Acta de abxuración
A Acta de abxuración do 26 de xullo de 1581, tamén coñecida como Acta da Haia, Abxuración da Haia ou Acta de deposición da Haia (Plakkaat van Verlatinghe en neeerlandés), foi unha lei redactada polos Estados Xerais dos Países Baixos que significou a declaración de independencia formal das provincias do norte dos Países Baixos españois da súa obediencia ao rei Filipe II de España.
A abxuración
editarTras o estalido da rebelión dos Países Baixos en 1564 e o inicio da guerra dos Oitenta Anos, a Acta de abxuración representa o punto de non retorno na rebelión, tras o cal xa non hai acordo posíbel entre os rebeldes holandeses e a coroa española.
O 26 de xullo de 1581, as provincias de Brabante, Ducado de Güeldres, Condado de Zutphen, Holanda, Zelandia, Frisia, Señorío de Malinas e Principado de Utrecht,[1] anularon nos Estados Xerais dos Países Baixos a súa vinculación co rei de España Filipe II, pola Acta de abxuración, e elixiron como "Principe e señor dos Países Baixos" e "defensor" das súas liberdades a Francisco de Anjou, duque de Alençon e de Anjou.
A asemblea omitiu de maneira expresa o título de rei, e determinou que debía servir aos seus súbditos e respectar as súas leis e tradicións e, en caso contrario, o pobo tiña dereito a elixir a outro gobernante.
Pero Filipe II non renunciou a estes territorios, e o gobernador dos Países Baixos Alexandre Farnesio iniciou a contraofensiva e recuperou á obediencia do rei de España de gran parte do territorio,[2] especialmente tras o asedio de Anveres, pero parte deles volvéronse a perder tras a campaña de Mauricio de Nassau.
Evolución militar e política
editarNo curso da guerra dos Oitenta Anos, o condado de Flandres foi case enteiramente reconquistado polos españois, así como unha gran parte do Ducado de Brabante e unha pequena parte da provincia de Güeldres.
De feito, a República reducíase a Holanda, Zelandia, Güeldres, Overijssel, Frisia, Groninga e Utrecht así como os territorios administrados directamente polos Estados Xerais das Provincias Unidas: Drenthe, o Brabante neéerlandés (Brabante do Norte) e o Limburgo neerlandés (Limburgo), sen Flandres nin a maior parte do Brabante.
Consecuencias inmediatas
editarMoitos maxistrados negáaronse a tomar un novo xuramento e prefiriron dimitir. A lei implicou un cambio total na orde política en moitas das cidades rebeldes dos Países Baixos, fortalecendo a posición dos insurxentes radicais. Filipe II non recoñeceu a acta nin a soberanía do duque de Anjou.[3] O duque mesmo non quedou satisfeito cos seus poderes limitados e tratou de someter a algunhas cidades, incluíndo Anveres (o episodio coñécese como a "furia do francés"). Os Estados Xerais empezaron a buscar outro soberano. Isabel I de Inglaterra rexeitou a oferta e entón os sublevados pedíronlle a Guillerme de Orange o Taciturno, que asumira o título "vacante" de conde de Holanda. Guillerme foi sasinado en 1584, e o proxecto non puido realizarse. Tras o tratado de Nonsuch (20 de agosto de 1585), Isabel I accedeu a enviar axuda aos rebeldes holandeses, sen aceptar porén a soberanía: no seu lugar nomeou a Robert Dudley, primeiro conde de Leicester, como Gobernador Xeral dos Países Baixos. Pero incluso este goberno, como o do duque de Anjou, foi un fracaso. Despois da saída de Leicester en 1587, os Estados Xerais decidiron asumir eles mesmos a soberanía, transformando as Provincias Unidas en República.
Provincias signatarias (por orde de sinatura)
editarProxección na historia
editarEsta Acta inspirou a Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América en 1776.[4]
Notas
editar- ↑ Transcrición da Acta de abxuración e traducción parágrafo a parágrafo en inglés.
- ↑ WHKMLA History of the Netherlands - The Dutch Revolt, 1572-1609 Mapas dos Países Baixos entre 1576-1598
- ↑ Filipe reaccionou rapidamente á afronta poñendo fóra da lei a Guillerme de Orange con prezo á súa cabeza.
- ↑ Plakkaat van Verlatinghe 1581 july 26 Documentos que inspiraros a Revolución americana (en inglés) Consultada o 27 de outibro de 2016.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Acta de abxuración |
Bibliografía
editar- Gachard, Louis Prosper (1890): Études et notices historiques concernant l'histoire des Pays-Bas, par M. Gachard. 3 volumes. Bruxelles: F. Hayez.