Bakartxo Ruiz Jaso
Bakartxo Ruiz Jaso, nada en Pamplona o 18 de agosto de 1977, é unha filóloga e política vasca de ideoloxía nacionalista e independentista, deputada do Parlamento de Navarra dende 2011, sendo a candidata por Euskal Herria Bildu ao Goberno Foral nas eleccións de 2019.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de agosto de 1977 (47 anos) Pamplona, España |
Deputada do Parlamento de Navarra | |
19 de xuño de 2019 – 27 de maio de 2023 Lexislatura: X lexislatura de Navarra | |
Deputada do Parlamento de Navarra | |
17 de xuño de 2015 – 18 de xuño de 2019 Lexislatura: IX lexislatura de Navarra | |
Deputada do Parlamento de Navarra | |
15 de xuño de 2011 – 16 de xuño de 2015 Lexislatura: VIII lexislatura de Navarra | |
Datos persoais | |
Relixión | Ateísmo |
Educación | Universidade do País Vasco |
Actividade | |
Ocupación | política, mestra |
Empregador | Ikastolen Elkartea |
Partido político | Bildu Euskal Herria Bildu |
Traxectoria
editarDe nena estudou en tres ikastolas diferentes, xa que nese momento a oportunidade de aprender éuscaro só estaba dispoñible nas ikastolas. Estudou na ikastola Paz Ziganda de Atarrabia, e completou o bacharelato na ikastola de San Fermín. Joseba Asiron, que máis tarde sería alcalde de Pamplona, foi alí profesor, e acrecentou o seu interese pola historia.[1]
Estudou filoloxía vasca na Universidade do País Vasco, na Facultad de Letras dop campus de Áraba. En 1999, con 22 anos, converteuse en profesora de secundaria na ikastola San Fermín de Pamplona, onde previamente estudara como alumna. Traballou durante 12 anos en diferentes áreas: lingua e literatura vasca, cultura clásica, literatura universal e española, entre outras. Encóntrase de baixa dende o ano 2011.[1]
Carreira política
editarCon anterioridade á creación de Bildu, foi imaxe de varias asociacións, entre elas as plataformas Hamaika Bil Gaitezen e Nafarroa aldatzen. Destas asociacións xurdiu Herritarron Garaia, con Bakartxo Ruiz como voceira, que axudou a formar a coalición de Bildu en Eusko Alkartasuna en Navarra.
O 3 de abril de 2011, durante a presentación da coalición, foi unha das caras principais xunto a Pello Urizar (EA) e Oskar Matute (Alternatiba). Dixo que é "un tempo de compromiso" para "construír unha nación libre no canto dun pobo condenado" e para "sentar as bases para unha cooperación efectiva" nun novo espazo. Nas eleccións autonómicas de 2011 presentouse nas listas de Bildu de Navarra e resultou elixida deputada foral, sendo a coalición o cuarto partido máis forte, cun 13,3% dos votos e 7 escanos.
Durante a lexislatura 2011-2015, actuou como voceira do grupo parlamentario, sendo membro tanto da comisión permanente como da asemblea de voceiros. Ademais, foi vicepresidenta do Consello de Educación, así como membro das Comisións de Sanidade, Normativa e Réxime Foral. De 2014 a 2015, foi membro do Comité Informativo e do Comité Especial de Política Integradora de Discapacidade.[2]
Nas eleccións xerais españolas de 2015, EH Bildu quedou como a cuarta forza en Navarra, non obtendo representación no Congreso, con 34 856 votos (9,9%).[3] Uns meses despois, na repetición electoral de xuño de 2016, Bakartxo Ruiz foi a líder da lista para o Congreso pola circunscrición de Navarra, mais tampouco conseguiu un escano nesta, xa que volveu ser a cuarta forza co 9,38% dos votos.[4] Dixo sentirse orgullosa do seu "esforzo colectivo e traballo duro" malia non conseguir un escano a noite electoral, e subliñou que EH Bildu tiña un "traballo difícil" nas eleccións estatais.[5]
Malia que non conseguiu dar o salto á política nacional, Ruiz continuou sendo deputada foral tras renovar o seu escano nas eleccións de 2015, ocupando o cuarto lugar da lista de EH Bildu, na que se alternaban membros de Sortu, Eusko Alkartasuna e Aralar, nunha lista encabezada por Adolfo Araiz.[6] EH Bildu foi o terceiro partido con máis votos obtidos, o 14,5% do total e o equivalente a oito escanos.[7] EH Bildu apoiou ao goberno de Uxue Barkos (Geroa Bai), xunto a Podemos Navarra e Izquierda-Ezkerra. Bakartxo Ruiz foi unha dos representantes de EH Bildu nas reunións do catro partidos para chegar a un acordo programático.
Durante esta lexislatura foi presidenta da Comisión de Dereitos Sociais, e integrou as comisións de Saúde e Relacións Institucionais e Cidadanía. Tamén foi suplente do comité de investigación da planta de biometanización de Ultzama.[2]
En maio de 2018, presentouse como candidata de EH Bildu á presidencia de Navarra para as eleccións forais de 2019, crendo que era a mellor oportunidade para afondar no cambio que supuxera o cuadripartito.[8] Nos comicios do 26 de maio de 2019, EH Bildu caeu á cuarta posición, aumentando o número de votos até os 50 631 (14,54%), mais baixando até sete escanos (perdendo un respecto de 2015).[9] A socialista María Chivite foi proposta para asumir a presidencia de Navarra. EH Bildu consultou á militancia sobre o devir do voto dos sete deputados que determinase se apoiar a proposta do PSN-PSOE para alcanzar o Goberno. A pesar da negativa en bloque da primeira votación, co voto afirmativo da militancia (arredor do 75%), EH Bildu decantouse por cambiar o voto de cinco deputados cara á abstención (os outros dous mantivéronse no voto negativo), facilitando máis votos polo que si que polo non para Chivite, que foi elixida como presidenta da Comunidade Foral posteriormente.[10][11]
Vida persoal
editarRuiz Jaso declarouse como atea.[12] É irmá do etarra Zigor Ruiz Jaso, que abandonou a prisión en 2015 tras unha redución da condena polo Tribunal Supremo.[13][14][15]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 YouTube (ed.). "Hurbiletik 2018 - Bakartxo Ruiz". Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 "Ficha de Bakartxo Ruiz como diputada foral". Parlamento de Navarra. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Escrutinio 2015 - Comunidad Foral de Navarra". Ministerio del Interior de España. Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2017. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Escrutinio 2016 - Comunidad Foral de Navarra". Ministerio del Interior de España. Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2022. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Bakartxo Ruiz se queda con la "satisfacción del esfuerzo colectivo", pese a no lograr escaño para EH Bildu". Deia. Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2018. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Sortu, EA y Aralar encabezan la lista de EH Bildu liderada por Araiz". Noticias de Navarra. Arquivado dende o orixinal o 1 de abril de 2015. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Elecciones de 2015 al Parlamento de Navarra". Parlamento de Navarra. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Bakartxo Ruiz izango da EH Bilduko Nafarroako lehendakarigaia". Berria. Consultado o 20 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Resultados oficiales de las elecciones al Parlamento de Navarra". Goberno de Navarra. Consultado o 20 de xaneiro de 2022.
- ↑ "EH Bildu decide abstenerse y favorecer un Gobierno socialista en Navarra". El País. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Chivite, elegida presidenta de Navarra con la abstención de EH Bildu". HuffPost. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Bakartxo Ruiz, portavoz de Bildu-Nafarroa". La otra cara del Parlamento de Navarra. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Sale de prisión el etarra Zigor Ruiz Jaso, al que el Supremo redujo la condena". Europa Press. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "La representante 'independiente' de Bildu es hermana del etarra Zigor Ruiz Jaso". El Mundo. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ "Zigor Ruiz presoa aske geratu da". Berria. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.