Castro de Borneiro

castro en Cabana de Bergantiños

Coordenadas: 43°11′41″N 8°57′10″O / 43.19472222, -8.95277778

O castro de Borneiro ou da Cibdá[1] é un castro galaico datado a finais da Idade de Bronce, pertencente á coñecida como Cultura castrexa. Sitúase na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños), a 500 metros da estrada LC-430 de Ponteceso a Baio. A poucos quilómetros está o famoso dolmen de Dombate. O poboado castrexo ten sido obxecto de escavacións arqueolóxicas e traballos de consolidación que permiten a súa visita. Foi catalogado como Ben de Interese Cultural en 2011[2]

Castro de Borneiro
ParroquiaBorneiro
ConcelloCabana de Bergantiños
ProvinciaA Coruña
Comunidade autónomaGalicia
Id. catálogoGA15014003
Cronoloxía
Datas de ocupaciónséc. -VI a.C. a século I d.C.
Data da descuberta1924
Períodos de escavaciónAnos 30
Anos 70
Anos 80
Estado actualEscavado parcialmente e consolidado. Visita libre
Extensión estimada? ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

Descrición editar

Foi o primeiro castro en ser datado cientificamente co método do carbono-14 en Galicia [Cómpre referencia]. Estivo habitado entre os séculos VI a.C. e o I d.C., pero non se observaron sinais de romanización. A súa localización é un tanto atípica, nunha ladeira orientada ao leste que baixa cara a un regato, a unha altura de 200 metros.

Foi descuberto en 1924 polo xeógrafo Isidro Parga Pondal e Ciriaco Pérez Bustamante, e comezouse a escavar na década de 1930 por Sebastián González García-Paz. Na década de 1970 retomou as escavacións Jorge Juan Eiroa, e xa na década de 1980 leváronse a cabo as escavacións máis senlleiras por parte de Ana Romero Masiá. Na actualidade presenta escavadas un total de 36 construcións -case as tres cuartas partes da súa extensión total-. As vivendas son circulares e cuadrangulares coas esquinas redondeadas, de gran tamaño en comparación coas doutros castros.

Atopáronse múltiples fragmentos de cerámica indíxena, útiles de bronce e ferro, muíños de pedra, fusaiolas, fíbulas, moldes de fundición ou contas de vidro, hoxe en día expostos no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.

A acrópole está rodeada por un foxo e dous muros defensivos en todo o seu perímetro, excepto no lado leste onde a acentuada pendente do terreo actúa como defensa natural, cunha extensión de 90 metros de longo por 55 de largo.

Ademais do recinto principal hai unha zona coñecida como o Barrio Extramuros, no lado leste, coincidindo coa entrada principal do poboado. É un conxunto formado por unha gran casa ovalada, dúas fontes con desaugadoiro e un forno circular que debeu estar cuberto cunha bóveda.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "Así é o novo acceso ó histórico castro da Cibdá en Cabana de Bergantiños". maio de 2019. 
  2. Xunta de Galicia (13 de decembro de 2016). "Bens de Interese Cultural (BIC". abert@s. Arquivado dende o orixinal (csv) o 26 de marzo de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar