Carolina Michaëlis de Vasconcelos
Carolina Wilhelma Michaëlis de Vasconcelos, nada en Berlín o 15 de marzo de 1851 e finada en Porto o 22 de outubro de 1925, foi unha crítica literaria, escritora, lexicógrafa e investigadora portuguesa de orixe prusiana. Está considerada unha das grandes personalidades da filoloxía portuguesa, e foi a primeira muller que impartiu clase nunha universidade portuguesa, e unha das primeiras en entrar na Academia das Ciencias de Lisboa. Ten grande importancia como mediadora entre a cultura portuguesa e a cultura alemá.
Nome orixinal | (pt) Carolina Wilhelma Michaëlis de Vasconcelos |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 15 de marzo de 1851 Berlín, Alemaña |
Morte | 16 de novembro de 1925 (74 anos) Porto, Portugal |
Actividade | |
Ocupación | crítica literaria, profesora universitaria, lexicógrafa, escritora, romanista |
Empregador | Universidade de Coímbra Universidade de Lisboa |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Joaquim de Vasconcelos |
Pai | Gustav Michaelis |
Irmáns | Henriette Michaelis |
Premios | |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética (1926—1947) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Library of the World's Best Literature |
Traxectoria
editarNada en Berlín (por entón capital de Prusia, na Confederación Xermánica), foi a máis nova dos cinco fillos do profesor Gustav Michaëlis e de Henriette Louise Lobeck. A súa irmá Henriette Michaëlis foi lexicógrafa e autora dos primeiros dicionarios Michaelis. Desde nova interesouse polos idiomas. Foi instruída polo seu pai, polo filólogo Eduard Matzner e por Carl Goldbeck. En 1867 comezou a publicar en revistas alemás especializadas, e con 20 anos traballaba como tradutora e intérprete no Ministerio do Interior de Alemaña para os asuntos da Península Ibérica. Tamén colaboraba nas Brockhaus Enzyklopädie e o Meyers Konversations-Lexikon, e en varias revistas e periódicos internacionais, como a Bibliografia Crítica de História e Literatura dirixida por Francisco Adolfo Coelho.
En 1876, durante a súa colaboración luso-xermánica e logo do polémico caso da "Questión do Fausto", na que foi bastante criticada a versión traducida da obra Fausto de Goëthe feita por António Feliciano de Castilho, Carolina coñeceu Joaquim António da Fonseca de Vasconcelos, musicólogo e historiador de arte portugués, con quen iniciou unha longa correspondencia epistolar que deu paso a unha relación amorosa a distancia. El, en plena terceira guerra carlista, atravesou os Pireneos a cabalo para ir visitala. Casaron en Berlín, e Carolina recibiu a dupla cidadanía.[1]
Foron vivir a Portugal, entre a localidade de Vasconcelos, no distrito de Braga, e as cidades de Lisboa e Porto, amais da pasar as vacacións en Águas Santas. Se ben dedicou os primeiros anos á vida familiar, nunca deixou os estudos e investigacións. En decembro de 1877 naceu o seu primeiro e único filo, Carlos Joaquim Michaëlis de Vasconcelos.[2] Nos primeiros meses de embarazo frecuentaba a biblioteca do Palacio Nacional da Ajuda para recoller información dados sobre a lingua e literatura portuguesa, especialmente no seu período arcaico. O seu traballo de investigación levouna a ter correspondencia con Eugénio de Castro, Antero de Quental, João de Deus de Nogueira Ramos, Henrique Lopes de Mendonça, José Leite de Vasconcelos, o Conde de Sabugosa, Teófilo Braga, Trindade Coelho, Anselmo Braamcamp Freire, Sousa Viterbo, Alexandre Herculano, os médicos e escritores António Egas Moniz e Ricardo Jorge, os españois Marcelino Menéndez Pelayo e Ramón Menéndez Pidal, así como outros autores franceses, ingleses e alemáns.[3]
En 1901 o rei Carlos I de Portugal concedeulle a insignia de oficial da Orde Militar de Sant'Iago da Espada.[4]
En 1911 foi nomeada profesora de Filoloxía Xermánica da Universidade de Lisboa. Ao ano seguinte pediu a transferencia para a Universidade de Coímbra, onde impartiu dous cursos de Filoloxía (románica e portuguesa) e tres de lingua e literatura alemá. En 1912 foi escollida, xunto con Maria Amália Vaz de Carvalho, para a Academia das Ciências de Lisboa.
Entre 1924 e 1927 dirixiu a revista Lusitânia,[5] e en 1926 o Conselho Nacional das Mulheres Portuguesas elixiuna presidente honoraria, prestándolle homenaxe cun número especial na revista Alma Feminina.
Foi soterrada no cemiterio de Agramonte.
Homenaxes
editarEn 1932 o Concello de Lisboa aprobou darlle o seu nome a unha rúa, mais o proxecto non se levou a cabo até 1972, cando se aprobou nomear unha vía na zona do Calhariz de Benfica.[6] O seu nome figura tamén na toponimia dos concellos de Berlín, Oeiras (Linda-a-Velha), Odivelas (Ramada), Maia (Águas Santas), Porto, Seixal (Corroios) e Loures.
Tamén leva o seu nome un instituto e unha estación de metro da cidade do Porto.
Obras
editar- Poesias de Francisco de Sá de Miranda: Edição critica feita sobre cinco manuscriptos ineditos e todas as edições impressas: Acompanhada de um estudo sobre o poeta, variantes, notas, glossario, um retrato e cinco facsimiles, Halle, Max Niemeyer (1880)
- Poesias de Sá de Miranda (1885)
- História da Literatura Portuguesa (1897)
- A Infanta D. Maria de Portugal e as suas Damas (1521-1577) (1902)
- Cancioneiro da Ajuda (2 volumes; 1904)
- Dicionário Etimológico das Línguas Hispânicas
- Estudos sobre o Romanceiro Peninsular: Romances Velhos em Portugal
- As Cem Melhores Poesias Líricas da Língua Portuguesa (1914)
- A Saudade Portuguesa (1914)
- Loiros, Á Excellentissima Senhora D. Gloria Castanheira (1919)[7]
- Notas Vicentinas: Preliminares de uma Edição Crítica das Obras de Gil Vicente (1920-1922)
- Autos Portugueses de Gil Vicente y dela Escuela Vicentina (1922)
- Mil Provérbios Portugueses
Notas
editar- ↑ "Carolina Michaelis, uma alemã apaixonada por Portugal". Jornal Expresso. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2019. Consultado o 27 de outubro de 2019.
- ↑ "Biografias - Carolina de Michaëlis". Leme.
- ↑ Mühlschlegel, Ulrike (2004). Dona Carolina Michaëlis e os estudos de filologia portuguesa. TFM. ISBN 9783925203930.
- ↑ Delille, Maria Manuela Gouveia (2009). A vida e a obra de Carolina Michaëlis de Vasconcelos: evocação e homenagem: exposição bibliográfica e documental. Imprensa da Universidade de Coimbra / Coimbra University Press. ISBN 9789892600178.
- ↑ Rita Correia (5 de novembro de 2013). "Ficha histórica: Lusitania: revista de estudos portugueses (1924-1927)" (PDF). Hemeroteca Municipal de Lisboa. Consultado o 3 de decembro de 2014.
- ↑ Fernando Augusto Santos e Castro (5 de xuño de 1972). "Câmara Municipal de Lisboa: Edital" (91/72).
- ↑ Vasconcellos, Carolina Michaëlis de (2018). Loiros: Á Excellentissima Senhora D. Gloria Castanheira. Fb&c Limited. ISBN 9780366965823.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carolina Michaëlis de Vasconcelos |