Coordenadas: 12°13′N 72°09′O / 12.22, -72.15

O cabo de la Vela é un accidente costeiro no sur do mar Caribe; atópase situado no extremo norte de Suramérica, especificamente na península de La Guajira en Colombia. A súa parte norte posúe unha altura de 47 ms.n.m.

Vista sur do cabo de la Vela.

Historia editar

Cosmogonía wayuu editar

Este cabo, situado na península de La Guajira, é un terreo desértico habitado principalmente polo pobo indíxena wayuu, que chama ao lugar co nome de Jepirra, que na súa cosmogonía é o espazo sacro onde os espíritos dos seus defuntos chegan para facer o seu tránsito cara ao «descoñecido».

Conquista española editar

 
Alonso de Ojeda, primeiro europeo en pisar territorio do que hoxe é Colombia.

En 1499, a expedición española ao comando de Alonso de Ojeda, tras explorar o golfo de Paria, na costa de Venezuela, percorreu unha parte da península de La Guajira á que chamou illa de Coquibacoa ou Coquivacoa (crendo que se trataba dunha illa) até alcanzar o cabo de la Vela. A primeira expedición de Ojeda non tiña como propósito fundar colonias, senón unicamente traficar con indíxenas capturados, que serían vendidos na illa da Española, e xuntar a maior cantidade de ouro e outros recursos de valor.

Sen desembarcar poucos días despois, os expedicionarios, entre os que se atopaban Américo Vespucio e Juan de la Cosa, partiron do cabo da Vela á illa da Española (actual República Dominicana) con algunhas perlas obtidas en Paria, algo de ouro e varios escravos. A escaseza de bens e escravos transportados resultou nun rendemento económico escaso, pero a importancia desta viaxe radica en que foi o primeiro percorrido detallado feito polos españois das costas das actuais repúblicas de Venezuela e Colombia. A expedición deu tamén a Juan de la Cosa a oportunidade de trazar o primeiro mapa coñecido da actual Venezuela, ademais de ser a primeira viaxe que fixo Vespucio ao Novo Mundo.

Ojeda capitulou ante os Reis Católicos de España o 18 de xuño de 1501. Nomeouse gobernador de Coquibacoa polos resultados obtidos na primeira viaxe e outorgóuselle o dereito de fundar unha colonia nese territorio, aínda que se lle preveu de que non visitase o golfo de Paria, descuberto por Colón na súa terceira viaxe en 1498. A gobernación abarcaba, segundo algúns historiadores, desde o cabo da Vela até o cabo de Chichiriviche; con todo, outros sinalan que non tiña un límite preciso, suxeito aos descubrimentos que se fixesen.

En 1502 Juan de la Cosa organizou a súa propia expedición e volveu a La Guajira, desembarcando en terra firme.

Anexión á Provincia de Venezuela editar

Algún tempo despois da morte de Alonso de Ojeda en 1515, o rei Carlos I emitiu unha Real Cédula o 27 de marzo de 1528, mediante a cal declaraba constituída a Provincia de Venezuela no territorio que se atopa entre «… o cabo de la Vela ou do fin dos límites e termos da dita Gobernación de Santa Marta até Maracapana, leste, oeste, norte e sur dun mar ao outro, con todas as illas que están na dita costa, ...as que están encomendadas e ten ao seu cargo o factor Juan de Ampíes».

Predominio alemán editar

O 28 de marzo de 1528, o rei Carlos I expediu a Capitulación de Madrid, arrendando temporalmente a Provincia de Venezuela á familia Welser, o que deu paso á creación do Klein-Venedig, unha das gobernaciones alemás en América.

En 1535, o conquistador alemán Nikolaus Federmann funda un poboamento cerca do cabo de la Vela co nome da Nuestra Señora Santa María de los Remedios del Cabo de la Vela, o primeiro en La Guajira.

