a instalación de enormes estadas.[7]

 
Vista do interior do Atomium

O custos do traballos foron estimados en 27 millóns de euros.[8]

A inauguración do Atomium reformado levouse a cabo o 14 de febreiro de 2006. En homenaxe deste acontecemento, Bélxica emitiu ese ano unha moeda conmemorativa de 2 euros que reproduce no seu anvarso o monumento.[9]

Interior editar

Das seis esferas accesibles para o público, a da base está reservada para a exposición permanente dedicada á década de 1950, á Exposición Universal de 1958 e á construción do Atomium. Outra acolle exposicións temporais e unha terceira concibiuse para unha utilización polivalente, xa que o seu deseño permite a organización de eventoscomo proxeccións de cine, concertos, festivais ou conferencias. Na esfera central hai un bar e na da parte superior, ademais de poder admirar o panorama, instalouse un restaurante. A sexta esfera está dedicada aos cativos.

Dereitos de autoría sobre o Atomium editar

 
Fotografía co Atomium borrado.

A Sociedade Belga de Autores, Compossitores e Editores reclamou ata 2016 a defensa dos dereitos de autoría do Atomium e, como representante dos posuidores destes dereitos, prohibiu a publicación de imaxes sen compensación económica.[10]

Isto foi moi contestado por diferentes entidades, entre elas o partido Liberais e Demócratas Flamengos (Open Vlaamse Liberalen en Democraten -VLD-), que en 2008 organizou a modo de protesta un concurso fotográfico onde debían aparecer borradas as imaxes do Atomium.[11]

Coa entrada en vigor da liberdade de panorama o 15 de xullo de 2016, permítese a difusión de fotografías do Atomium desde esta data.[12]

Notas editar

  1. Historia do Atomium (en francés, neerlandés, inglés e castelán)
  2. Información turística sobre o Atomium (horarios, visitas, venda de entradas, etc.)
  3. Ficha técnica do Atomium. En Structurae.net (en inglés)
  4. "L'Atomium, monument le plus bizarre en Europe selon CNN". En Weekend. 23 de xaneiro de 2013 (en francés)
  5. "11 of Europe's most bizarre buildings". CNN Travel (en inglés)
  6. "Un pavillon en phase avec l'Atomium". En LaLibre.be. 21 de xuño de 2006 (en francés)
  7. "The Atomium restored Arquivado 23 de setembro de 2017 en Wayback Machine.". En Weerler´s blog (en inglés)
  8. "L'Atomium pourrait s'étendre". En 7sur7.be. 18 de marzo de 2010 (en francés)
  9. "Nouvelle face nationale des pièces en euros destinées à la circulation (2006/C 33/03)". En Journal officiel de l'Union Européenne. 3 de marzo de 2003 (en francés)
  10. "100 "photoshoppers" wanted to erase copyright building". En MacUser. 21 de abril de 2008 (en inglés)
  11. "Bart Somers veut effacer les boules de l'Atomium". En LaLibre.be (en francés)
  12. "La Belgique adopte le droit de panorama". En La mention marginale (en francés)

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar