David Robinson
David Maurice Robinson, nado o 6 de agosto de 1965 en Key West, Florida, é un antigo xogador estadounidense de baloncesto profesional que militou durante catorce tempadas en San Antonio Spurs da NBA. Cos Spurs conseguiu dous aneis da NBA (1999 e 2003), sendo ademais nomeado MVP da tempada en 1995. Debutou na 1989, ano no que logrou o galardón de Rookie do Ano. Ademais dun excelso anotador, Robinson destacou como un gran defensor, mostra diso foi o galardón de Mellor Defensor que levou en 1992. Cos seus 2,16 m de estatura xogaba na posición de pivote.
Inicios
editarDurante a infancia de Robinson a súa familia mudouse de cidade moitas veces debido a que o seu pai era oficial da Mariña. Unha vez que o seu pai se retirou do servizo activo da Mariña a familia asentouse en Manassas, Virxinia, onde David acudiu ao Osbourn Park High School pero onde só xogou durante un ano ao baloncesto. Tras este paso polo Instituto enrolouse na Academia Naval dos Estados Unidos, onde se graduou en Matemáticas.
Un dato importante a ter en conta nesta época é que Robinson "só" medía a esta idade 2,01 metros, rozando o límite do permitido pola Mariña para enrolarse, establecido en 2,03 metros. Á data de xogar o seu primeiro partido co equipo da Mariña xa superaba esa altura con 2,06 e continuou crecendo durante o seu periplo na Mariña até os 2,16 metros.
Traxectoria deportiva
editarUniversidade
editarDurante a súa época universitaria Robinson xogou co equipo da Academia da Mariña na NCAA, o seu número foi o 50 do mesmo xeito que o seu ídolo Ralph Sampson. Na tempada de 1985 Robinson guiou ao título ao equipo da Mariña, todo un fito xa que levaban 25 anos sen conseguir gañar o torneo da NCAA. Tras este ano aparecía unha encrucillada na súa carreira, continuar na Mariña implicaba que debería estar 5 anos ao servizo do Exército tras a súa gradación. A pesar de ter ofertas de todas as Universidades do país Robinson decidiu continuar na Mariña estes dous anos e atrasar a súa incorporación ao baloncesto profesional. O seu espectacular xogo nos seus últimos dous anos levoulle a conseguir os maiores galardóns para un xogador da NCAA, incluído no All-American estes dous últimos anos e gañador dos premios Naismith e Wooden, no seu último ano. Tras a súa gradación era elixible no draft da NBA de 1987.
Nun movemento arriscado os Spurs fanse cos seus dereitos elixíndoo co número 1 deste draft, aínda sabendo que non podería debutar co equipo de San Antonio até dous anos máis tarde debido a que debía cumprir dous anos máis de servizo na Mariña. Cando se preguntou a Bob Bass por este movemento dixo "esperamos 14 anos. Podemos esperar un par máis". O 6 de novembro de 1987 asinou un contrato por 26 millóns de dólares que lle unirían aos Spurs os seguintes 10 anos, a pesar de que só xogaría 8 deles. Nunha actuación lixeiramente controvertida, a Mariña dispensou do servizo a Robinson 3 dos 5 anos habituais no servizo militar dado que pola súa altura era imposible asignalo a distintos labores como aviación, corpos de submarinistas ou distintos tipos de barcos. Robinson continuou servindo na reserva da Mariña e apareceu regularmente en temas de recrutamento. A pesar do seu alcume de "Almirante", a gradación real de Robinson cando terminou o servizo era de Tenente. É esta etapa continuou xogando para o equipo da Mariña e liderou ao último equipo Olímpico de Estados Unidos conformado por xogadores universitarios. Nas Olimpíadas de Seúl '88 Robinson só puido conseguir a medalla de bronce, tras este fracaso Estados Unidos decidiu comezar a competir coas súas estrelas NBA nos torneos internacionais.
Finalmente, o 19 de maio de 1989 a Mariña dispénsalle do servizo activo e pasa a enrolarse no persoal dos Spurs para comezar a súa carreira como xogador profesional de baloncesto.
NBA
editarNa tempada 1989-1990 Robinson comezou por fin a súa andaina na NBA. Spurs viñan de ser un dos peores equipos da liga o ano anterior cunha marca de 21-61, grazas á aparición de Robinson ese ano alcanzaron os Playoffs cunha marca de 56-26. Na primeira rolda venceron con claridade (3-0) aos Nuggets pero non puideron cos Blazers, ao cabo subcampións ese ano, nunha axustada eliminatoria (4-3). Nesta tempada sería nomeado mellor novato do ano e incluído no quinteto de novatos.
Os Spurs de Robinson fíxose un clásico dos Playoffs pero non chegaron a conseguir ningún campionato. En 1992 presentábaselle a oportunidade de resarcirse do doloroso bronce olímpico de Seúl. Estados Unidos decidiuse a levar aos seus mellores xogadores para o que se fixo o chamado "Dream Team" (Equipo de Ilusión), sen dúbida o mellor equipo de baloncesto que pise unha cancha de baloncesto en toda a historia. Xunto a Michael Jordan, Larry Bird, Magic Johnson, Scottie Pippen etc. arrasaron na competición conseguindo o ouro olímpico en Barcelona '92. Un dos seus momentos estelares foi sen dúbida o último partido da fase regular ante Los Angeles Clippers na tempada 1993-94. Durante todo o ano Robinson e Shaquille O'Neal mantiveran un duelo por conseguir o título de máximo anotador da competición. Ao chegar a este último partido Robinson estaba en desvantaxe e necesitaba nin máis nin menos que 69 puntos para facerse co título. Dando mostras da súa enorme clase aquela noite anotou 71 puntos, tope da súa carreira, e conseguiu o trofeo de máximo anotador cunha media de 29,8 puntos por partido.
No ano 1995 conseguiu o título de MVP da liga regular e en 1996 foi nomeado un dos 50 mellores xogadores da historia da NBA. A pesar destes éxitos persoais os Bulls e os Rockets dominaban a liga impedindo a Robinson alcanzar o ansiado anel. As derrotas ante os Rockets eran especialmente dolorosas debido á rivalidade na cancha que mantiña con outro dos grandes pivotes da época, Hakeem Olajuwon. Parecía que as súas aspiracións a gañar un título terminaban en 1997 cando unha grave lesión mantívoo afastado das pistas practicamente todo o ano. Os Spurs acusaron gravemente a baixa da súa estrela e terminaron en ano cunha lamentable marca de 20-62. Pero, caprichos do destino, esta lesión axudaríalle ao cabo a obter o título. Grazas á lamentable campaña dos Spurs conseguiron a primeira elección do draft de 1998 na que adquiriron a Tim Duncan, peza clave nos éxitos de Spurs nos seguintes anos. É o xogador americano con máis presenzas nas olimpíadas (1988, 1992 e 1996). Na súa última participación, nos JJ.OO. de Atlanta, liderou ao equipo en puntos por partido, incluídos os 28 que anotou na final contra Iugoslavia (95-69).
Primeiro título con San Antonio
editarAntes do inicio da tempada 1998-1999, os propietarios dos equipos da NBA e David Stern decidiron bloquear a competición e forzar a negociación dun novo Acordo de Contrato Colectivo coa Asociación de Xogadores da NBA. Este bloqueo (a esta tempada lémbralla como a do "lockout" bloqueo en inglés) durou 202 días ata que por fin alcanzouse un acordo entre ambas as partes. A tempada comezou o 5 de febreiro de 1999, facendo desta forma a tempada de 1999 literalmente. Tras unha tempada de 50 partidos, os Spurs conseguiron unha marca de 37-13, o mellor da NBA dándolles a vantaxe de campo ao longo de todos os Playoffs. Nos Playoffs dominaron completamente aos seus rivais derrotando sucesivamente a Timberwolves, Lakers e Blazers cunha marca en playoff de 11-1. A chegada de Duncan xunto ao recuperado Robinson facían dos Spurs un equipo practicamente imbatible. Na final derrotaron por 4-1 a uns sorprendentes Knicks que chegaban á final tras entrar ao Playoff na última posición do Leste. O xogo exterior dos Knicks con Latrell Sprewell, Allan Houston e Larry Johnson foi insuficiente ante o poder interior dos Spurs. Aínda que o títutlo de MVP das finais concedéuselle a Tim Duncan, todos os especialistas coincidiron en que o papel de líderazgo de Robinson fora crucial para a consecución do título.
Retirada con anel
editarRobinson anunciou que tras a tempada 2003 retiraríase do baloncesto profesional. O 15 de xuño de 2003 poría o broche final a unha carreira chea de éxitos coa vitoria por 88-77 ante Nets para un marcador global de 4-2 nas finais. Robinson, anotou 13 puntos e capturou 17 rebotes no seu último partido. Coñecidas como as "Torres Xemelgas" (aínda que orixinalmente eran a parella Olajuwon-Sampson), Robinson e o MVP da liga Tim Duncan compartiron a portada da revista Sports Illustrated de 2003 co premio de Deportistas do Ano.
As medias na súa carreira son de 21,1 puntos, 10,7 rebotes, 3,0 tapóns e 2,5 asistencias por partido. É un dos poucos xogadores en anotar máis de 20 000 puntos na NBA, e un dos 4 xogadores en lograr un cuádruplo dobre (34 puntos, 10 rebotes, 10 asistencias e 10 tapóns contras os Pistons o 17 de febreiro de 1994).
Palmarés e premios
editarCadro de medallas | |||
---|---|---|---|
Baloncesto | |||
Xogos Olímpicos | |||
Bronce | Seúl 1984 | Estados Unidos | |
Ouro | Barcelona 1992 | Estados Unidos | |
Ouro | Atlanta 1992 | Estados Unidos | |
Campionato do Mundo | |||
Ouro | España 1986 | Estados Unidos |
- Campión da NBA (1999, 2003)
- MVP da NBA (1995)
- Xogador Defensivo do Ano na NBA (1992)
- Novato do Ano na NBA (1990)
- Primeiro Quinteto da NBA (1991, '92, '95, '96)
- Segundo Quinteto da NBA (1994, '98)
- Terceiro Quinteto da NBA (1990, '93, 2000, '01)
- Primeiro Quinteto Defensivo da NBA (1991, '92, '95, '96)
- Segundo Quinteto Defensivo da NBA (1990, '93, '94, '98)
- 10 veces All-Star da NBA
- Único xogador na historia da NBA en conseguir os títulos de Máximo Reboteador, Taponador e Anotador, Novato do Ano, Xogador Defensivo do ano e MVP.
- Un do catro xogadores en lograr un cuádruplo-dobre
- Premio á Deportividade da NBA (2001)
- Terceiro xogador na historia da NBA en quedar entre os 10 mellores da liga en cinco categorías (7º en anotación (23,2), 4º en rebotes (12,2), 1º en tapóns (4,49), 5º en roubos (2,32) e 7º en porcentaxe de tiro de campo (.551)) na tempada 1991-92
- Primeiro xogador na historia da NBA en quedar entre o cinco mellores da liga en rebotes, tapóns e roubos nunha mesma tempada (1991-92)
- Cuarto xogador en anotar máis de 70 puntos nun partido de NBA
- Único xogador de baloncesto masculino estadounidense en ser 3 veces Olímpico (1988, '92, '96) conseguindo 2 medallas de ouro (1992 e 1996 e unha de bronce en 1988)
- Un dos cincuenta Mellores Xogadores da Historia da NBA (1996)
- Máximo anotador da NBA (1993-94) - 29,8
- Máximo reboteador da NBA (1990-91) - 13.0
- Máximo taponador da NBA (1991-92) - 4.49
- Ten en marca de máis premios IBM (1990, '91, '94, '95, '96)
- Os seus 10 497 rebotes e 2 954 tapóns son o máximo conseguido por un xogador de San Antonio, e os seus 20 790 puntos son a segunda marca tras os 23 602 de George Gervin. Se temos en conta só os puntos logrados por Gervin na NBA, Robinson sería primeiro; Gervin anotou 4 219 puntos mentres a franquía xogaba na ABA.
- Campión do Mundo coa selección dos Estados Unidos en España 1986
- Membro do Basketball Hall of Fame (2009)[1]
Notas
editarVéxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Perfil en nba.com
- Estatísticas de David Robinson Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine.
- David Robinson en nba.com/hitory