En 1554 Hernán Pérez de Quesada e o seu irmán Francisco, que regresaban da Española xa libres de cargos, ao pasar polo cabo de la Vela, foron fulminados por un raio que caeu sobre o barco no que viaxaban xunto a outros conquistadores.[1]

O asasinato de Filipe Von Hutten en 1546 marca a fin do predominio alemán, a pesar de que durante trece anos os Welser fixeron xestións ante as cortes para que se lles reintegraran os seus antigos privilexios. En definitiva, o Consello de Indias ditaminou que os Welser perderan os dereitos de gobernar a provincia de Venezuela, por non cumprir as cláusulas da Capitulación de Madrid.

Anexión á Capitanía xeneral de Venezuela editar

En 1777, o rei Carlos III ordena a creación da Capitanía xeneral de Venezuela, o cal incluía a maioría dos territorios ao oeste do cabo de la Vela, limitando coa Provincia de Santa Marta, do Vicerreinado da Nova Granada.

Unión e disolución da Gran Colombia editar

Logo de que as colonias españolas do norte de Suramérica alcanzasen a Independencia, baixo o liderado de Simón Bolívar, os antigos entes territoriais coñecidos como Vicerreinado da Nova Granada, a Capitanía Xeneral de Venezuela, o Goberno de Quito e o Goberno de Guayaquil únense nunha soa nación coñecida como a Gran Colombia, que tivo existencia xurídica entre 1821 e 1831. Durante esa década, o cabo de la Vela pertenceu á Gran Colombia como nación unificada, pero tras a disolución do país iniciouse un diferendo entre as novas nacións separadas.

Diferendo limítrofe editar

  • Laudo Arbitral Español: Posteriormente, en 1881, Venezuela e Colombia conviñeron en celebrar un Tratado de Arbitraxe ante o Rei de España. En 1891 o Laudo Arbitral Español estableceu como inicio da fronteira na Península de La Guajira os mogotes chamados Los Frailes. Resultou difícil achar os referidos mogotes, polo que en 1898 a comisión mixta colombo-venezolana escolle a Castilletes como inicio para demarcar a fronteira dentro do Golfo de Venezuela. Desta forma, a Comisión Mixta, sen ter facultades para iso, introduciu unha modificación de fondo que deu orixe ao diferendo entre Venezuela e Colombia pola delimitación das augas mariñas e submarinas no Golfo de Venezuela.
  • Arbitraxe suíza: En 1916 os gobernos someten a demarcación da fronteira a unha nova arbitraxe, e para o efecto designaron o consello federal suízo. O árbitro suízo confirmou case totalmente a fronteira establecida polo Laudo Español.

Tratado limítrofe vixente editar

A raíz das diferenzas coa arbitraxe suíza, o problema continuou até o 5 de abril de 1941, data en que os Ministros de Relacións Exteriores de Venezuela, Esteban Gil Borges, e de Colombia, Luís López de Mesa, asinan o tratado de límites que establece a fronteira actual entre os dous países cos seus sinais xeodésicos.

O tratado de 1941, do mesmo xeito que os arranxos anteriores, segue máis ou menos as estipulacións do Laudo Español de 1891; mantén as delimitacións da citada arbitraxe e tamén as demarcacións efectuadas polos expertos suízos en 1923.

Importancia do lugar editar

Moito tempo atrás, este lugar era case inhabitado, pero debido á proxección turística que tivo nos últimos anos, a poucos metros do sitio, na franxa costeira ao sur, asentáronse chozas típicas para hospedaxe e restaurantes para turistas. Este lugar é considerado un paraíso turístico en Colombia.

Actualmente, o Cabo de la Vela é un destino turístico. Entre os seus principais atractivos están El Pilón de Azúar, La Praya Dorada, El Ojo de Agua y as Rancherías Aledañas. Destaca así mesmo polas boas condicións para a práctica do kitesurf, con ventos constantes e moi frecuentes durante todo o ano.

Galería fotográfica editar

Notas editar

  1. Biblioteca Luis Ángel Arango - Biblioteca virtual. "Hernán Pérez de Quesada". lablaa.org. Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2010. Consultado o 22 de xuño de 2010. 

Véxase tamén editar