Abrir o menú principal

Brandán o Navegante (Ciarraight Luachra, Condado de Kerry, Irlanda, c. 484Enachduin, c. 578), en irlandés Breandán, ou Brendán, tamén chamado Brandano, Barandán ou Borondón, foi un dos grandes monxes evanxelizadores irlandeses do século VI. Abade do mosteiro de Clonfert (Galway, Irlanda) que fundou no 558 ou 564, foi protagonista dun dos relatos de viaxes medievais máis famosos da cultura gaélica medieval, relatado na Navigatio Sancti Brandani, unha obra que foi redactada contra os séculos X-XI. Foi un dos Doce Apóstolos de Irlanda.

San Brandán de Clonfert
Saint brendan german manuscript.jpg
San Brandán e a balea nun manuscrito do século XV
Pasamentoc. 578 en Enachduin, Irlanda
Proceso de canonización
Veneración
Venerado/a enIgrexa católica
Igrexa ortodoxa
Comuñón Anglicana
Festividade16 de maio
San Brandán e a balea nun manuscrito do século XV.

A lenda de San Brandán e a súa viaxe ao paraíso vai influír sobre outros relatos haxiográficos difundidos por toda Europa occidental, como as narracións viaxeiras de San Malo na Bretaña ou Santo Amaro en Galiza.[1].

SagaEditar

A lenda foi logo traducida ao francés e se estendeu durante séculos pola Europa cristiá en copias manuscritas, aínda que os bolandistas non dubidarían en cualificala de «apocripha deliramenta»,[2] E non fose editada até 1836, cando saíu en Francia unha versión preparada por Achille Jubinal.[3] De acordo coa citada Navigatio Brandán partiu o 22 de marzo de 516 con outros catorce freires, aos que se suman tres advidos, nun barco na procura do Paraíso terreal. Despois dunha longa viaxe, recalou nun mar cheo de illas; a identidade destas illas e en particular da mítica illa de San Brandán, ten sido motivo de controversias, e se ten afirmado que posibelmente se tratase da llla de Terranova —o que faría de Brandán quizais o primeiro europeo en chegar ás Américas—, tamén se ten identificado con Islandia e as illas Feroe e incluso coas illas do mar Caribe ou as illas Canarias. A lenda conta que os monxes celebraron unha misa de resurrección nunha illa que resultou ser unha balea, e aí naceu a lenda da illa errante nas augas do océano Atlántico.

A igrexa católica hónrao como santo; é o patrón dos mariñeiros, celebrándose a súa festa o 16 de maio. A igrexa ortodoxa tamén o venera no día predito segundo o seu calendario eclesiástico, recordándoo quizais como o primeiro na lista de santos en arribar ao novo continente.

Datos históricosEditar

Moito se ten discutido acerca da historicidade deste relixioso, e malia ter sido eliminado do santoral en tempos de Paulo VI non cabe dúbida de que se tratou dun abade irlandés que levou a cabo tarefas de evanxelización nas augas do mar do Norte. En realidade, foi un fiel seguidor da tradición misioneira do cristianismo irlandés da que os santos Columba e Columbano foron claros expoñentes. Desde principios do século V enteiras comunidades monásticas botáronse ao mar en curraghs (barquiñas de coiro calafateado tamén empregadas noutrora en Galiza) para predicar o Evanxeo até os confíns da terra. O San Brandán histórico, abade de Clontarf, estaría acreditado polo testemuño de Adamnano, que redactou unha Vida de San Columbano aproximadamente cincuenta anos despois da morte de Brandán.[4] Nela conta que o santo visitou a illa de Iona (occidente de Escocia) onde topou con San Columbano, e chegou coas sus exploracións até as illas Feroes. Abades irlandeses posteriores completarían a súa obra, acadando Islandia e incluso Groenlandia, onde estableceron novas comunidades cenobíticas e abriron o camiño para a súa colonización posterior polos gaélicos e mailos noruegueses.

A Navigatio Sancti Brandani: O periplo lendario de San BrandánEditar

 
Gravado da misa de Resurrección sobre a balea, en augas das illas Canarias.

Porén San Brandán é máis coñecido polo seu periplo lendario á Terra de Promisión. Segundo a Navigatio Sancti Brandani, Brandán tivo noticia da súa existencia a través do relato de Barinto, un freire que xa visitara aquel lugar. Barinto, entre bágoas, cóntalle que Mernoc, quizais seu propio fillo, partira cara a Islandia ou illa de Santo Ailbeo a facer penitencia. Barinto teme que non poida regresar, pois as augas xa non tardarán en se conxelar, e solicita a Brandán de ir na súa procura. Brandán decidiu construír un curragh e partir cara a Occidente na compaña de catorce freires. A eles sumaranse despois outros tres que acabarán sendo fonte de conflitos.

Brandán e os seus compañeiros vagaron durante sete anos polo océano, atopando illas marabillosas, monstros mariños e a terra onde moran os condenados para acadar finalmente o paraíso dos benaventurados. Na súa navegación arribaron primeiro á illa do castelo deshabitado na que foron recibidos por un can que os guiou até unha vila despoboada. Alí ficaron durante tres días, encontrando sempre comida preparada para eles, aínda cando foron incapaces de ver a unha soa persoa, agás un diaño etíope. Un dos recentemente chegados morre tras admitir ter roubado. Despois arriban a unha illa cun mozo que lles trae pan e auga. As seguintes estacións foron a illa das ovellas, que se quixo identificar coas illas Feroe, onde pasan a Semana Santa, e a illa-peixe, que posteriormente sería coñecida como Illa de San Brandán: era unha illa completamente desprovista de vexetación na que Brandán celebra a misa de Páscoa. Trala celebración decidiron prender unha fogueira para se quentaren e cando sentaron arredor do lume se estremeceron ao comprobar como a illa comezou a moverse. Dirixíronse axiña ao barco e se afastaron precipitadamente dela. Tratábase, en realidade, do peixe xigante chamado Jasconius.

A seguinte etapa da viaxe transcorreu no Paradisus Avium (Paraíso das aves), habitada por paxaros de todo tipo que se achegaron aos freires nas súas oracións. Un deles confesará ao santo que os paxaros moradores da illa son anxos que se mantiveron neutrais no enfrontamento entre o arcanxo san Miguel e Lucifer.

Regresados ao mar, navegaron durante tres meses até que, exhaustos, acadaron a illa de Ailbe habitada por freires que realizaran un estrito voto de silencio e que residiran alí por oitenta anos, sen padecer enfermidade ou desgraza algunha. A viaxe continúa, retornando a algunhas das illas polas que xa pasaran, até acadaren unha illa con tres anacoretas, onde se perde o segundo dos monxes advidos. Despois visitan a illa das uvas, onde obteñen o viño necesario para a consagración. Retornan a Ailbe para pasar o Nadal. Tralo abandono deste lugar chegou a proba máis terríbel que tiveron que afrontar san Brandán e os seus compañeiros: o paso do inferno. Monstros sen número achegáronse a nave escupindo enormes laparadas. Os freires reemprenderon o rumbo a toda presa mais non puideron evitar que o terceiro dos freires advidos fose devorado por unha desas criaturas.

A viaxe proseguiu, e a seguinte etapa tivo lugar xunto a un enorme piar de cristal que tardaron case tres días en bordear, a través dun mar cheo de brétema. Finalmente alcanzaron a raia da Terra Prometida, onde foron recibidos por un anacoreta, san Paulo o Ermitán que morara na súa illa sesenta anos. Por fin, tras volverse a atopar con Jasconius encontran a illa do Paraíso, da que o relato non fai ningunha descrición e regresaron a Irlanda, lugar onde Brandán morreu pouco despois da súa chegada.

A lenda de San Brandán e a súa viaxe ao paraíso vai influír sobre outros relatos haxiográficos difundidos por toda Europa occidental, como as narracións viaxeiras de San Malo na Bretaña ou Santo Amaro en Galiza.[1] Os intentos de localizar a situación das illas visitadas por Brandán comezaron xa no século XII con Honorio de Autun, quen falaba dunha illa situada no océano Atlántico chamada Perdida, á que tería chegado Brandán, mais se se procuraba non se atopaba.[4]

A illa de San BorondónEditar

 
Mapa do norte de África de 1707 segundo Guillaume Delisle, ampliándoo apréciase a illa un chisco ao oeste das Canarias.
Artigo principal: Illa de San Borondón.

Nas illas Canarias (España) aínda persiste unha lenda popular dunha illa que aparece e desaparece dende hai varios século e que foi bautizada como «illa de San Borondón». Segundo as «testemuñas» que din ter visto a illa, normalmente sitúana no extremo occidental do arquipélago, entre as illas de La Palma, La Gomera e El Hierro. Hai relatos dende hai séculos que narran a aparición de dita illa, da visión de moitas testemuñas e da súa posterior desaparición, mentres outras persoas atribúen a estraña aparición a algunha acumulación de nubes no horizonte ou a un fenómeno de espellismo. A lenda de San Borondón chegou a adquirir tal forza nas Canarias que durante os séculos XVI, XVII e XVIII organizáronse expedicións de exploración para descubrila e conquistala. Incluso Leonardo Torriani, enxeñeiro encargado por Filipe II de fortificar as illas Canarias a finais do século XVI, describe as súas dimensións e localización e achega como proba da súa existencia as arribadas fortuítas dalgúns mariñeiros ao longo do século XVI.

 
Estatua moderna da illa Samphire.

IconografíaEditar

Represéntase cun cirio a alumar unha casa en lapas (o seu nome tense relacionado co verbo alemán que significa arder, brennen), mais especialmente é representado cun peixe na man.

Brandán como nomeEditar

Brandán é un nome masculino galego de orixe irlandesa (do gaélico: Breandán[5], que á súa vez deriva do irlandés antigo Brénainn (pronounciado [br'ēn-in'], que deriva da verba galesa breenhín, que significa "un príncipe".[6] A forma latina medieval do nome Brendanus influíu nas formas irlandesa e inglesa moderna (Brendan).

Non hai ningunha ligazón etimolóxica entre Brandán (ou Brendan) e o nome de muller Brenda[7], nome de orixe nórdica co significado de espada en lapas.[Cómpre referencia]. O nome masculino Brandon podería vir de Brandán.

VariantesEditar

  • Antigo irlandés - Brénainn;
  • Bretón : Brévala, Blévara, Brévara, Brevalaer, Brévalaire;
  • Catalán: Brandan;
  • Español - Brandán;
  • Galego - Brandán;
  • Inglés - Brenda, Brandon , Brendon ;
  • Irlandés - Breandán, Breanndán;
  • Italiano: Brendano;
  • Latín - Brendanus;
  • Portugués: Brandão.

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 Filgueira Valverde, páx. 30.
  2. Filgueira Valverde, páx. 29.
  3. Hernández González, páx. 5.
  4. 4,0 4,1 Hernández González, páx. 26.
  5. Hanks, Patrick; Hardcastle, Kate; Hodges, Flavia (2006). A Dictionary of First Names. Oxford Paperback Reference (2nd ed.). Oxford: Oxford University Press. pp. 38, 342. ISBN 978-0-19-861060-1. 
  6. Ó Corráin, Donnchadh; Maguire, Fidelma (1981). Gaelic personal names. Academy Press. p. 34. ISBN 978-0-906187-39-5. 
  7. "Brenda". Dictionary.com. Consultado o 17 de novembro de 2010.  which cited: Dictionary.com Unabridged. Random House. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

  • Santo Amaro, santo tamén mariñeiro cunha lenda semellante.
  • San Malo, santo que acompañou Brandán nas súas viaxes.

BibliografíaEditar