Buglossidium luteum

(Redirección desde «Buglossidium»)

Buglossidium luteum
Lirpia, linguadiño amarelo
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Soleidae
Xénero: Buglossidium
Chabanaud, 1930 [1]
Especie: B. luteum
Nome binomial
Buglossidium luteum
Risso, 1810 [2].

Buglossidium luteum é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos soleidos,[2] a única do xénero Buglossidium,[1][3] coñecida en galego como lirpia[4] e linguadiño amarelo.[5]

Esta especie caracterízase polo seu pequeno tamaño, a súa pequena boca semicircular, e os raios negros regularmente repartidos entre os demais, claros, nas súas aletas.
É unha especie común e xeneralizada propia dos fondos areosos do noroeste do Atlántico e do mar Mediterráneo. Ten escaso valor comercial.[6][7]

Taxonomía editar

Xénero editar

O xénero Buglossidium foi creado en 1930 polo zoólogo francés Paul Chabanaud.[1]

Ademais de por este nome, coñécese polo sinónimo Microchiropsis Chabanaud, 1956.[1]

Especie editar

A especie Buglossidium luteum foi descrita por primeira vez en 1810 polo naturalista nizardo Antoine Risso, baixo o nome de Pleuronectes luteus.[2]

Ademais de por este nome orixinario, e o actualmente válido, foi coñecida polos sinónimos:[2]

  • Monochirus luteus (Risso, 1810)
  • Rhombus luteus Risso, 1827
  • Solea lutea (Risso, 1810)

Características editar

As principais características morfolóxicas desta especie son:[4][6][8][9][10][11]

  • Corpo ovalado, alongado, de 10 a 13 cm de lonxitude (máximo, 15 cm), coa cabeza co fociño prologado cara a abaixo en forma de bico, cubrindo a sínfise mandibular.
  • Como en todos os linguados, a cara pigmentada, ou ocular, é a do lado dereito, e a cara cega, no esquerdo.
  • Ollos pequenos, co superior máis adiantado que o inferior.
  • Orificio nasal anterior do lado pigmentado situado ao nivel da marxe anterior do ollo dorsal, ou algo máis adiantado. Os do lado cego son pequenos, e están separados o un do outro.
  • A aleta dorsal orixínase no bordo anterior do rostro, fronte ao espazo intrerorbitario. Un carácter que o fai facilmente identificábel é a presenza de raios escuros (negros) colocados entre cada 4-7 raios claros nas aletas dorsal e anal que están unidas por unha membrana ao pedúnculo caudal, e pola forma máis alongada da parte posterior do corpo, que tende a estreitarse de maneira gradual cara á aleta caudal, que ten o bordo arredondado.
  • A aleta torácica do lado cego é moito máis curta que a do lado pigmentado, e ten só 2 ou 3 raios.
  • As escamas presentan pequenas espiñas marxinais, medianamente longas e de tamaños case iguais.
  • A coloración é parda agrisada ou parda avermellada con manchas escuras irregulares no lado pigmentado, e abrancazada no lado cego.

Hábitat e distribución editar

Hábitat

Esta especie ten requirimentos de hábitat máis específicos que outros peixes planos frecuentes no Atlántico como a solla, o linguado común e a limanda. Concéntrase en augas moderadamente influídas polas procedentes dos estuarios, cunha salinidade de 29 a 33 ppt, polo que está ausente das bocas dos estuarios máis grandes, onde a salinidade é menor.
Este pequeno linguado adoita encontrarse en substratos lamosos ou areoso-lamoso, a profundidades de 5 a 40 m (aínda que pode acharse tamén até os 450 m), a miúdo semienterrado.[4][8][11]

 
Área de distribución de Buglossidium luteum.
Distribución xeográfica

Buglossidium luteum distribúese polo NE do Atlántico desde as costas do sur de Islandia, illas Feroe e norte de Escocia, polo norte, até as do mar do Norte Dinamarca, o Kattegat e o mar Báltico, polo oeste, e cara ao sur, até o nordeste de Marrocos.
Tamén penetra no mar Mediterráneo, até o mar de Mármara e o estreito do Bósforo.
Ë especialmente abundante no mar do Norte meridional, e no canal da Mancha.[8]

Bioloxía editar

Nutrición

Os espécimes adultos aliméntanse dunha gran variedade de pequenos invertebrados bentónicos, especialmente crustáceos (copépodos, anfípodos e cumáceos), moluscos bivalvos e vermes poliquetos.[4][8][9]

A súa dieta varía segundo as rexións xeográficas onde vive; no canal da Mancha comen unha gran variedade de presas, moito maior que os que viven no golfo de Biscaia, consumindo proporcionalmente máis poliquetos, en oposición aos biscaíños, que comen máis crustáceos e moluscos.[11]

A actividade alimentaria experimenta picos en verán, e declina notabelmente no inverno.[12]

Reprodución

Adquiren a madure sexual aos 6 ou 7 anos (os machos) e entre os 6 e os 8 (as femias).[8]. A desova prodúcese en febreiro no Mediterráneo, desde marzo a xuño no golfo de Biscaia, e en xullo e agosto no oeste do canal da Mancha, no mar do Norte e no oeste de Irlanda.[9]

Os ovos son pequenos, e distínguense dos doutros linguados por teren só uns poucos glóbulos grandes de aceite. Cando eclosiona, as larvas miden uns 2 mm de longo, e a metamorfose comezan cando alcanzan uns 7 mm, e complétase ao acadaren o 8–9 mm. En aparencia, as larvas son similares ás do linguado común, pero teñen menos cromatóforos radiados. Tamén se distinguen polo pigmento na rexión ventral da parede abdominal, e a forma da cabeza é así mesmo diferente.[13]

Relación cos humanos editar

A lirpia é demasiado pequena como para ter interese comercial, e xeralmente é desbotada polos pescadores. Captúrase como especie incidental na pesca con redes de arrastre, ás veces en grandes cantidades, e historicamente foi a miúdo confundido con inmaturos do linguado común,[14][15][16] ao que alude o nome de lirpia (ou lirpa).[17][18]

Estado de conservación editar

A UICN cualificou o status da especie na actualidade (2014) como LC (pouco preocupante).[19]

Entre 1985 e 2006, a poboación desta especie aumentou considerablemente no mar do Norte, ao parecer como consecuencia do aumento da temperatura das augas dos fondos mariños.[20]

En Galicia editar

Desde 1977 hai moitois rexistros da especie nas augas galegas en numerosos lugares, como formando parte do zooplancto (as larvas), en fondos de area e de lama no interior das rías (en fondos de 20 a 40 m) e na plataforma continental (en fondos de até os 100 m).[4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Buglossidium Chabanaud, 1930 no WoRMS.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Buglossidium luteum (Risso, 1810) no WoRMS
  3. Buglossidium luteum (Risso, 1810) en The Taxonomicon.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995), pp. 306-307.
  5. Lahuierta e Vázquez (2000), p. 84.
  6. 6,0 6,1 Froese, Rainer and Pauly, Daniel, eds. (2008): Buglossidium luteum (Risso, 1810) en FishBase.
  7. Ruiz, A. (2007): Solenette - Buglossidium luteum Marine Biological Association of the United Kingdomen en MarLIN (en inglés).
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Muus, Bent J. et al. (1998), p. 274.
  9. 9,0 9,1 9,2 Quéro, J.-C.; Desoutter, M. & Lagardère, F. (1986): "Soleidae". En Whitehead, P. J. P et al.: Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. Paris: UNESCO. ISBN 92-3-002309-4.
  10. Lythgoe, J. & G. (1991): Fishes of the Sea: The North Atlantic and Mediterranean. Cambridge, Massachusetts, USA: MIT Press. ISBN 0-262-12162-X,
  11. 11,0 11,1 11,2 Amara, R.; Mahé, K.; LePape, O. & Desroy, N. (2003): "Growth, feeding and distribution of the solenette Buglossidium luteum with particular reference to its habitat preference". Journal of Sea Research 51 (3-4): 211–217.
  12. Nottage, A. S. & E. J. Perkins (2006): "The biology of solenette, Buglossidium luteum (Risso), in the Solway Firth" Journal of Fish Biology 22 (1): 21–27.
  13. Nichols, J. H. (1976): "Soleidae of the Eastern North Atlantic" en Fraser, J. H. & G. Thorson: Fiches D’Identification du Zooplancton. Charlottenlund Slot - Danemark: Conseil International pour 1’Exploration de la Mer, números 61-70.
  14. Newman, E. & Harting, J. E. (1907): Zoologist: A Monthly Journal of Natural HistoryJ. Van Voorst.
  15. Herdman, W. A. & Dawson, R. A. (1902): Fishes and Fisheries of the Irish Sea, and Especially of the Lancashire and Western Sea-fisheries District. George Philip & Son.
  16. Murie, J. (1903): Report on the Sea Fisheries and Fishing Industries on the Thames Estuary. Waterlow Bros. & Layton.
  17. Ríos Panisse, Mª del Carmen (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X. Voces: Lirpa: lenguado mediano (Pontedeume), lenguado pequeño (Sada); lirpia: lenguado pequeño (Mugardos).
  18. lirpa: linguado pequeno no dicionario da RAG.
  19. Buglossidium luteum na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.3 (Consultada o 26 de maio de 2015).
  20. Hiddink, J. G. & R. Ter Hofstede (2008): "Climate induced increases in species richness of marine fishes". Global Change Biology 14 (3): 453–460.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds.: European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. París: Muséum national d'Histoire naturelle. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar