Bandeira de Australia
| ||||||||||||||||
| ||||||||||||||||
|
A bandeira de Australia está composta por un fondo de cor azul, coa bandeira do Reino Unido no cantón. Baixo este, atópase unha estrela branca de sete puntas, coñecida como a Commonwealth Star (as seis puntas representan os seis estados orixinais e a sétima os territorios e futuros estados de Australia). Na metade exterior da bandeira, aparece representada a constelación da Cruz do Sur (Crux Australis) composta por catro estrelas brancas de sete puntas de igual tamaño e unha menor de cinco puntas, organizadas exactamente como aparecen no ceo.
Deseño
editarSegundo a Flags Act, a Bandeira de Australia debe seguir as seguintes especificacións:
- A Union Jack debe ocupar o cuarto superior xunto á hasta.
- Unha estrela branca de sete puntas, representando os seis estados de Australia e os seus territorios no centro do cuarto inferior xunto á hasta, apuntando ao centro da cruz de San Xurxo da Union Jack. O seu diámetro exterior debe medir 3/10 do ancho da bandeira e o interior debe medir 4/9 do diámetro exterior.
- Cinco estrelas brancas representando a constelación da Cruz do Sur e cuns diámetros internos que equivalen a 4/9 do diámetro exterior. Catro estrelas son de sete puntas e de diámetro externo 1/7 do ancho da bandeira, mentres que a quinta (Epsilon Crucis) é de 5 puntas e ten un diámetro exterior de 1/12 da bandeira.
As cores da bandeira, que non foron especificadas pola Flags Act, si o foron pola Oficina de Premios e Símbolos Nacionais do Departamento do Primeiro Ministro e Gabinete. O azul corresponde a 280, e vermello a 185 e o branco é o tradicional, segundo a escala Pantone.
Historia
editarO primeiro intento para dar unha bandeira ás colonias do Reino Unido en Australia orixinouse entre 1823 e 1824, cando os capitáns John Nicholson e John Bingle propuxeron un deseño baseado na cruz de San Xurxo con catro estrelas simbolizando a Cruz do Sur e os puntos cardinais, aínda que a día de hoxe non se logrou determinar con exactitude o deseño, sendo especialmente discutido a cantidade de puntas das estrelas. Á idea orixinal posteriormente foi agregada unha quinta estrela cando a colonia de Nova Gales do Sur se dividiu dando orixe ás colonias de Tasmania, Australia Meridional, Victoria e Queensland. Esta idea, non obstante, era rexeitada por Bingle.
"Engadir outra estrela para simbolizar as colonias está motivado polas nocións americanas e non comprenderon que a intención orixinal é a de representar o emblema do noso Hemisferio, a gran Cruz do Sur."Capitán John Bingle nas súas memorias "Retrospectiva Ilustrada do Século Presente", 1881
De todos os xeitos, a bandeira nunca obtivo maior transcendencia e desapareceu rapidamente. Unha das razóns foi que a imaxe da cruz de San Xurxo, representativa de Inglaterra, foi rexeitada polos colonos de orixe escocesa e irlandesa. A pesar disto, o deseño logrou converterse na base para a bandeira de Nova Gales do Sur en 1831 que foi creada por John Nicholson. Dado que nesa época Nova Gales do Sur agrupaba a maioría das colonias británicas na illa, esta bandeira tivo carácter nacional durante gran parte do século XIX e foi bastante popular. Cando a finais do século comezou a xurdir o movemento federalista, esta bandeira converteuse no símbolo deste, que tiña como obxectivo lograr que todas as colonias de Australia se unificaran baixo un único goberno.
En 1851, os habitantes de Australia e Nova Zelandia decidiron formar unha Liga Anti-Transporte para loitar contra o transporte de reos cara aos territorios e o uso destes como colonias penais. Para isto, a Liga usou unha bandeira baseada na do Reino Unido (coa Union Jack no cantón e fondo azul) á que lle adheriron a imaxe da Cruz do Sur con estrelas en cor dourada representando as colonias de Nova Gales do Sur, Tasmania, Victoria, Australia Meridional e Nova Zelandia. Ademais, agregáronlle franxas brancas como bordos aos costados superior, inferior e exterior da bandeira. Esta bandeira é moi similar á actual bandeira de Australia, como tamén a de Nova Zelandia, nas cales influiría notoriamente.
En 1854, un grupo de mineiros de Ballarat, Victoria iniciou unha revolta coñecida como a Revolta de Eureka. Como forma de desafiar á autoridade colonial, un mineiro de orixe canadense chamado Henry Ross deseñou unha bandeira (coñecida como bandeira de Eureka) que incluía unha imaxe de cinco estrelas brancas de oito puntas dispostas sobre unha cruz de igual cor representando a Cruz do Sur sobre un fondo azul mariño. Esta bandeira desbotaba de maneira explícita a Union Jack, e por ende, ao goberno colonial. Esta bandeira é considerada un símbolo por diversos grupos reformistas australianos pola súa connotación revolucionaria.
Cando o proceso de federación de Australia se implementou oficialmente, o 1 de xaneiro de 1901, a bandeira de 1831 foi usada nas cerimonias oficiais xunto á bandeira do Reino Unido, mais posteriormente o novo goberno da Mancomunidade de Australia (Commonwealth of Australia en inglés) convocou un concurso para o deseño dunha nova bandeira nacional en abril dese ano. Participaron máis de 32 000 deseños, o equivalente ao 1% da poboación australiana daquela época. A maioría dos deseños contiñan a Union Jack e a Cruz do Sur, aínda que tamén foron populares os deseños con animais autóctonos.
Cinco deseños case idénticos foron elixidos, e compartiron o premio. Os gañadores foron: Ivor evans (un escolar de catorce anos de Melbourne), Leslie John Hawkins (unha adolescente aprendiz de óptica de Sydney), Egbert John Nuttall (un arquitecto de Melbourne), Annie Dorrington (unha artista de Perth), e William Stevens (un oficial de mariña mercante de Auckland, Nova Zelandia). O premio foi provisto polo goberno da Mancomunidade, e varias empresas privadas, chegando a un total de 200 libras, que era unha suma considerable para a época, polo que cada un recibiu 40 libras.
O 3 de setembro de 1901, a nova bandeira australiana ondeou por primeira vez no Royal Exhibition Building, en Melbourne. Unha versión simplificada da gañadora foi oficialmente aprobada como bandeira de Australia polo rei Eduardo VII en 1902.[1]. O Parlamento Federal aprobou unha resolución o día 2 de xuño de 1904 para izar a bandeira "en toda fortificación, barco, lugar de saúdo (saluting place) e edificio público da Mancomunidade, en todas as ocasións que se usen bandeiras", dándolle o mesmo status que a "Union Jack" no Reino Unido.
O uso da nova bandeira comezou a introducirse lentamente, a miúdo ondeando xunto á bandeira do Reino Unido. En 1908, foi usada para representar aos atletas australianos nos Xogos Olímpicos realizados en Londres, e desde 1911 emprégase no saúdo á bandeira do Exército. A bandeira foi levada a Nova Guinea durante a primeira guerra mundial, e como tributo ao valor dos soldados australianos en Europa naquela guerra, aínda se segue izando todos os días na vila francesa de Villers-Bretonneux. Durante a segunda guerra mundial, cando Singapur foi reconquistada en 1945, a primeira bandeira en ondear foi a australiana, confeccionada en segredo nun campo de prisioneiros.
O 14 de febreiro de 1954, Sabela II deu a aprobación real á Acta de Bandeiras ou Flags Act (Cwth, 1953), que foi a primeira Lei australiana en recibir a aprobación dun monarca en persoa, coincidindo coa súa visita ao país. A sección 3 da Acta confirma a oficialidade da bandeira como bandeira nacional de Australia.
En 1996, o Gobernador Xeral de Australia, Sir William Deane, estableceu o 3 de setembro como Día da Bandeira Nacional, para conmemorar o día no que foi ondeada por primeira vez.[2]
Debate
editarA bandeira de Australia foi centro dun gran debate sobre a real representación da nación nesta. Para moita xente, especialmente ligada ao republicanismo, a bandeira só representa a Australia como unha colonia británica, despoxándoa da súa identidade propia. Ademais, moitos grupos aborixes mencionan que a bandeira só reflicte a influencia británica sen incluír a dos nativos.
Segundo as enquisas, os australianos estarían divididos en canto á resolución de cambiar ou manter a bandeira nacional. Tras unha modificación da lei realizada en 2004, só un referendo nacional podería mudar o deseño da bandeira.
A Asociación Australiana da Bandeira Nacional, fundada en 1983, é a principal organización a favor de manter a bandeira actual. Os seus argumentos baséanse na importancia de recoñecer a influencia británica no país, a súa cualidade como membro da Mancomunidade Británica de Nacións e de ser xa símbolo de Australia por máis dun século. Segundo eles, cambiar a bandeira sería unha ofensa ás máis de 105 000 persoas que morreron na guerra baixo este emblema.
Pola outra banda, Ausflag Arquivado 20 de marzo de 2012 en Wayback Machine. é a principal organización a favor de cambiar de bandeira. A diferenza dalgunhas persoas que apoian o uso da bandeira de Eureka como novo símbolo nacional ou de quen desexan substituír o cantón coa bandeira aborixe, Ausflag propón o uso dun deseño completamente novo e para ese fin realizou diversos concursos.
Ausflag argumenta que a bandeira actual non representa a verdadeira identidade pluralista e multicultural australiana, non só composta pola influencia británica senón tamén polos aborixes e outros grupos. Ademais, a bandeira non amosa o carácter independente do país e que practicamente mostra a Australia como unha colonia subordinada ao Reino Unido. Ausflag afirma tamén que o cambio de bandeira non necesariamente implica rexeitar a herdanza británica, dando o exemplo da bandeira do Canadá que substituíu a insignia europea en 1966 sen deixar de ser parte da Commonwealth.
A maioría dos deseños de Ausflag inclúen as cores azul, branca e vermella e a Cruz do Sur, en diferentes posicións. Algunhas propostas inclúen figuras do canguro dourado e outras utilizan outras combinacións de cores, como as cores nacionais amarelo e verde (utilizadas, por exemplo, pola selección de fútbol)
Outras bandeiras
editarSegundo as leis australianas, existe un total de 26 bandeiras oficiais, incluíndo as bandeiras declaradas como nacionais. Algunhas bandeiras destacables:
Pavillón civil
editarO 4 de xuño de 1903 foi autorizado o uso dun pavillón para embarcacións civís rexistradas en Australia. Este pavillón, utilizado tanto pola mariña mercante como por embarcacións de recreo, correspondía a unha versión da bandeira orixinal pero con fondo vermello substituíndo o tradicional azul escuro, polo que foi denominado como "Pavillón Vermello".
Debido á prohibición da utilización da bandeira nacional por civís en terra, este pavillón foi moi usado como bandeira nacional até que a restrición foi abolida en 1941 polo Primeiro Ministro Robert Menzies. Finalmente, coa "Flags Act" de 1953, a situación inverteuse, quedando prohibido o uso do Pavillón Vermello en terra.
Pavillón naval ou de guerra
editarA Armada Real Australiana arbora o pavillón naval ou de guerra, coñecido tamén como "Pavillón Branco". Está composto por un fondo branco sobre o que se sitúan as estrelas da Cruz do Sur e a Estrela da Federación en cor azul escuro, e coa Union Jack no cantón.
Nos seus inicios, a Armada australiana usaba o Pavillón Branco da Armada británica na popa xunto á bandeira nacional australiana na proa do barco. En 1909, tanto ministros de Australia como doutros dominios británicos como Canadá, solicitaron o uso do "Pavillón Branco" pero con símbolos propios sobre el, o que foi rechazado.
Cando as tropas australianas loitaba na Guerra de Vietnam en 1965, foi cuestionado o uso do pavillón da Armada británica, considerando que o Reino Unido non era parte desa guerra. Neses momentos presentouse o deseño do actual pavillón da Armada, tendo a aprobación real o 7 de novembro de 1966 e sendo anunciada polo Primeiro Ministro, o 23 de decembro dese ano. O pavillón foi estreado oficialmente o 1 de marzo do ano seguinte no "HMAS Boonaroo".
Bandeiras estatais e territoriais
editarOs Estados e Territorios de Australia posúen tamén cadansúa bandeira propia.
Á súa vez, algúns dos territorios dependentes de Australia tamén posúen unha bandeira propia.
Bandeiras varias
editar-
Bandeira da Forza Aérea.
-
Bandeira do equipo olímpico de Australasia.
Notas
editar- ↑ Commonwealth of Australia Gazette nº 8, 20 de febreiro de 1903.
- ↑ Commonwealth of Australia Gazette nº S321, 28 de agosto de 1996.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- The History of the Australian National Flag - A Compilation from Official Sources
- The Australian National Flag (Department of Special Minister of State, AGPS, Canberra 1985)
- The Australian National Flag (R G Rubie, Editorial do Goberno da Mancomunidade, AGPS, Canberra, sen data)
- Year Book Australia 1989 (No 72, ABS, Canberra)
- Hansard (Parlamento da Mancomunidade, 1953)
Ligazóns externas
editar- Australia en Flags of the World (en inglés)
- "Flags Act" de 1953
- Imágenes del "Flags Act" de 1953
- Ausflag Arquivado 20 de marzo de 2012 en Wayback Machine.
- Australian National Flag Association Arquivado 26 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine.