Batalla de Tudela

A batalla de Tudela foi un enfrontamento bélico da guerra da Independencia española disputado nos arredores da cidade de Tudela o 23 de novembro de 1808. O resultado do combate foi a completa vitoria francesa, cuxo exército estaba ao mando do mariscal Lannes, sobre as tropas españolas, comandadas polo xeneral Castaños.

Batalla de Tudela
Parte de guerra da Independencia española,
dentro das guerras napoleónicas

Batalla de Tudela.
Óleo sobre lenzo de January Suchodolski, 1827.
Museo Nacional de Varsovia
Data 23 de novembro de 1808
Lugar Tudela, Navarra, España
Resultado Vitoria francesa
Belixerantes
Bandeira de Francia. I Imperio Francés Reino de España
Líderes
Mariscal Lannes
François Joseph Lefebvre
Michel Ney
Francisco Javier Castaños
José de Palafox y Melci
Conde de Villariezo
Mariscal Juan O'Neylle
Mariscal Lapeña
Pedro Grimarest Oller
Pedro Agustín Girón
Forzas en combate
30.000 infantes,
5000 cabalos,
60 canóns
33.000 entre regulares e milicianos
Baixas
544 mortos,
513 feridos,
21 oficiais.
3000 mortos,
3000 prisioneiros,
30 canóns,
300 oficiais
(12 coroneis)
Mariscal Lannes.

Cerca de 33.000 soldados e milicianos españois intentaron cercar aos 30.000 franceses de Lannes, pero foron severamente derrotados. As baixas españolas calcúlanse en torno aos 4000 mortos e 3000 prisioneiros, mentres que por parte francesa non chegaron a 600 os mortos e outros tantos feridos.

Esta foi unha das batallas cuxo nome foi gravado no Arco do Triunfo de París (a carón do da batalla de Elviña, que alí figura como de La Corogne).

Parte francesa editar

Comandantes franceses editar

Unidades do exército editar

  • Divisións de infantaría:
  • Cabalaría formada por:

Parte española editar

 
Xeneral Castaños

Comandantes españois editar

Unidades do exército editar

  • Batallóns Caro e Pinohermoso
  • División Roca
  • 4ª división do mariscal Lapeña
  • 5ª división do xeneral Castaños
  • 3 divisións ao mando do xeneral Grimarest
  • División do mariscal de campo elipe Saint-Marcq[1]
  • Rexemento Sicilia nº 67[2]
  • Rexemento Saboya

O campo de batalla editar

 
Esquema das posicións españolas — Santa Bárbara: División Lapeña

Foi a zona comprendida entre Tudela e os montes próximos que se encontran ao seu poñente, a fronte española sería: cerro de Santa Bárbara, Tudela, Torre Monreal, Santa Quiteria, Cabezo Maya, cerro onde se encontraba a ermida de San Juan de Calchetas, e as poboacións de Urzante (desaparecida), Murchante e Cascante. E como foxa natural entre os franceses e os españois estaba o río Queiles, afluente do Ebro.

Os franceses avanzaron desde os montes que se encontraban enfronte das liñas españolas, os Montes de Cierzo, cara ás tropas españolas (estas estaban parapetadas), non foi unha batalla a campo descuberto.

Desenvolvemento da batalla editar

Preliminares: desavinzas entre os xenerais españois editar

Aos franceses quedáballe por aniquilar o flanco dereito do exército español, o exército de Castaños, que chamaban do centro e que, unido ao de reserva de Palafox ocupaban Calahorra e a ribeira dereita do Ebro, até preto de Lodosa e a liña do Arga na confluencia do río Aragón, fronte a Falces, Peralta e Milagro, onde estaban situadas as forzas de Moncey, respectivamente.

Napoleón ordena o 18 de novembro a Jean Lannes que avance cara a Tudela. Cando chega a Logroño, ordena a Moncey que atravese o Ebro por Lodosa para xuntarse con el e unir as forzas. Unha vez en Lodosa, organiza as forzas das que dispón.

 
Palafox, pintado por Goya (Museo do Prado).

Mentres o inimigo organizaba a súa ofensiva rápida e cautelosamente, os exércitos españois do Ebro encontrábanse nas peores condicións para lograr a vitoria. Nin pola súa calidade, nin pola súa forza poden competir coas aguerridas e numerosas tropas do inimigo,[3]

Isto en canto ás tropas, pero polo que respecta aos xefes, entre Castaños e Palafox había grandes desavinzas: non lograban poñerse de acordo nas operacións. Palafox, orgulloso pola súa defensa de Zaragoza, cría que valía tanto ou máis que o seu compañeiro.

Castaños reclamara o mando único á Xunta Suprema Central que esta tarda en outorgarlle. Cre que a fronte que pensou entre as abas do Moncayo e o río Ebro, uns 50 km, podería parar o avance do exército francés pero, en lugar dos 80.000 homes prometidos, só contaba con 26.000 soldados.

Juan O'Neylle tiña o resto das forzas españolas, pero estas encontrábanse en Caparroso e Villafranca. Castaños mandou un emisario cunha carta para O'Neylle pedíndolle que vaia cos seus homes a Tudela o antes posíbel, xa que os franceses están en marcha e chegarán dun momento a outro. O emisario chega a Caparroso ás 5 da tarde do 21 de novembro. O'Neylle le a carta e lle responde a Castaños:

Comprendo ben o crítico da situación, pero o meu xefe natural é Palafox e este ordenoume que mantivera esta posición; porén, estou disposto a marchar cara a Tudela cos meus 20.000 homes, pero será mañá, xa que xa anoiteceu. Agora mesmo mando un despacho a Palafox para que me diga a que ordes debo terme.

O 22 de novembro a distribución das forzas españolas era:

  • En Tarazona estaba Grimarest ao mando de tres divisións de 13.000 a 14.000 soldados en total, coa súa vangarda destacada na rota de Ágreda, por onde se supoñía que viría o inimigo.
  • En Cascante encontrábase a 4ª división do xeneral Lapeña con 8000 homes, andaluces na súa maioría, que participaran na batalla de Bailén.
  • En Ablitas establecera o seu cuartel xeneral Castaños, que pensa cubrir o espazo desde Cascante ao Ebro coa súa 5ª división e cos reforzos do mariscal O'Neylle e de Felipe Augusto de Saint-Marcq, cuxa chegada espera con nerviosismo.
 
Cuartel xeneral de Castaños, no palacio do arqués de San Adrián.

Aquela mesma tarde, as unidades de Aragón comezaron a concentrarse no termo chamado Traslapuente (ao outro lado do Ebro de onde se situaba o exército de Castaños), pero non cruzaran a ponte, acampando alí mesmo, pois tiñan ordes de non cruzar até que Palafox non llo ordenara. Isto encolerizou a Castaños, xa que os franceses estaban a punto de chegar e os reforzos non estaban no seu posto de combate.

Palafox, constrinxido, cala, pero non outorga. Castaños ante esta actitude que poñía en perigo a defensa e a vida de miles de homes, convoca un consello de guerra en Tudela, no palacio do marqués de San Adrián, onde se reuniron Palafox (que chegara o día anterior de Zaragoza), o seu irmán Francisco Palafox, o xeneral Coupigny e un observador inglés, Sir Thomas Graham.

Houbo de todo menos consenso:

Naquela noite fatal, dixo un historiador, houbo xuntas, choques, e todo menos unha providencia capaz de salvar os exércitos.

Palafox opoñíase ao establecemento da liña do Queiles, baseándose en que non dispoñían dos suficientes homes para resistir ao inimigo. O mellor, segundo el, era retirarse a Zaragoza e defender Aragón. Castaños, enfurecido, exclamou: España, hai que defender a España! Temos que estar unidos ante o inimigo. Contra a media noite reciben os primeiros avisos de que os franceses tomaran xa Corella e Cintruénigo. A noticia cae como unha bomba entre os reunidos, e de contado apareceu o medo por toda a cidade.

Que O'Neylle pase xa o Ebro inmediatamente, o inimigo vén cara a nós!, clama Castaños. Palafox, testán, aférrase á súa idea. Entón Castaños chamouno covarde, empezaron os reproches, un e outro se apostrofaban cos epítetos máis crus. Ao final, Palafox, con gran dor na súa autoestima, cede e ordena que pasasen o Ebro as súas forzas, pero quedou escrita a opinión de cada un.[4]

23 de novembro, a batalla editar

Chegan os franceses editar

Cos primeiros raios de luz comenzan a cruzar a ponte sobre o Ebro as forzas do exército de reserva, aragoneses os máis deles, con algúns voluntarios navarros. A súa roupa encoirada e equipados á vaiche boa, con máis ardor que disciplina e máis aspecto de pobo en armas que de exército regular, dixo unha testemuña. Pero xa unhas semanas antes o coronel dun dos rexementos queixábase de que a súa xente só tiña camisa e calzóns, e de que os fusís eran inservíbeis.

Ao atravesaren as tropas Tudela aínda de noite, e ao seren as rúas do casco antigo moi estreitas, o paso foi unha ardua tarefa, armándose un gran balbordo, obstruíndo as calellas. Pola tardanza en atravesar a cidade, os soldados tardaron en ocupar as posicións que lles foran asignados, é dicir, entre Santa Quiteria e Cabezo Maya, polo que unha grande extensión de terreo estaba sen protexer.

Mentres o mariscal francés Lannes, que non perdía o tempo, achegábase ás inmediacións da cidade, desde os montes do Cierzo, co sol despuntando xa. Lannes estrañouse de que non houbera ningún tipo de vixilancia e de que o inimigo non aparecera por ningures.

Un informe español da época dicía: 'En Tudela non había un corpo avanzado, nin un só sentinela Ao que engade o historiador José Muñoz Maldonado: Sabíase con certeza a aproximación do inimigo e non se tomou ningunha providencia, nin para dar nin para evitar a batalla.[5]

Mentres o reforzo terminaba de cruzar a ponte e se arranxaba algo o "tráfico" das tropas, carruaxes, canóns e cabalaría polas rúas da cidade, escoitáronse os primeiros estrondos de fusilaría e canonazos por parte do exército francés. Isto puxo fin á disputa de Castaños e Palafox. Ás présas foi preciso adoptar disposicións defensivas.

Eran as 7 da mañá, di unha testemuña, cando os primeiros franceses aparecían donos do castelo (monte de Santa Bárbara, un cabezo que está sobre a cidade). Segundo Yanguas (historiador daquela época), foi ás 8 cando se tivo na cidade o primeiro aviso da proximidade dos franceses e dos preparativos da loita.

Primeiras accións editar

Segundo comentou o xeneral Castaños no seu informe:

Francisco Palafox quixo saír co seu axudante pola calella que lle pareceu máis curta para descubrir ao inimigo, encontándose de súpeto cunha patrulla de Dragóns franceses, ao virar a última esquina, polo que tivo que volver moi de présa
Xeneral Castaños. Informe sobra a batalla de Tudela á Xunta Suprema Central.[6]

Grazas a que as calellas estaban cheas de soldados españois, os franceses aínda tardaron en entrar na cidade. Segundo unha testemuña: O exército de reserva empezou a acción dentro da cidade. Os levantinos da división Roca acometeron bravamente á baioneta, e conseguiron desaloxar ás patrullas inimigas do cume de Santa Bárbara.

Unha vez donos do cabezo que domina Tudela, os batallóns Caro e Pinohermoso despregáronse polas abas do mesmo, tomando posicións nos outeiros próximos, fronte á meseta denominada Puntal del Cristo, onde xa para entón se descubría o groeso das forzas francesas de Maurice-Mathieu.

 
Plano do desenvolvemento da batalla.

Os voluntarios da división de Saint-March dispoñíanse a ocupar as alturas da vega do río Queiles (Monte San Julián e cabezo de Santa Quiteria). O'Neylle, coa maior parte das tropas aragonesas trataba de organizarse ás costas da cidade, sobre a estrada a Zaragoza, en espera das ordes do xeneral Castaños en quen todos os xenerais resignaron o mando neste momento supremo.

Entre as oito e as nove sucedéronse en Tudela a sorpresa e a reacción. Ao frustrado golpe do inimigo seguiu unha tregua de relativa calma. Pero ao cabo desta tregua foi cando o mariscal galo concibiu o plan de batalla, en vista das súas observacións sobre o campo español, e en vista, sobre todo, da gran cantidade de fallos destes, que foron moitos e non pequenos.

Lannes entra en acción editar

Lannes desprezou ao exército que se encontraba en Tarazona, centrándose na liña que vai desde Tudela a Cascante, a zona máis vital e desgornecida. As primeiras decisións do Mariscal centráronse nestes obxectivos: atacar parcialmente o flanco dereito español (Tudela); recoñecer e profundar o centro (montes da beira do Queiles até Urzante), para o cal deixou en reserva as divisións Morlot e Granjean e, terceiro, lanzar a masa da súa cabalaría contra os de Cascante para evitar que o xeneral Lapeña desprazase cara a Tudela as súas liñas e para dar tempo a que chegara a división Lagrange que pensaba enfrontar aos andaluces.

A división Maurice-Mathieu foi a primeira en atacar as posicións españolas: o outeiro de Santa Bárbara (onde se encontran os restos do castelo medieval, residencia de monarcas navarros e que se alza aos pés de Tudela), mentres quedou en reserva a división Musnier na meseta denominada Puntal del Cristo.[7]

De acordo coas ordes de Lannes, os xenerais Mauricie-Mathieu e Habert formaron en columna de ataque e acometeron aos españois, precedidos dun batallón de tiradores. Mathieu ía á cabeza dun rexemento da Lexión do Vístula,[8] e Habert á fronte do 14º rexemento de liña. O choque sucedeu pouco despois das 9 da mañá, e tivo lugar nos tres outeiros das abas de Canraso que se estenden fronte a Tudela.

 
Recreación da batalla de Tudela no outeiro de Santa Bárbara, coa torre da catedral ao fondo.

Ante este ataque, Castaños reforzou o castelo (Santa Bárbara) con aragoneses que cruzaran a ponte. Ao cabo dunha hora de intenso fogo, os batallóns Caro e Pinohermoso, danados, repregáronse de vagar e ordenadamente, ao abeiro do resto da división que ocupaba o cume do castelo. Os franceses que os perseguían foron recibidos desde o cume con fogo de fusil e co de dúas pezas de artillaría, e desistiron do seu intento. Nesta acción e nas que seguiron por esta zona ao longo do día participaron activa e valerosamente as mulleres tudelanas, animando aos soldados, e levándolles cántaros con auga.

En tanto, os defensores do cabezo de Santa Bárbara rexeitaban as acometidas da división de Maurice-Mathieu, o groso das forzas de Lannes, descendendo polos montes de Cierzo pola Cerrada e o Pilar de Santo Domingo, dispoñíase a atacar o centro do exército español, ao tempo que a súa artillaría intercambiaba algúns disparos coa española, emprazada nas abas de Santa Quitería. Xa daquela a cabalaría de Dijéon acosaba a Lapeña, cuxas forzas cubrían a cidade de Cascante desde o alto da Basílica del Romero até o Convento de la Victoria, lugares ambos onde emprazou a súa artillaría (18 pezas), mentres que os seus xinetes estaban despregados polas hortas das inmediacións. O xeneral dos andaluces puxérase en alarma ás oito.

A esta hora unha partida da cabalaría inimiga presentouse no Prado da cidade pero, recoñecida polos dragóns de Pavía, retirouse. Seguidamente Lapeña puxo en movemento a súa división, pois desde primeira hora Castaños lle dera orde de manobrar para cubrir o oco entre Cascante e as alturas da ribeira do Queiles que as tropas aragonesas non ocuparan, debido a que entraran tarde en Tudela e á sorpresa do ataque francés. Lapeña, crendo ter ante si máis inimigo do que realmente tiña, estivo moi remiso en avanzar e só conseguiu destacar a Urzante dous batallóns e un destacamento de granadeiros provinciais. Máis tarde, apoiado por dúas pezas de artillaría que levaron estes consigo, adiantou un batallón cara as planas de Murchante para facer fronte á cabalaría de Dijéon que acosaba por ese lado.

A derrota editar

Quedaba, pois, sen ocupar Murchante e, sobre todo, unha gran brecha entre Urzante e os montes de Tudela, baleira totalmente de defensores. Lannes, que acababa de descender ao val con seu Estado Maior, lanzou contra Tudela a división Morlot (acabada de chegar ao lugar do combate) apoiada pola de Grandjean.

As tropas de Morlot, dificultadas no seu avance polos obstáculos do terreo, cheo de canles de rega e oliveiras, tras algúns amagos infrutuosos, conseguiron reunirse ao abeiro do mesto olivar de Cardete, e desde el lanzáronse ao ataque á altura de Cabezo Malla. Ao mesmo tempo que os franceses coroaban a estratéxica altura, a División Saint March chegaba ao monte Santa Quiteria.

Castaños dáse de conta do perigo. A ocupación por Morlot do Cabezo Malla supón a derrota. Urxe botalo fóra a toda custa de tan privilexiada posición, e para iso bota man da División O'Neille que permanecía esperando ordes nas aforas de Tudela. Precipitadamente, O'Neille move os seus batallóns atravesando Huerta Mayor. As tropas chegan, abafadas, ás proximidades do Cabezo. O inimigo esperaba á metade da ladeira que descende a Huerta Mayor. Foi entón cando O'Neille ensaia unha manobra táctica, a única que se levou a cabo aquel día. Mentres que parte dos seus soldados acometen con brío a subida de fronte, dirixe pola esquerda ao terceiro Batallón de Gardas Españolas para coller ao inimigo polas costas. Esta vella unidade cargou tan impetuosamente á baioneta que as noveis tropas de Morlot cederon atropeladamente deixando o monte cheo de feridos.

No máis recio da loita, Saint March secundara moi oportunamente a operación enviando desde Santa Quiteria dous dos seus batallóns (Castilla e Segorbe), os cales, en unión das tropas de O'Neille, perseguiron os franceses pola chaira do Queiles, rexeitándoos até o extremo da oliveira de Cardete, onde maiores forzas contiveron o ardor dos até daquela vencedores. A tropa que recuperou o Cabezo Malla á custa de valor e de sangue encontrábase desfalecida pola rápida marcha desde Tudela. De pouco servira a bravura. Desde a súa posición até as arboredas de Urzante, onde se encontraban as avanzadas andaluzas, hai máis de media legua.

Porén, o alto de San Juan de Calchetas e o pobo de Murchante non estaban ocupados. Grave erro do que moi pronto se aproveitaria o inimigo. Se o Exército de Cascante acudise a tempo a encher aquel baleiro, lograríase prolongar o combate e efectuar, no peor dos supostos, unha retirada decente. Pero nada diso se puido conseguir. Todos os esforzos de Castaños dirixíronse, en balde, a tratar de soldar as liñas propias. As súas ordes nas primeiras horas da tarde ían dirixidas a Lapeña. Pero este non consegue desfacerse dos cabalos inimigos, dos vellos dragóns de Alemaña, dos veloces coraceiros que amagan sen expoñerse. Apenas tivo baixas a cabalaría francesa. Non se dá de conta que só se trata de telo en xaque, de inmobilizalo. E non se atreve a manobrar co groso das súas unidades.

Cataños confía en que Grimarest, ao advertir polo tronar dos canóns onde se localiza a pelexa, se decida a correr no seu auxilio desde Tarazona. Grimarest, porén, non da sinais de movemento, e Lapeña abriga o temor de que, de correr a tapar o oco á súa dereita, abra outro moi profundo á súa esquerda.

Para desgraza dos españois, hai un home a quen non se lle escapan estes fallos. É Lannes, que ve chegada a hora do golpe decisivo. O que máis lle interesa polo momento é tomar o Castelo para ocupar Tudela e a ponte, chave de Zaragoza, que tanto lle ponderara Napoleón. A iso van dirixidas as súas ordes. Pero á vez ten que aproveitar a brecha producida na liña española antes de que andaluces e aragoneses acudan a tapala. Por iso dá a Morlot a orde de que ataque de novo, e a Musnier a de que entreteña aos de Lapeña, mentres chega Lagrange. Pronto se nota a orde do Mariscal. Os franceses, á vista das tropas españolas, ocupan o alto de San Juan de Calchetas e chegan na súa acometida até moi preto de Urzante. Son as 2 da tarde. A esa hora, se diriximos a vista cara a Tudela, veremos un desenlace da loita tan imprevisto como desastroso. Maurice-Mathieu, apertado polas ordes do seu Mariscal, vendo que desde hai catro horas non consegue con asaltos frontais desaloxar aos do alto de Santa Bárbara, concibiu unha atrevida estrataxema. Mentres que o groso das súas tropas ataca a vertente do Cabezo que mira a Alfaro, destaca parte dos seus efectivos polo barranco do Cristo para que envolvan aos da cume.

