Concejo de la Mesta

Grupo de agricultores casteláns que regulaban a transhumancia nos reinos da Península Ibérica

O Honrado Concejo de la Mesta, foi unha asociación de pastores e gandeiros de León e Castela creada en 1273 por Afonso X o Sabio á cal outorgoulle importantes privilexios como quedar eximidos do servizo militar e tamén de testemuñar nos xuízos e, o máis importante, dereitos de paso e pastoreo.

Pastos de montaña en Villafranca de la Sierra (Ávila, España). Obsérvase o paso das canellas, un curral para a recollida do gando e un chozo de pedra onde se refuxiaban os pastores dos rigores do tempo.

Antes da súa creación, os pastores reuníanse en asembleas ou consellos denominados mestas (unha das acepcións en galego é a de "elementos numerosos e xuntos", como mestura)[1] en diversas localidades dúas ou tres veces ao ano coa fin de tratar dos negocios relacionados cos seus gandos ou goberno económico, e para distinguir e separar os mestencos (animais sen dono coñecido) que se mesturaron.

Durante a Idade Media e co paso do tempo, engádense novos privilexios reais á Mesta, como pasará a ser coñecida, xunto cunha fiscalización especial para protexela dos agricultores, o que provocou longos e incontables preitos até o ano 1836, en que foi aboliu por ser un resaibo do Antigo Réxime.

A Mesta foi considerada unha das agrupacións corporativas ou gremios máis importantes de Europa da Idade Media e o primeiro gremio gandeiro, aínda que existiron corporacións locais de gandeiros anteriores en Aragón (Casa de Gandeiros de Zaragoza).

As orixes da Mesta: debate historiográfico editar

As diferentes correntes historiográficas definiron distintos discursos sobre como ten orixe a Mesta máis aló do puramente institucional, atendendo esencialmente a cales foron os feitos que deron lugar á creación da propia institución. A relevancia deste estudo fíxose patente ante a diverxencia das análises dos diferentes historiadores, sobre todo, na elaboración do discurso historiográfico sobre a "Crise do século XVII". Aparecen varias interpretacións sobre este feito:

  • Na explicacións das casuas sobre o decaemento da monarquís hispánica no século XVII, os estudos de Vicens Vives no seu Manual de Historia Económica de España, entre outros, estableceron que a Mesta nacera como unha organización democrática de pequenos gandeiros e propietarios que son reunidos por Afonso X por vez primeira en 1273. Así, a Mesta entenderíase como unha organización exclusivamente ou polo menos dominada polos gandeiros, até que Carlos V "no seu afán recadatorio", moldeou a institución para que fose controlada por grandes propietarios nobres e eclesiásticos.
  • Outros estudos (Sobrequés, Reyna Pastor) expoñen liñas de investigación máis vencelladas ao que se denominou a "realidade social" da Mesta. Segundo esta tendencia, foron as orixes da transhumancia en Castela e a existencia dun conxunto de aristócratas ricos e eclesiásticos, donos de grandes rabaños, os que foron o xermolo da nova institución, fundamentalmente interesada en manter os privilexios da transhumancia. Isto explicaría, en parte, o proceso de conflito entre gandeiros e agricultores nunha loita de privilexios (que Sobrequés entende como equilibrada) e que finalizaría coa vitoria daqueles sobre estes.

A estas teses sobre as orixes da transhumancia hai que engadir o importante peso que algúns historiadores lle dan á aparición da ovella meiriña, cuxa la convertérase no principal produto de exportación de Castela durante varios períodos na Baixa Idade Media e a Idade Moderna. Tal é a súa importancia, que algúns historiadores consideraron que sen ovella meiriña non habería Mesta. Por iso, mostrouse importante entender a chegada da ovella meiriña á península, traída desde o Magreb, como intuíu Klein e como outros historiadores como Robert S. López buscaron demostrar. Non hai máis que elucubraciones sobre por que foi esta importada á nacente Mesta e non a Andalucía, moito máis cerca xeográfica e culturalmente co Norte de África; ou a Aragón, cuxas rutas comerciais xa coñecían a la de ovella meiriña, vendida, polo menos, en Tunisia.[2]

A transhumancia: pastores e labregos editar

Na España medieval, durante a Reconquista, os reinos cristiáns e musulmáns estaban separados por unha franxa de territorio que podía chegar a ter até 100 km de longura, case despoboados, pois era terra de ninguén sometida a continuas incursións bélicas dos dous bandos. Nestas terras non valía a pena labrar, porque as campañas bélicas organizábanse durante o bo tempo, na época das colleitas, de modo que o máis probable é que, por uns ou por outros, acabasen dadas ao lume ou ao saqueo.

Este territorio aproveitábano os pastores, cuxo gañado podía moverse dun lugar a outro, practicando a transhumancia, de modo que o percorrían durante o outono e o inverno (tempadas frías) e, na tempada de campañas (primavera e verán), refuxiábanse nas montañas do norte, máis húmidas e que conservaban os seus pastos durante o tempo cálido, conseguindo formar unha gandaría moi importante. A base principal da importancia económica destes rabaños era a ovella meiriña, cuxa la, de gran calidade, era apreciada (e aínda o é) en toda Europa, así como a ovella churra, para carne. A la tiña como mercados máis importantes Medina del Campo e Burgos. Conforme avanza a Reconquista, estas terras vanse repoboando e laborando, mentres se establece outra franxa de terra de ninguén máis cara ao sur.

 
Afonso X o Sabio.

Cando o rei Fernando III deu un grande impulso á Reconquista (século XIII), incorporando aos seus reinos gran cantidade de territorio e facendo tributarios aos reinos "mouros" que quedaban, a terra de ninguén se converte en segura e os labradores roturan os pastos, prohibindo o paso dos gandos que se comían as plantas verdes. Tendo en conta que outra gran riqueza de Castela é o trigo, os reis (empezando polo sucesor de Fernando III, Afonso X o Sabio) vense na necesidade de promulgar leis para defender a uns e a outros, protexendo as colleitas en xeral, ao establecer camiños delimitados para o gando entre as terras cultivadas (canellas, corgas, corredoiras, etc.) para facilita-la transhumancia e o paso entre unhas zonas de pastos e outras, xeralmente situadas en zonas de difícil roturación.

Historia da Mesta editar

 
Canella Real Leonesa Occidental no Val de Amblés, Ávila, España.
 
Antiga sede do Concello da Mesta, en Madrid. Actualmente alberga o ICAC.

As agrupacións de pastores e gandeiros fusionáronse na "Real sociedade de gandeiros da Mesta", segundo o privilexio de Afonso X o Sabio, en 1273 en Gualda, aínda que a súa denominación e regulamentación é de 1347, reinando Afonso XI.[3] Como se dixo, coa súa creación tentábase evitar posibles conflitos entre agricultores e gandeiros, xa que estes últimos debían atravesar as terras dos agricultores cos seus rabaños dúas veces ao ano, producindo danos nos cultivos. Isto emendouse construíndo uns itinerarios concretos: os de maior anchura chamábanse canellas, e as máis importantes de entre elas chamábanse canellas reais, dando testemuño da súa creación polo rei.

Nas cortes de Toledo de 1480, decretouse deixar libre o paso de rabaños entre Aragón e Castela, manifestándose o papel preponderante que os Reis Católicos darían á Mesta. O mesmo ano, outro decreto outorgaba liberdade absoluta para o tránsito de gandos entre ámbolos dous reinos. Con isto non só pretendían protexer esta actividade, senón tamén incrementar os ingresos da coroa mediante o arrendamento e a venda de dereitos de pastos. A partir de entón, o presidente da Mesta sería o membro máis antigo do Consello Real.

Desde o ano 1500, a Mesta organizábase celebrando dúas asembleas ao ano, unha no sur da península entre xaneiro e febreiro, e a outra no norte, entre os meses de setembro e outubro.[4] O labor destas asembleas era resolver principalmente asuntos de carácter interno como a organización das transhumancias próximas, orde de paso e a elección dos cargos que debían dirixir a Mesta.

O cargo principal era o de Presidente, os catro alcaldes de cuadrilla que o axudaban nas súas tarefas, e os alcaldes maiores. Tamén tiñan unha grande importancia os xuíces de comisión, encargados de xulgar e multar aos que non cumprisen a extensa normativa da Mesta. A nivel institucional, existe un gran descoñecemento sobre o funcionamento da Mesta, o que provocou todo tipo de especulacións respecto diso polo que xurdiu unha “lenda negra” que afirmaba que dende os Reis Católicos, a Mesta era unha máquina perfecta pola súa organización, atribucións e actuacións.

Foi unha organización moi poderosa debido aos privilexios que os reis lle concedían dado que a la era un importante produto de exportación de Castela a Europa, polo que se debía fomentar a produción de la, ás veces en detrimento da agricultura, co caso paradigmático de Estremadura, e a case desaparición da agricultura, previamente dominante.

A Mesta foi unha das causantes da deforestación sufrida na península ao longo da historia, xa que a gran cantidade de gando necesitaba moito pasto para se alimentar.[Cómpre referencia]

A súa decadencia e posterior desaparición no ano 1836 tivo varios motivos:

  • A perda do monopolio mundial de produción da la meiriña (la de alta calidade), por mor do roubo de gando durante a invasión de Napoleón, producindo a caída de prezos e a perda de mercados.
  • Elevados prezos locais que fixeron que as exportacións da la empezasen a seren menos competitivas.
  • Continuos conflitos entre gandeiros e a manufactura que, aos poucos, van tomando poder e vanlles limando certos privilexios.
  • As guerras con Portugal, que limitaron o uso dalgunhas canellas.
  • A crecente necesidade de diñeiro da Coroa, que fai que a Mesta perda privilexios de tipo económico.

Canellas reais editar

 
Principais Canellóns Reais de Castela e os seus equivalentes nos outros reinos españois.

As principais canellas reais polas que circulaba o gando da Mesta foron:

Cando chegaban preto dos seus destinos, había toda unha morea de camiños menores, con diversos nomes segundo a súa importancia: cordas, cordeis, etc., para repartir o gando polas zonas de pastos.

Notas editar

  1. "mesto, mesta". academia.gal. Consultado o 15-09-2018. 
  2. Bishko, Ch. J. (1996) Sesenta años después, La Mesta de Julius Klein a la luz de la investigación subsiguiente.
  3. "La economía en la sierra. La Mesta.". Historia de La Rioja. Edad Moderna - Edad Contemporánea. Caja de Ahorros de La Rioja. ISBN 84-7231-903-2. 
  4. Matías Brieva: Colección de Leyes, Reales Decretos y órdenes, acuerdos y circulares pertenecientes al ramo de la Mesta, dá unha relación de tódalas xuntas celebradas dende 1500.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar