Unión de Utrecht

A Unión de Utrecht foi un acordo asinado o 23 de xaneiro de 1579 por algunhas das Provincias Unidas e que consistiu, basicamente, nunha alianza militar[1] contra o dominio do rei de España. No acordo rexeitan a intromisión dos estranxeiros nos seus asuntos e supón, de facto, a creación da República das Provincias Unidas dos Países Baixos ou tamén chamada República dos Sete Países Baixos (Frisia, Groninga, Holanda, Zelandia, Utrecht, Overijssel e Güeldres).

Derradeira páxina da Unión de Utrecht. Aparecen as sinaturas dos 6 representantes de Holanda.
Mapa dos Países Baixos españois en 1579: Unión de Arras e Unión de Utrecht.

Para varios autores, a creación da unión supuxo o xermolo e fundamento legal para a creación da posterior constitución e independencia da República dos Países Baixos.[2][3]

Contexto histórico

editar

Durante as guerras de relixión dos séculos XVI e XVII, prodúcese a rebelión dos territorios flamengos da monarquía hispánica en 1566 e que continuará de xeito,case que, ininterrompida até que mediante a Paz de Wesfalia e o Tratado de Munster (1648) recoñeceuse oficialmente a independencia do territorio, poñendo fin á chamada "guerra dos Oitenta Anos" ou guerra de Flandres.

Aínda que a revolta inicial foi rapidamente sufocada polo Duque de Alba, Luís de Requesens e don Xoán de Austria, os intentos de pactos e de manter a tolerancia relixiosa e o recoñecemento da soberanía de Filipe II sobre o conxunto do territorio non fructificaron. Coa maior parte do territorio en mans dos rebeldes, os calvinistas dos estados do norte comezaron a perseguir os católicos e a encarcerar aos partidarios reais, e esas circunstancias foron aproveitadas por Alexandre Farnesio, daquela gobernador dos Países Baixos, para propiciar a chamada Unión de Arras (5 de xaneiro de 1579), na que as provincias do sur: Hainaut, Douai e Artois, recoñecen a autoridade do rei.

Unión de Utrecht

editar

Como resposta á Unión de Arrás, créase a Unión de Utrecht, asinada polos representantes das Sete Provincias Unidas: Holanda, Zelandia, Utrecht, Güeldres, Groninga, Overijssel (daquela Drenthe formaba parte de Overijssel) e Frisia.[4][5] Tamén se engadirán as cidades protestantes de Flandres (os chamados "catro membros de Flandres" ou condado de Flandres -Bruxas, Franconado de Bruxas, Ieper e Gante-) e cidades de Brabante como Anveres, Breda e Lier.

A iniciativa do acordo partiu de Guillerme I de Orange e nel rexeitaban a intromisión estranxeira nos seus asuntos e comprometéronse a formar unha república confederal na que primarían os estados sobre o goberno central e no que se comprometían a actuar de xeito unitario cara ao exterior baixo o mando de Guillerme de Orange[4] e proclamaron a liberdade relixiosa.[6]

O 15 de marzo de 1581, Filipe II declarou fóra da lei a Guillerme de Orange e ofreceu unha recompensa pola súa cabeza. A pertir dese momento, Guillerme rexeitou publicamente da obediencia ao rei e conseguiu que os Estados Xerais reunidos na Haia fixeran o mesmo o 26 de xullo de 1581, mediante a Acta da Haia,[7] destituíndo ao seu soberano até ese momento e proclamando oficialmente a independencia, aínda que non será recoñecida oficialmente até a Paz de Westfalia de 1648.

  1. "unió d’Utrecht". enciclopèdia.cat. Consultado o 08-11-2017. 
  2. Watson, Robert (1822). Istoria [sic] del reinado de Felipe II, rei de España. Vol.II. Madrid: Imprenta que fue de Funetenebro. p. 79. 
  3. "The Union of Utrecht". Constitution Society. Arquivado dende o orixinal o 11-06-2019. Consultado o 08-11-2017. 
  4. 4,0 4,1 Chávarri Sidera, Pilar; Delgado Sotillos, Irene (2013). Sistemas políticos contemporáneos (EPUB-DRM). Madrid: UNED. ISBN 978-84-362-6509-5. 
  5. VV.AA. (2002). "Utrecht, Unión de". Enciclopedia Galega Universal, vol. 16. Vigo: Ir Indo Edicións. p. 253. ISBN 84-7680-583-7. 
  6. "La “Unión de Utrecht” es un acuerdo firmado entre las provincias rebeldes de los Países Bajos". puzzle de la historia. Consultado o 08-11-2017. 
  7. "Utrecht, una ciudad con historia". tourhistoria.com. Arquivado dende o orixinal o 09-11-2017. Consultado o 08-11-2017. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar