Erros e Tánatos
obra literaria de Gonzalo Navaza
Erros e Tánatos é un libro de relatos de Gonzalo Navaza, publicado en abril de 1996 por Edicións Xerais. Foi incluído na Biblioteca Galega 120. En 1998 acadou o Premio Arcebispo San Clemente. En 2019 publicouse a 25ª edición.
Erros e Tánatos | |
---|---|
Autor/a | Gonzalo Navaza |
Orixe | Galiza |
Lingua | galego |
Colección | Narrativa |
Xénero(s) | Relatos |
Editorial | Edicións Xerais |
Data de pub. | Abril de 1996 |
Seguido por | Elucidario |
Premios | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Trama
editarO libro inclúe dez relatos de temática e ambientación variadas, suxerentes, nos que o protagonismo lle corresponde a un narrador entre divertido e escéptico[1] . En todos eles a morte aparece por mor dunha equivocación, unha confusión, un erro.
- Bull & Mignonne: en 1988 un home que traballa para a Televisión de Galicia vai nun tren por Suíza, desde Interlaken até Montreux. Comeza a falar cun fotógrafo italiano, e ao cabo sobe ao tren unha muller fermosa que comeza a mirar cara a eles. Logo dunha parada a muller senta a carón dun home portugués, e comezan a falar e se acariciar. O italiano quere seducir a muller, así que noutra parada se presenta como psiquiatra ante o portugués e dille que a muller ten gromos agresivos. O portugués marcha, e o italiano consegue falar coa muller.
Tras se despediren, ao cabo de cinco días o galego le no xornal Die Zeitung que o fotógrafo fora devorado polos dobermanns da muller en Chamby. - Castelos na area: Manuel é un rapaz do Saviñao. Está nun campamento da Organización Juvenil Española en Vilanova de Arousa, e vai participar nun concurso de castelos de area na praia das Sinas canda a rapaces e rapazas de toda Galicia. Aspira a conseguir a minimoto do primeiro premio ou unha bicicleta de carreiras do segundo e terceiro premio. Porén, o premio é para un rapaz pontevedrés de boa familia e coñecido polos membros do xurado. Encabuxado, Manuel róuballe a pistola ao xefe do campamento e intenta suicidarse, mais a arma non vai. Ao cabo, achégase ao canaval onde está o Gobernador Civil -que estaba no xurado-, pídelle que lle axude a coller unha pelota e empúrrao ao fondo dun pozo. Finalmente, unha familia de Caldas de Reis que o animara durante o concurso regálelle un balón de fútbol.
- O amigo Delmiro: Un emigrante galego en Salvador está xubilado e reláxase paseando. A súa filla ten medo polos continuos atracos que hai, mais o ancián non lle fai caso. Un día achégase a el un home que se presenta como Delmiro e que di ser amigo do seu fillo. O vello, Antonio Castro, convídao a ir até a súa casa para lle dar o teléfono do fillo. Na casa a neta desconfía e dillo ao avó. Este, tranquilo, dille que o descoñecido está a falar por teléfono co seu fillo. A neta dille ao descoñecido que lle pase o teléfono, mais córtase a liña. Suspicaz, a neta saca un revólver e o descoñecido bota a correr, e a neta dispáralle desde o balcón. Ao cabo, soa o teléfono e o fillo de Antonio explica que estaba a falar co seu amigo Delmiro e que se cortou a liña.
- Tinta chinesa: en setembro de 1993 o protagonista serve de anfitrión ao escritor galés Arthur M. Morgan na celebración co congreso do Pen Club Internacional, que se celebra no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. Logo de cearen saen de troula. O galés pide ir a un prostíbulo, e o protagonista lévao a preto do Milladoiro. Alí coinciden cun vello coñecido, que axiña se fai amigo do galés. De volta a Compostela, teñen un accidente na Ponte da Rocha. Chaman a un taxi, e Morgan dálle cartos ao taxista para que un guindastre leve o coche a un taller.
Xa pola mañá o protagonista dille a Morgan que no xantar ha coincidir con Cecil Hiraeth-Llewellyn, outro escritor galés co que Morgan se leva mal, e este ofrece vinte mil libras aos homes por se desfaceren del, ou cinco mil a repartir se son intermediarios. O penúltimo día do congreso, Cecil Hiraeth-Llewellyn aparece morto na bañeira do seu hotel, e o protagonista sospeita que o seu coñecido se encargou de o matar. Un mes despois recibe unha carta desde Cardiff cun cheque por 2 500 libras e unha nota en lingua galesa. O protagonista busca o seu coñecido mais non o atopa, e vai a comisaría para informar á policía do sucedido.
Logo da morte de Morgan nun accidente de tráfico en Copenhaguen, entrevistan o protagonista na televisión e conta todo o que pasou. Un galés agrédeo, ofendido, e ao pouco chega á policía. Esta infórmao de que o seu coñecido está nun centro de desintoxicación, e de que a nota que lle mandara Morgan desde Gales indica que o cheque é para cubrir a reparación do coche accidentado. - Decoración e interiorismo: A protagonista queda soa na casa mentres o seu home vai a un congreso en Barcelona. Hai obras no piso de abaixo e coñece o dono, un home encantador que lle fai as beiras e está disposto a deixar todo por ela. Déixase engaiolar e pasan dous ou tres días de paixón (pagando ela, pois el esqueceu a tarxeta). Cando debía vir buscala para iren de viaxe non aparece. Volve o seu marido e di que coñeceu o dono do piso de baixo e os convidou a cearen. É un home encantador, maior, que conta que tivo que despedir o interiorista valenciano por lle facer as beiras á súa filla acabada de casar.
- O home do saco: O 1º de xaneiro de 1946 o narrador ía coa súa nai á noitiña e esta díxolle que bulise, que viña o home do saco (e el viuno). O día 11, xogando na neve volveuno ver e botou a correr cara a un almacén do seu pai cuxo encargado, Amadeo, coñecía. Estando este no bar entrou o home do saco e o narrador acaba matándoo dun disparo. Ao chegar á casa entéirase de que mataron no almacén o pai dun amigo seu. Prenden a Amadeo e el primeiro bótalle as culpas, logo confésase á súa nai. Van ao xuíz e á saída dinlle que esqueza todo, que foi un soño, e leva as culpas unha banda de ladróns. El acaba convencéndose de que todo foran imaxinacións súas.
- A proba do alfinete: Un home vive coa nai e o seu maior desexo é ser detective, mais ela non o deixa facer nada -nin sequera casar- ata que ela morra. El descobre uns novos veciños caribeños sospeitosos e vixíaos. Perde un alfinete na súa caixa de correos pero non lle dá importancia. Róuballes a correspondencia (e un paquete de cocaína) e cando consegue descifrar a última mensaxe roubada xa están na porta do seu cuarto.
- Balangandán: Olga quere convencer a Adela de ir a unha meiga mais acaban enfadándose. A vida vai ben para Adela, é ATS, coñece a Ricardo... Reconcíliase con Olga e cando Ricardo se enlea con outra -Belén- vai á vidente pero enfádase. A vidente dille que volverá a polo balangandán bendicido e que lle custará 70000 pesetas. Así sucede. Pode pedir tres desexos, o primeiro é que Belén desapareza definitivamente da cidade. Belén morre e Ricardo queda en coma. Pide que a el non lle pase nada e recupérase. Casan pero en seguida cae en depresión. Logo de pedir o terceiro (que desapareza todo o que non o fai feliz) ela esperta e ve que só pasaron unhas horas desde que sacou 70000 pesetas.
- Viva a Revolución: En 1974 o narrador coñece a Pedro Valeixe, Comanche, e volve velo en Santiago varias veces ata que o ficha para o MAR. Un día debe tirar panfletos e cólleno os grises antes. Na comisaría aparece Herminio, medio parente, que o saca e cóntalle todo. Van a un bar e como os ven xuntos uns camaradas berra “Viva a revolución” e bota os panfletos. Herminio lévao de novo á comisaría e logo á casa do pai, que malla nel. A versión que corre por Santiago é que foi torturado por negarse a denunciar a ninguén e convértese nun heroe.
- Vinte pesos de prata: Polos anos 70, na taberna de Laureano un home comeza a facer negocios con el mercándolle moedas de vinte pesos a corenta. Durante semanas vai xuntando moedas que os martes lle compra o home. A xente pensa que se volveu tolo desde que morreu seu irmán Tomé na Arxentina, pois se lle quedara coa herdanza. Un día aparece outro home que lle ofrece 11000 moedas. Un garda civil avísao de que é unha estafa e prenden a este cando aparece. Resulta que só había un home e que era o irmán Tomé. De volta para a casa morren en accidente e ao seu enterro vai moita xente.
Traducións
editarNotas
editar- ↑ Vilavedra, Dolores (xullo-agosto de 1996). "Erros e Tánatos". Lateral.
- ↑ "Erros e Tánatos". bitraga.webs.uvigo.es. Consultado o 2024-01-28.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Ficha na web da editorial