Epixénese (mineraloxía)
En mineraloxía, a epixénese é o cambio de natureza química dun mineral, sen que se modifiquen a súa estrutura e a súa forma anteriores.
Etimoloxía
editarO termo está formado polo elemento do latín científico epi-, calco do grego antigo ἐπι-, "sobre", e o vocábulo grego γένεσις génesis, "orixe", "formación".
Foi introducido na mineraloxía moderna polo mineraloxista e abade francés René Just Haüy (1743-1822), fundador, canda Jean-Baptiste Romé de L'Isle, da cristalografía xeométrica, co nome de épigénie.[1]
En petroloxía foi empregado por primeira vez polo xeógrafo e xeólogo alemán Ferdinand von Richthofen (1833-1905), probabelmente na súa obra de 1886 Führer für Forschungsreisende (Guía para o investigador viaxeiro).[1]
Epixénese en mineraloxía
editarA epixénese mineralóxica consiste nun conxunto de procesos exóxenos que interveñen na formación de novos minerais na superficie ou en capas superficiais da litosfera, nos que participan o quimismo dos propios minerais superficiais, a actuación da auga e os compoñentes da atmosfera (dióxido de carbono, oxíxeno, auga) e a actividade dos seres vivos.[2]
Pódese observar, por exemplo, a transformación da calcita en dolomita, e despois en sílice.[Cómpre referencia]
Así mesmo, os minerais silícicos poden ser tamén subctituídos pola calcita.[Cómpre referencia]
Os minerais que sofren este proceso coñécense co nome de minerais epixenéticos.[3] estes minerais formáronse despois da formación da rocha que os contén.[4]
Epixénese orgánica
editarOs organismos poden sufrir unha substitución mineralóxica durante a súa evolución post mortem. Por iso é frecuente encontrar este tipo de epixénese nos procesos de fosilización, polo que estes precesos son moi importantes na paleontoloxía.
A petrificación, termo formado pola raíz do latín petra, "pedra" e -ficación,[5] que se define como "converter ou transformar algo en pedra" ou "facer algún material duro ou endurecelo" (tamén se refire, figuradamente, a "deixar a alguén paralizado de terror ou asombro"),[6][7] é un caso particular de epixénese orgánica.
Na natureza, a mineralización ou litificación é o caso máis frecuente de petrificación (que neste caso sería o termo vulgar correspondente).
Un corpo orgánico enterrado entre capas xeolóxicas perde, por putrefacción e descomposición, a materia orgánica; pero se os espazos baleiros son reenchidos por substancias minerais en disolución achegadas polas augas que impregnan o terreo, o corpo ou resto orgánico, será mineralizado (petrificado), transformándose en rocha (pedra).
Nos ósos coñécese o seu grao avanzado de fosilización por mineralización, porque son moito máis densos que cando non están fosilizados.
Polo xeral é o carbonato cálcico a substancia fosilizante máis común. Tamén o son a sílice, os óxidos e os carbonatos de ferro; máis rara vez o xofre, como acontece nos moluscos fósiles de Libros (Teruel), e, nalgúns casos, a pirita e o xeso.
Algunhas veces a mineralización realízase substituíndo a materia orgánica orixinal partícula a partícula, case molécula a molécula. Este caso denomínase 'permineralización, e adoita conservar a estrutura microscópica del corpo. Constitúe un exemplo ideal deste fenómeno un tronco, no cal a materia foi substituída por sílice, conservándose a estrutura das fibras, aneis e nós da madeira.
No caso de sedimentos que se transforman en rochas sedimentarias consolidadas úsase o termo litificación.
Epixénese mineralóxica en fósiles
editarUn fósil, despois de formado, pode sufrir, segundo as condicións físico-químicas ás que posteriormente estea sometido, e mediante un proceso de metasomatismo, unha substitución do mineral que inicialmente o formaba por outro distinto.[8]
Galería da epixénese en paleontoloxía
editar-
Substitución da cuncha dun braquiópodo por pirita.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Voz épigénie no Trésor de la Langue Française informatisé.
- ↑ Díaz G.-Mauriño 1991, p. 179.
- ↑ VV. AA. 1999, p. 335.
- ↑ VV. AA. 1999, p. 623.
- ↑ petrificar e perificación en VV. VV. (2009): Gran dicionario Xarais da lingua. Tomo 2. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-071-8.
- ↑ petrificación no Dicionario da RAG.
- ↑ petrificar no Dicionario da RAG.
- ↑ Meléndez & Fuster 1980, p. 622.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Díaz G.-Mauriño, Carlos (1991): Diccionario de términos mineralógicos y cristalográficos. Madrid: Alianza Editorial. S. A. ISBN 84-206-5237-7.
- Meléndez, Bermudo e Fuster, José Mª (1980): Geología, 4ª ed. Madrid: Paraninfo. ISBN 84-283-0956-6.
- VV. AA. (1999): Diccionario esencial de las ciencias. Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales / Espasa. ISBN 84-239-7921-0.