O poscolonialismo, tamén coñecido como teoría poscolonial, trata dun conxunto de teorías que lidan co legado da colonización española e portuguesa dende o século XVI até o XIX, ou coa británica e francesa durante o século XIX. Como teoría literaria, ou postura crítica, trata a literatura producida en países que foron ou son aínda colonias doutros países. Tamén analiza os efectos do coñecemento producido nos países colonizadores sobre os países colonizados, ou os seus habitantes. A teoría poscolonial formou parte das ferramentas críticas dos anos 1980. Esta trata moitos aspectos das sociedades que sufriron o colonialismo: o dilema de constituír unha identidade nacional ó espertar do xugo colonial, a maneira na que os escritores de países colonizados tentan articularse e mesmo celebrar as súas identidades culturais e reclamalas ós colonizadores, os xeitos en que o coñecemento dos países colonizadores axudaron a elaborar unha determinada subxectividad nos colonizadores (a perpetuación das imaxes dos colonizados como seres inferiores), pero tamén o xeito en que ese coñecemento xerou tamén revoltas anticoloniais.

A terra nai e a súa descendencia colonial dependente. (William-Adolphe Bouguereau, 1883).

Caracterización editar

Dende o punto de vista da súa recepción académica, o termo poscolonialismo foi utilizado de tres formas diferentes, aínda que estreitamente relacionadas, durante as últimas dúas décadas do século XX. Na súa acepción temporal, aparece como un período histórico iniciado en 1947 coa descolonización de África e Asia, unha vez rematada a segunda guerra mundial, cando se quebrantaron os fundamentos xeopolíticos da orde colonialista estabelecidos por Europa dende o século XVI. Os procesos emancipatorios en Asia e en África, a aparición dos nacionalismos do “Terceiro Mundo" e a súa inscrición ambigua nas zonas de influencia definidas pola Guerra fría. Na súa acepción discursiva, o poscolonialismo fai referencia ás literaturas producidas nos territorios ocupados durante a etapa colonialista.