Estados Xerais dos Países Baixos

Os Estados Xerais son o poder lexislativo, bicameral, dos Países Baixos. Teñen a súa sede no complexo do Binnenhof, na Haia, que alberga algunha das principais institucións política do país.

Edificio dos Estados Xerais dos Países Baixos, na Haia.

ComposiciónEditar

Están divididos en dúas cámaras:

FunciónsEditar

Xenericamente as funcións dos Estados Xerais son a representación dos intereses do electorado, vixiar a acción executiva e lexislar xunto co Goberno dos Países Baixos. O capítulo 3 da Constitución dos Países Baixos (artigos do 50 ao 72)[1] concreta esas atribucións[2]:

  • Exercer a iniciativa lexislativa: propor leis ou debater e aprobar aquelas propostas polo goberno. A diferenza da Primeira Cámara, ou Senado, que non pode máis que aceptar ou rexeitar a totalidade do proxecto de lei, a Segunda Cámara pode introducir emendas aos proxectos.
  • Aprobar ou rexeitar os orzamentos do Goberno para o Estado.
  • Controlar a acción do goberno: os ministros son responsables ante o parlamento e responden ante o lexislativo de diferentes xeitos. Dunha parte, os membros do parlamento poden elevar cuestións por escrito ao executivo, que deben responder en tres semanas. Ademais, os membros da Segunda Cámara poden preguntar oralmente aos ministros nunha sesión parlamentaria que con tal fin se celebra os martes e que é retransmitida por televisión. Doutra banda, un deputado poder convocar a un ministro ou secretario de Estado para debater de forma urxente sobre un tema sempre que consiga o apoio da maioría da cámara, nestes casos, o ministro ou secretario de Estado non pode eludir a convocatoria.
  • Investigar: a Segunda Cámara pode constituír unha comisión composta por algúns dos seus membros para investigar cuestións específicas. Para facer as súas investigacións pode convocar a calquera cidadán, que está obrigado a comparecer baixo xuramento. As conclusións da comisión de investigación son presentadas ante o conxunto da Segunda Cámara e poden incluír recomendacións, máis non sancións

HistoriaEditar

 
Escudo dos Estados Xerais dos Países Baixos.

Os Estados Xerais eran unha asemblea de representantes dos tres estados (clero, nobreza e burguesía) das dezasete provincias neerlandesas, convocada polos duques de Borgoña cando necesitaban recadar fondos.

A primeira asemblea dos Estados Xerais tivo lugar o 9 de xaneiro de 1464 no Condado de Flandres, concretamente en Bruxas.

Máis adiante, nos séculos séculos XV e XVI, Bruxelas, capital do Ducado de Brabante, converteuse na sede fixa dos Estados Xerais.

As reunións dos Estados Xerais adoitaban seren aproveitadas para esixir novas liberdades, razón pola cal os gobernantes dos Países Baixos (que entón incluían a actual Bélxica e a Luxemburgo) preferían evitalos, dirixíndose aos Estados de cada provincia por separado.

En 1581, durante a guerra dos Oitenta Anos, e coa Unión de Utrecht e a acta de abxuración, os Estados Xerais proclaman o fin do reinado de Filipe II nos Países Baixos.

Cando Bruxelas volveu a caer en poder do rei, os Estados Xerais desprazáronse a Antuerpen e, máis tarde á Haia.

Mauricio de Orange e Johan van Oldenbarnevelt renunciaron en 1587 a seguir buscando un soberano para as provincias rebeldes, decidíndose que o poder político recaese nos Estados Xerais. Este foi, de feito, o nacemento da República dos Sete Países Baixos Unidos.

A partir da independencia da República, os Estados Xerais formaron de feito un Goberno confederal no que se dilucidaban asuntos que eran de interese para todas as provincias. O seu papel era análogo ao do actual Consello de Europa, no que todos os Estados membros teñen un voto único. Os Estados Xerais exercían o poder tamén sobre as Terras da Xeneralidade e controlaban a Compañía das Indias Orientais e a Compañía das Indias Occidentais.

Nos Países Baixos españois, que tras a paz de Utrecht en 1713 pasaron a ser dominio da rama austríaca da Casa de Austria (dos Habsburgo), os Estados Xerais seguiron existindo no seu antigo papel de asemblea representativa ante o rei (e máis adiante ante o emperador), até que tamén estes se independizaron do poder imperial en 1790.

En 1814, os Países Baixos integráronse no Reino Unido dos Países Baixos que tamén incorporaba Bélxica e Luxemburgo. Nesa altura redactouse unha primeira constitución que dividiu os Estados Xerais nas dúas cámaras actuais. As limitacións impostas polo absolutismo rexio foron superadas na revisión constitucional de 1848 punto de partida do sistema parlamentario liberal neerlandés.

A comezos do século XX, fixéronse cambios importantes coa finalidade de ampliar a representatividade da Segunda Cámara, a única electa. En 1917 ampliouse o sufraxio universal a todos os homes maiores de idade, mentres que dous anos máis tarde foi ampliado ás mulleres[2]. Ademais, cambiouse o sistema electoral do maioritario a unha soa volta (first past the post) a un sistema porporcional, dende 1933 seguindo o método d'Hont[3].

Sesións conxuntasEditar

 
O rei Guillerme Alexandre dos Países Baixos diríxese aos Estados Xerais en 2015.

Aínda que a Primeira e a Segunda Cámara traballan de forma autónoma e independente, en determinadas sesións solemnes sesionan de forma conxunta. É o caso do terceiro martes de setembro (Prinsjesdag), momento no que o rei fai un discurso no que expón as políticas que pretende desenvolver o Goberno para o seguinte ano. Este acto supón o inicio do curso político, celébrase no Salón dos Cabaleiros (Ridderzaal), nun edificio medieval do Binnenhof presidido polo trono do rei, razón pola que se chama tamén o discurso do trono (Troonrede).

NotasEditar

  1. "Nederlandse grondwet/Hoofdstuk 3 - Wikisource". nl.wikisource.org (en neerlandés). Consultado o 2021-03-21. 
  2. 2,0 2,1 Ramkema, H. (2008). Reseña del Sistema Político Neerlandés. NIMD e Instituut voor Publiek en Politiek. ISBN 978-90-79089-03-1. 
  3. "Holanda —". aceproject.org. Consultado o 2021-03-21. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar