Cooperación internacional


A cooperación internacional é un concepto amplo, que fai referencia xeralmente á relación desigual entre o desenvolvemento económico das distintas zonas do mundo, e aos fluxos de axuda, oficiais ou non gobernamentais (que pode ser un Estado-nación, unha Administración ou goberno local, ou unha ONG etc.), entre estas mesmas rexións para paliar a pobreza e a desigualdade existente. Refírese á asistencia voluntaria proporcionada por un doante a poboacións beneficiarias noutros países. Esta axuda pódese entregar directamente ou mediante os gobernos locais, estatais ou ONGs receptoras.

As desastrosas consecuencias do paso do tifón Haiyan polas Filipinas mobilizaron importantes fluxos de axuda internacional en poucos meses.

Está relacionado con conceptos como países desenvolvidos e países en desenvolvemento, conectando coa división poscolonial do mundo típica dos anos 50, e cobre un amplo espectro de ámbitos, incluíndo a mellora da saúde pública, a educación, as condicións ambientais, e a redución das desigualdades sociais e económicas, entre outros. Adicionalmente, implica a asistencia xudicial recíproca entre Estados para enfrontar delitos como a corrupción, seguindo a Convención das Nacións Unidas contra a Corrupción.

Historia editar

Nos últimos anos, a cooperación internacional expandiuse para incluír non só a axuda ao desenvolvemento senón tamén a promoción comercial, e intereses políticos e económicos, reflectindo a crecente complexidade das relacións internacionais.

A cooperación internacional moderna ten as súas raíces no período posterior á Segunda guerra mundial, cando se sentaron as bases para a reconstrución global e a orde económica internacional. O obxectivo era reconstruír a economía mundial, facilitar as independencias das colonias, e responder a diversas emerxencias provocadas por tensións xeopolíticas durante da Guerra fría. Ao longo do tempo, evolucionou desde a promoción do desenvolvemento económico até adoptar un enfoque máis amplo que inclúe o desenvolvemento humano sostible e o empoderamento das comunidades locais, especialmente das mulleres.

Este período viu a creación de institucións clave como o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional en 1944, e a Nacións Unidas en 1945. O Plan Marshall tamén xogou un papel fundamental na axuda á reconstrución de Europa.

 
A División Internacional do Traballo segundo as unidades de análise: economía central (en azul e en inglés, core), semiperiferia (en violeta e en inglés, semiperiphery) e periférica (en vermello e en inglés, periphery)

A teoría da dependencia e a teoría do sistema-mundo foron influentes nos anos 60 e 70, cuestionando as dinámicas de poder entre países desenvolvidos e países en desenvolvemento e promovendo unha maior xustiza social e distributiva nos intercambios internacionais. A Declaración sobre o dereito ao desenvolvemento foi aprobada pola AXNU baixo a resolución 41/128 en 1986 co único voto en contra dos EUA e oito ausencias.[1] Os Documentos de Estratexia de Loita contra a Pobreza (DELP) introducíronse por primeira vez en 1999 como condición para que os Países Pobres Moi Endebedados (PPME) puidesen optar ao alivio da débeda pública.[2]

Máis recentemente, os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio das Nacións Unidas e o seu enfoque no desenvolvemento humano ampliaron a definición e o alcance da cooperación internacional, e foron substituídos en 2015 polos 17 obxectivos da Axenda 2030 (Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel).[3][4][5]

Eidos de actuación editar

 
A inclusión da muller na vida civil, laboral e política é unha ferramenta indispensable para promover o cambio social en calquera sociedade.

A cooperación internacional actúa en diversas frontes como a mellora das condicións sanitarias e educativas, a protección ambiental e o combate ás desigualdades, como a desigualdade de xénero entre outras. O empoderamento das mulleres, o desenvolvemento das economías locais e a atención ao ambiente teñen sido áreas prioritarias en proxectos recentes.

Dignidade editar

Os proxectos de redución da pobreza e desenvolvemento adoitan colocar a dignidade na súa centralidade programática. Este mesmo termo ocupa un lugar central na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, onde determina que "todos os seres humanos nacen libres e iguais en dereitos e dignidade".

Notas editar

  1. "Declaración sobre o dereito ó desenvolvemento - IGADI" (en castelán). 2012-05-31. Consultado o 2024-04-04. 
  2. Intermón, Oxfam. "La Realidad de la Ayuda: Glosario". www.realidadayuda.org (en castelán). Consultado o 2024-04-04. 
  3. "Os Objetivos de Desenvolvimento do Milênio". As Nações Unidas no Brasil; brasil.un.org (en portugués). Consultado o 2024-04-04. 
  4. "Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio". www.edu.xunta.gal; IES Xoán Montes. Consultado o 2024-04-04. 
  5. "ODS". Universidade da Coruña; UDC.es. Consultado o 2024-04-04. 

Véxase tamén editar