Agarrados

(Redirección desde «Baile agarrado»)

Os agarrados son bailes de divertimento, efectuados en parella, nos que os bailadores manteñen contacto físico entre eles.

Infografía sobre os agarrados galegos.

A finais do século XVIII, a consecuencia das mudanzas sociais propiciadas pola Revolución Francesa, os ríxidos bailes soltos das cortes europeas comezaron a ser abandonados. Apareceron entón outros bailes de raíz popular, con estruturas máis sinxelas, cuxa característica principal era ser realizados por parellas entrelazadas. Malia ao inicial rexeitamento da nobreza, a causa da súa humilde orixe, e do clero, que vía neles un relaxamento da moralidade cristiá, os bailes agarrados impuxéronse plenamente ao longo do século XIX sendo difundidos por toda Europa.[1]

Introdución en Galiza

editar
Carme, Carmiña, Carmela

non bailes o agarrado,

que predicou o cura

que era moito pecado.

—Cantiga popular

Os agarrados introducíronse en Galiza mediante os movementos de poboación (segas en Castela, servizo militar, emigración), e pola imitación dos estamentos sociais máis elevados das tendencias europeas.[2] Paralelamente a súa chegada, produciuse tamén a de novos instrumentos musicais (saxofóns, clarinetes, acordeóns) e novas agrupacións de músicos (charangas, bandas de música). Estas influencias foráneas modificaron definitivamente as festas populares galegas, onde foron substituíndo progresivamente aos bailes soltos e á tradicional figura do gaiteiro acompañado polo tambor.

Este proceso atopou a resistencia dos defensores da "pureza" da tradición galega,[3] cóntase que Perfecto Feijoo, fundador de Aires da Terra, chegou a abandonar indignado unha romaría ao ver á xente bailar unha mazurca.[4] Malia isto, a introdución dos novos bailes foi imparábel, nos seráns e foliadas tradicionais cada rolda de bailes encadeados (festa) levaba primeiro dous bailes soltos (muiñeira e xota) e despois varios agarrados. Creáronse tamén xogos con baile solto que incluían partes de agarrado, de xeito que aos poucos os bailes fóronse adaptando ao xeito do país dando lugar a variantes mesturadas propiamente galegas. [5]

Os agarrados atoparon tamén a oposición da igrexa católica, que vía neles unha incitación á luxuria. A comezos do século XX os cregos chegaban a negar a confesión aos fregueses que bailaban o valse ou a polca.[6] A oposición clerical intensificouse após a guerra civil española, coa toma do poder polo franquismo, precisamente cando da man da radio se intensificou a difusión dos bailes "pecaminosos".[7] Naquel tempo, os seráns das aldeas foron prohibidos de facto[8], e mesmo un cardeal primado, Pedro Segura y Sáenz, chegou ao extremo de excomungar os boleros.[9]

 
Baile agarrado a comezos do século XX.

Os agarrados galegos poden ser clasificados en dous grupos[5][10]:

Importados:

  • Polca (tamén chamada Danza): Orixinada en Bohemia, bailase nun compás binario e frecuentemente en formación circular de existiren varias parellas de bailadores.
  • Mazurca (denominada tamén "tres saltos"): Procedente de Mazovia (Polonia), é de compás ternario e bailase con dous pasos de marcha e un salto.
  • Pasodobre: Orixinado nas marchas militares españolas do século XVIII.
  • Rumba: Nada en Cuba, introduciuse na música galega co retorno da emigración á illa a comezos do século XX.

Evolucións galegas:

  • Charrasquiño: Variante do valse que se acompaña coas pandeiretas. As cantareiras determinan as evolucións dos bailadores.
  • Chiqui-Chiqui: Variante rápida do pasodobre propia das comarcas do sur de Pontevedra.
  • Muiñeira corrida: Baile que mestura o pasodobre, parte principal da melodía ou canto, coa muiñeira, que se toca no retrouso a paso de "galope".
  • Esparabán: semellante á muiñeira corrida, cun desprazamento lateral nas partes de muiñeira.
  1. Martínez San Martín (1998). pp.128-129
  2. Mártinez San Martín (1998). p.125
  3. Castro, Xavier (2020-08-02). "Bailar agarradiños ¡e viva o tango!". Diario de Pontevedra. Consultado o 2021-04-16. 
  4. Feijoo, Xisco (2014). Xornada A danza a debate. A danza tradicional, 1. Youtube (Consello da Cultura Galega). p. 2h.16m.51s. 
  5. 5,0 5,1 Portela Gómez-Macías, Ignacio (2018). "A nosa música: achegándonos á tradición". Eduga. Revista galega do ensino (76). 
  6. Quintiá, Rafael (2010-07-04). "O baile agarrado". Á Sombra de Bouza Panda. Consultado o 2021-04-16. 
  7. Os Chichisos. Grupo de música tradicional e asociación cultural (2012-08-22). "Foliada do Demo. “Revivindo o espírito das vellas verbenas”". chichisos.wordpress.com/. Consultado o 2021-04-16. 
  8. Calvo Varela, Carlos. "A conspiração dos corpos críticos". Nós Diario. Consultado o 2021-04-16. 
  9. Giráldez, Diego (2013-09-20). "Sobaco patrio". Praza Pública. Consultado o 2021-04-16. 
  10. Martínez San Martin (1998). pp.129-130

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar