Francisco Javier Castaños
Francisco Javier Castaños Aragorri Urioste y Olavide, duque de Bailén, coñecido como o xeneral Castaños, nado en Madrid o 22 de abril de 1758 e finado na mesma cidade o 24 de setembro de 1852, foi un militar e político español que sobresaíu durante as Guerras revolucionarias francesas e a Guerra da Independencia española.
Foi presidente do Consello de Rexencia entre o 1 de febreiro e o 29 de maio de 1810 na España libre de franceses e posteriormente, durante o reinado de Fernando VII, presidente do Consello de Castela (1832 – 1834).
Adquiriu gran celebridade por conseguir a vitoria fronte ás tropas napoleónicas do xeneral Dupont no verán de 1808. Era a primeira vez que as tropas imperiais eran vencidas no continente europeo.
Traxectoria
editarFrancisco Javier Castaños Aragorri Urioste y Olavide naceu no seo dunha distinguida familia orixinaria de Biscaia. Foi instruído na arte da guerra polo célebre xeneral O'Reilly. cuñado seu, que o acompañou a Alemaña nunha viaxe que emprendeu para coñecer sobre a arte militar na escola do grande Frederico II de Prusia. En 1794, serviu con distinción, como coronel, no exército de Navarra ás ordes do xeneral Caro. Foi nomeado xeneral en 1798, e ascendido en 1802 a tenente xeneral pola súa defensa do porto de Ferrol. Posteriormente foi apartado de Madrid, por causa da súa oposición á política pacifista do ministerio español da guerra, estando a cargo do mando do Campo de Xibraltar.
Cando a invasión francesa de España, en 1808, foille confiado, pola Xunta Suprema Central, que actuaba como Rexencia de España, o mando dun corpo do exército nos lindes de Andalucía co resto de España, rexión na que desexaba entrar o xeneral Dupont.
Con 9.000 soldados e 3.000 voluntarios, Castaños derrotou o xeneral francés na batalla de Bailén, na provincia de Xaén en combate sostido entre os días 18 e 22 de xullo de 1808. Parte da gloria debeuse tamén ao suízo Reding, o seu lugartenente. A división francesa capitulou, e 20.000 homes foron feitos prisioneiros, sendo logo enviados a Cádiz e á illa de Cabrera, nas Baleares.
As repercusións da rendición de Bailén foron enormes, xa que era a primeira vez que un corpo do exército imperial napoleónico era derrotado no continente europeo: esmagaba o seu mito de imbatibilidade.
Porén, en outubro do mesmo ano, Castaños era derrotado noutra batalla, bastante máis ao norte, en Tudela, Navarra.
En 1811, a Xunta Suprema nomeouno comandante do 4º corpo do exército e gobernador de varias provincias. Na batalla de Vitoria, na que a derrota francesa se debeu en boa medida ao seu valor, mostrou unha nova proba da súa capacidade.
Privado logo da súa comandancia pola Rexencia, escribiu ao Ministro da Guerra: "Teño as satisfacción de enviarvos entre as mans do mariscal de campo Freire o mando que eu collín en 1811, baixo os muros de Lisboa"
Á volta do rei Fernando VII, Castaños mostrouse como un firme apoio do monarca no momento en que este reinstauraba o absolutismo. Foi nomeado Capitán xeneral de Cataluña en 1815, e máis tarde en 1823, conselleiro de Estado en 1825, e aínda posteriormente presidente do consello de Castela. Porén, foi relegado da Corte entre 1833 e 1843, coa chegada dos liberais ao poder.
Á caída de Espartero, vello dabondo, deveceu por mergullarse de novo na vida política, e aínda substituiría a Argüelles como titor dunha raíña Isabel II aínda moi nova.
Predecesor: José María Puig Samper |
Presidente do Consello de Castela 1832 – 1834 |
Sucesor: Francisco Fernández del Pino |
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Francisco Javier Castaños |
Bibliografía
editar- Conde de Toreno (2008): Historia del levantamiento, guerra y revolución de España (1807-1814). Tomo I (1807-1808). Ed. de J. M. Martínez Valdueza. Astorga, León: Editorial Akrón. ISBN 978-84-936293-4-2.
- Mullié, Charles (1982): Biographie des célébrités militaires des armées de terre et de mer de 1789 à 1850. París: Poignavant et Compagnie. Volume I en Gallica (en francés); Volume II en Gallica (en francés).
- Muñoz Maldonado, José (1833): Historia política y militar de la Guerra de la Independencia contra Napoleón Bonaparte desde 1808 a 1814. Tomo I / escrita sobre los documentos auténticos del gobierno por el Dr. D. José Muñoz Maldonado. Madrid: Imprenta de D. José Palacios.Ler en PDF Biblioteca virtual del español.
- Muñoz Maldonado, José (1833): Historia política y militar de la Guerra de la Independencia contra Napoleón Bonaparte desde 1808 a 1814. Tomo II / escrita sobre los documentos auténticos del gobierno por el Dr. D. José Muñoz Maldonado. Madrid: Imprenta de D. José Palacios. Ler en PDF Biblioteca virtual del español.
- Muñoz Maldonado, José (1833): Historia política y militar de la Guerra de la Independencia contra Napoleón Bonaparte desde 1808 a 1814. Tomo III / escrita sobre los documentos auténticos del gobierno por el Dr. D. José Muñoz Maldonado. Madrid: Imprenta de D. José Palacios. Ler en PDF Biblioteca virtual del español.