Dólar da Illa do Príncipe Eduardo
Dólar da Illa do Príncipe Eduardo † | |
---|---|
Ámbito: | Illa do Príncipe Eduardo |
Fracción: | Cent (¢) |
Moedas: | 1 cent. |
Billetes: | 1, 2, 5, 10 e 20 dólares. |
Emisor: | |
O dólar da Illa do Príncipe Eduardo foi a moeda propia da Illa do Príncipe Eduardo entre 1871 e 1873, cando este territorio se integrou na Confederación do Canadá e asumiu o dólar canadense como unidade monetaria.
O dólar da Illa do Príncipe Eduardo dividíase en 100 centavos (cents).
Antecedentes
editarAs primeiras moedas utilizadas na Illa do Príncipe Eduardo, do mesmo xeito que no resto do Canadá, foron as levadas consigo polos primeiros colonos e polos comerciantes que se achegaban ás súas costas.[1]
Ao longo do século XIX utilizáronse tamén reais de oito españois aos que se lles recortaba a súa parte central. Deste xeito, o aro exterior resultante circulaba co valor de 5 xilins ou un cuarto de libra esterlina, e o núcleo co valor dun xilin.[2][3]
Neste contexto, á medida que os intercambios comerciais ían xerando unha maior necesidade de moeda circulante, algúns comerciantes e entidades locais comezaron a cuñar as súas propias moedas, baixo o sistema monetario inglés, coñecidas na tradición anglosaxoa como tokens.[1][4]
Foi moi frecuente a posta en circulación de moedas de cobre con valor de medio penique a partir de 1830, e que estiveron en uso ata despois de 1860. As máis habituais amosaban lendas alusivas á actividade pesqueira e ao comercio, como SHIPS COLONIES & COMMERCE,[6] ou SUCCESS TO THE FISHERIES,[7] ou tamén SELF GOVERNMENT AND FREE TRADE[5].[1][4]
O dólar da Illa do Príncipe Eduardo
editarA Illa do Príncipe Eduardo adoptou o sistema decimal no seu sistema monetario en 1871, e deste xeito o dólar, dividido en cen centavos (cents) pasou a substituír a libra como unidade monetaria deste territorio colonial. A lei que determinou esta reforma tamén fixou o tipo de cambio entre a libra esterlina e o dólar da Illa do Príncipe Eduardo, de maneira que unha libra equivalía a 4,8666 dólares, a mesma paridade cá do dólar canadense. Mediante esta mesma lei autorizábase tamén o Goberno colonial para dispor a impresión de papel moeda con valor facial expresado en dólares e para emitir moedas divisionarias de cobre co seu valor en centavos.[8][9]
Moedas
editarA única moeda oficial cuñada dentro do efémero sistema monetario do dólar da Illa do Príncipe Eduardo foi a dun centavo, cunha única emisión, datada en 1871.[10]
O deseño de ambas as faces desta moeda débeselle a Leonard Charles Wyon, daquela gravador xefe da Royal Mint, de Londres. O seu anverso amosa un busto da raíña Vitoria rodeado pola lenda VICTORIA QUEEN e coa data no exergo. O reverso foi especialmente deseñado para esta emisión e estaba caracterizado polo símbolo da colonia: un gran carballo, que simboliza a Inglaterra, dando abeiro a outros tres máis novos, símbolo dos tres condados que compuñan a Illa do Príncipe Eduardo. Baixo este motivo principal áchase a inscrición PARVA SUB INGENTI ("O pequeno debaixo do grande"), e rodeando o conxunto, a lenda PRINCE EDWARD ISLAND e o valor facial: ONE CENT.[10][11][12]
Deste medio penique cuñouse un millón de exemplares na Ceca de Heaton, en Birmingham, coa supervisión da Royal Mint, de Londres, aínda que as moedas carecen de marca de ceca.[11][12]
O seu peso é de 5,80 gramos, o seu diámetro é de 25,40 milímetros, e está cuñada nunha aliaxe de 90-70 % de cobre e 10-30 % de estaño.[10][11]
Billetes
editarO Tesouro da Illa do Príncipe Eduardo xa emitira con anterioridade, entre 1848 e 1858, papel moeda co seu valor facial expresado en libras esterlinas, unha serie composta polos billetes de 5 e de 10 xilins, e de 1, 2 e 5 libras.[13]
Posteriormente, o Merchant Bank of Prince Edward Island emitiu entre 1871 e 1891 billetes de 1, 2, 5, 10 e 20 dólares,[14] e preparou tamén probas dun billete de 5 dólares en 1900, aínda que este non chegou a ver a luz.[15]
En 1872, novamente o Tesouro emitiu billetes de 10 e de 20 dólares, e o mesmo ano, dous bancos autorizados, o Bank of Prince Edward Island e o Union Bank of Prince Edward Island, comezaron tamén a emitir os seus propios billetes de 1, 2, 5, 10 e 20 dólares. Tamén emitiron papel moeda nesta época o Merchants Bank of Prince Edward Island e o Summerside Bank of Prince Edward Island.[16][17]
A partir do ano seguinte, os bancos privados da Illa do Príncipe Eduardo comezaron a emitir os seus billetes en dólares canadenses, para o que inicialmente se aproveitaron os xa emitidos ata entón e postos en circulación, aos que se lles engadía un selo coa expresión "CANADIAN CURRENCY".
Emisións do Bank of Prince Edward Island
editarO Bank of Prince Edward Island constituíuse o 14 de abril de 1856 en Charlottetown,[18] logo de case dous anos de negociacións coa metrópole para que esta aceptase a legalidade do establecemento dun banco na colonia.[19] O 13 de agosto dese mesmo ano, o banco abriu as súas portas,;[20] fundado por James Peake, Richard Heartz, Daniel Davies, Henry Haszard e Daniel Brenan.[21] Foi a primeira entidade bancaria en entrar en funcionamento na illa.[22]
En 1857, este banco pechou temporalmente durante tres meses, logo de se descubrir que se realizaran préstamos que superaban o seu propio capital,[20] o que motivou a renuncia do seu presidente, Ralph Brecken.[23] Finalmente, en 1881, unha nova concesión desmesurada de préstamos levou o banco ao seu pechamento definitivo e á súa liquidación durante os oito anos seguintes (1882-1887).[24] Foi o primeiro banco canadense en se declarar en creba.[25]
A primeira emisión de papel moeda do Bank of Prince Edward Island foi datada o mesmo día da súa apertura (13 de agosto de 1856) e correspondíase con valores aínda pertencentes ao sistema anterior: 5 e 10 xilins, e 1 e 5 libras.[26] En 1859 emitiuse unha nova serie cos valores de 10 xilins e 2 libras.
En dólares da Illa do Príncipe Eduardo, o Bank of Prince Edward Island levou a cabo dúas emisións, compostas ambas polos mesmos valores e cos mesmos deseños; unha primeira datada o 1 de xaneiro de 1872 e unha segunda con data do 1 de xaneiro de 1877:[27]
Valor facial | Datas | Imaxes de anverso e reverso | Medidas | Impresor |
---|---|---|---|---|
1 dólar[28] | 1872 e 1877 | 180 x 78 mm | British American Bank Note Co. Ltd., Montreal. | |
2 dólares[29] | 187 x 82 mm | |||
5 dólares[30] | 186 x 78 mm | |||
10 dólares[31] | 183 x 78 mm | |||
20 dólares[32] | 185 x 79 mm |
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Willey, R. C. (2013). "Coins and Tokens". The Canadian Encyclopedia.
- ↑ "5 Shillings - Charles IIII Holey Dollar". Numista.com
- ↑ "The Royal Canadian Mint Currency Timeline Arquivado 17 de outubro de 2013 en Wayback Machine.". Royal Canadian Mint. Páxina 2.
- ↑ 4,0 4,1 "19th Century Canada Genuine Trade Tokens". London Numismatic Club.
- ↑ 5,0 5,1 "½ Penny Prince Edward island - Self government and free trade". Numista.com
- ↑ "½ Penny. Ships Colonies & Commerce". Numista.com
- ↑ "½ Penny Speed the Plough". Numista.com
- ↑ Pawell, J. (2005). Páxinas 22-44.
- ↑ An Act to establish a Decimal system of Currency on this Island, Statutes of Prince Edward Island, 34 Vict. (1871), c. 5.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 "Canada. Prince Edward Island: 1 Cent - Victoria". Numista.com
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 "Prince Edward. 1 cent. 1871". Colnect.com
- ↑ 12,0 12,1 "1 Cent, Prince Edward Island, Canada, 1871". Museums Victoria Collections.
- ↑ Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Páxina 181.
- ↑ Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Páxinas 227-228.
- ↑ Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Páxina 228.
- ↑ "Billets de banque des banques du Canada (billets de banque à charte)". Numicanada.com
- ↑ "Canada. Chartered Banks". Banknote.ws
- ↑ "Customs House". Canada's Historic Places.
- ↑ Baldwin, D. O. (1985). "The Growth and Decline of the Charlottetown Banks, 1854-1906". En Acadiensis. Vol 15. Nº2. Páxina 32..
- ↑ 20,0 20,1 Baldwin, D. O.; Gill, H. (1983). "The Island's First Bank". En Island Magazine (Charlottetown). Nº 14. Páxina 9.
- ↑ Baldwin, D. O. (1985). Op. cit. Páxina 33.
- ↑ Baldwin, D. O.; Gill, H. (1983). Op. cit. Páxina 8.
- ↑ Baldwin, D. O. (1985). Op. cit. Páxina 34.
- ↑ Forbes, E. R.; Muise, D. A. (1993). The Atlantic Provinces in Confederation. University of Toronto Press. ISBN 0-8020-6817-0. Páxina 97.
- ↑ Ben-Ishai, S. (2009). "Bank Bankruptcy in Canada: A Comparative Perspective". En Banking and Finance Law Review, 25 (59).
- ↑ Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Páxinas 277-278.
- ↑ Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Páxina 278.
- ↑ "Bank of Prince Edward Island, 1 dollar". Bank of Canada Museum.
- ↑ "Bank of Prince Edward Island, 2 dollars". Bank of Canada Museum.
- ↑ "Bank of Prince Edward Island, 5 dollars". Bank of Canada Museum.
- ↑ "Bank of Prince Edward Island, 10 dollars". Bank of Canada Museum.
- ↑ "Bank of Prince Edward Island, 20 dollars". Bank of Canada Museum.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Berman, A. G. (2008). Warman's Coins And Paper Money: Identification and Price Guide (4 ed.). Krause Publications. ISBN 978-0-89689-683-3
- Cross, W. K. (2005). Charlton Standard Catalogue. Canadian Coins (59ª ed.). Charton Press. ISBN 978-0889682887
- Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Standard Catalog of World Paper Money Specialized Issues (11 ed.). Krause Publications. ISBN 978-1-4402-0450-0
- Haxby, J. A.; Willey, R. C. (1998). Coins of Canada (16ª ed.). The Unitrade Press. ISBN 978-1895909616
- Krause, C. L.; Mishler, C. (1991). Standard Catalog of World Coins: 1801-1991 (18th ed.). Krause Publications. ISBN 0873411501
- Pawell, J. (2005). A History of Canadian Dollar. Bank of Canada. ISBN 0-660-19571-2
- Pick, A. (1994). Standard Catalog of World Paper Money: General Issues (7th ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-207-9