Estas forzas avanzan silenciosas e desapercibidas (outro fatal descoido español) pola aba norte do monte, polo estreito camiño que desde o Cristo corre á par da Mejana. Cando menos o esperaban, os da cume víronse ameazados polos que, a tiros e berrando, trepaban pola ladeira do Muíño. Entón se produciu nas filas españolas unha reacción de pánico. Aquel súbito ataque polas costas fixo que fuxiran todos na maior desorde e, penetrando na cidade, contaxiárano de pavor, arrastrando na súa fuga as unidades de reserva que alí había. Faltou alí Palafox, único home capaz de conter aquela desbandada. Pero o caudillo aragonés, irritado contra Castaños, vendo perdida a batalla, abandonou Tudela nas primeiras horas da loita nas rúas. Acompañado do seu amigo Doyle marchou ao Bocal, e alí tomou unha barca que, polo Canal de Aragón, levouno a Zaragoza. A súa obsesión era defenderse na capital aragonesa, como se presentise que lle agardaba alí a gloria que en Tudela non podería encontrar.

Volvendo ao centro da fronte, o novo avance do inimigo colocaba ao Exército aragonés de Cabezo Malla ante o perigo de ser envolvido polos do outeiro de Calchetas. Aínda pode ser tempo de reparar a brecha, e Castaños, estrañado de que as súas divisións da esquerda non acudan ao seu chamamento, e temeroso pola súa sorte, decide ir en persoa a inxectar ánimos a Lapeña e conseguir que nun supremo esforzo, ataque o flanco. Entre as 2 e as 3 da tarde, acompañado de Francisco Palafox, do seu Estado Maior e da súa escolta, emprende a marcha cara a Cascante. Aquela decisión, tardía como todas as desta tráxica xornada, ía a poñer ao Mando español nun transo de apuro. Cando Castaños e o seu séquito cabalgaban ao abeiro da liña propia, crendo que as tropas de Saint-March cubrían un outeiro que divisaban á dereita, víronse de improviso acometidos por un grupo de xinetes franceses.

O xeneral e os seus acompañantes tiveron que fuxir, e conseguiron esquivar o perigo ocultándose na espesura dunha oliveira próxima. Castaños ve con estupor que Lefèbvre e a súa cabalaría lograran abrir outra brecha na liña española dos montes. Algo grave e irremediábel tivera que suceder. Explicoullo pouco máis tarde un dos emisarios da súa escolta que chega a galope á oliveira e infórmao sw que os defensores do Castelo escapan en desbandada pola estrada de Zaragoza e que o francés era xa dono de Tudela. Todo estaba perdido.

Pouco despois foron chegando á oliveira os primeiros dispersos da División Roca. Castaños, iracundo ante a deserción daquela multitude, trata de conter aos fuxidos, de organizalos para unha última resistencia. Todo inútil. Os franceses, que romperan a liña española polo centro, espállanse polos campos e roldan xa as proximidades do seu observatorio. O campo resoa cos seus gritos de triunfo. Unhas poucas forzas de cabalaría que o xeneral consegue reunir para repeler ás do inimigo que o acosan de cerca, ao aproximárense a estas, volveron grupas e fuxiron descaradamente.

Polos campos, até onde alcanzaba a vista, víase correr aos soldados, deitando as súas armas, fatigados, sen un chisco de moral, no máis deplorábel desconcerto. Foi aquel o transo máis amargo e cruel para o xeneral. El mesmo viuse envolvido na avalancha da retirada e case atropelado polo inimigo, escondéndose aos poucos e cambiando de rota, puido acollerse, xa de noite, en Borja, onde se lle uniron Roca, Caro e O'Neille.

Antes de retirarse, O'Neille e Saint-March realizaron prodixios de valor para neutralizar o desastroso influxo que a fuga da 5ª División causou nas tropas aragonesas, as cales presenciaron desde os seus postos esta tráxica fase da loita. Pero o temor a verse cortados na súa retirada polos de San Juan de Calchetas, polos que acababan de ocupar Tudela, e por unha gran masa de cabalaría que conseguiu meterse entre Santa Quiteria e o Cabezo Malla (era Lefèbvre coa cabalaría de Colbert e os lanceiros de Polonia, seguramente os que sorprenderon ao Estado Maior de Castaños na súa marcha a Cascante) forzounos a abandonar tan vantaxosas posicións. Saint-March púxose á fronte da cabalaría de Numancia, e con esta e o batallón de Valencia foi resistindo ao inimigo até baixar ao chan. Alí, a pesar dos seus esforzos, sobreveu a desbandada. Eran as 3 da tarde. Só os voluntarios de Alacant, capitaneados polo seu coronel Camps, seguieron retirándose co orde até o anoitecer.

Notas editar

  1. El regimiento de voluntarios de Segorbe (1808–1809) (en castelán)
  2. Historial del Regimiento Sicilia nº 67 (en castelán)
  3. Conde de Toreno, Guerra de la Independencia. La derrota de Napoleón. Círculo de Amigos de la Historia. Madrid, 1974. Tres tomos. 285+267+285 pp. +24 láms.
  4. Planell culpa do ocorrido neste consello de guerra a Francisco Palafox (o irmán do xeneral), representante da Xunta Suprema, que debeu poñer de acordo aos disidentes ou facer valer a súa autoridade para lograr a defensa.
  5. José Muñoz Maldonado, Historia política y militar de la guerra de la independencia — Tomo 2, Madrid, 1833.
  6. As primeiras rúas en ser tomadas deberon de ser as de Mediavilla, Moros e as que dan á vertente do castelo.
  7. Lannes, sen agardar a chegada do resto das tropas, resolveu atacar primeiramente o cerro de Santa Bárbara, xa que, pola fortaleza deste punto, cuxa perda deixaba ao descuberto este flanco, xa porque estando seguro o xeneral francés de arrasar o exército español, pretendese destruílo completa e sucesivamente, desaloxándoo desde logo desta posición, para privalo dun apoio en que puidera prolongar a súa defensa. Doutro modo, o lado español máis vulnerábel era o esquerdo. (Planell).
  8. A Lexión do Vístula (Legia Nadwiślańska) era unha unidade polaca establecida por un decreto de Napoleón o 31 de marzo de 1808 a partir da Lexión polaca e a Lexión italiana, instituídas algo antes (en 1807) no seo do reino de Westfalia de Xerome Bonaparte. Inicialmente contaba con con 5467 soldados baixo o mando do xeneral Józef Grabiński, que despois foi substituído, o 7 de xuño de 108, polo coronel Józef Chłopicki. Era unha formación constituída sobre todo por campesiños, e os oficiais adoitaban seren membros da pequena nobreza polaca. Foi disolta o 18 de xuño de 1813.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Álvarez Barrientos, Joaquín (2008): La guerra de la Independencia en la cultura española. Madrid: Siglo XXI de España Editores. ISBN 978-84-323-1329-5.
  • Artola, Miguel (1977): La guerra de la indpendencia. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 978-84-670-2624-5.
  • Artola, Miguel (2008): La España de Fernando VII. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 978-84-670-2918-5.
  • Artola Gallego, Miguel (2008): La Guerra de la Independencia y la libertad. Espasa Calpe. ISBN 978-84-670-2624-5.
  • Aymes, Jean-René (2008): La Guerra de la Independencia en España (1808-1814). Madrid: Siglo XXI de España Editores (6ª ed.). ISBN 978-84-323-1335-6.
  • Conde de Toreno (2008): Historia del levantamiento, guerra y revolución de España (1807-1814). Tomo I (1807-1808). Ed. de J. M. Martínez Valdueza. Astorga, León: Editorial Akrón. ISBN 978-84-936293-4-2. (A primerira edición foi en París, en 1851.)
  • Fraser, Ronald (2006): La maldita Guerra de España. Historia social de la guerra de la Independencia 1808-1814. Barcelona: Crítica. ISBN 84-8432-728-0.
  • Gates, David (2001): The Spanish Ulcer: A History of the Peninsular War. Nova York: Da Capo Press, ISBN 978-0-306-81083-1.
  • Moliner Prada, Antonio (ed.) (2007): La guerra de la independencia en España, 1808–1814. Nabla Ediciones. ISBN 978-84-935926-2-2.
  • Oman, Sir Charles (2004): History of the Peninsular War vol.1: 1807-1809 - From the Treaty of Fontainebleau to the Battle of Corunna. Londres: Greenhill Books, New Edition. ISBN 978-1-85367-588-1.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar