Acordo BNG-PSOE para a investidura de Pedro Sánchez

O 3 de xaneiro de 2020 o BNG e o PSOE subscribiron o acordo para a investidura de Pedro Sánchez. En virtude deste acordo o único deputado do BNG no Congreso dos Deputados comprometíase a votar a favor do candidato socialista á presidencia do goberno.

O pacto contiña doce puntos. Entre eles figuraban a transferencia á Xunta de Galicia das competencias sobre a AP-9, a mellora das infraestruturas ferroviarias galegas, medidas de apoio á industria naval e electrointensiva ou a promoción do uso do galego.

As sesións do debate de investidura celebráronse os días 4, 5 e 7 de xaneiro. O candidato, Pedro Sánchez, foi investido como presidente do goberno en segunda votación, con 167 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións.

Negociación e firma

editar
 
Néstor Rego

Nas eleccións xerais ao Congreso dos Deputados do 10 de novembro de 2019, o BNG logrou un escano pola provincia da Coruña, na persoa de Néstor Rego. O PSOE, pola súa parte, gañou as eleccións con 120 deputados, moi lonxe dos 176 que marcan a maioría absoluta.

O PSOE iniciou un longo proceso de negociación coas formacións políticas que se mostraron dispostas a apoiar o seu candidato. Os equipos negociadores do BNG e do PSOE mantiveron, nun inicio, encontros informais, sen definir ningún acordo concreto. De cara á investidura, o PSOE necesitaba asegurar a abstención de ERC. Esta foi ratificada polos órganos do partido catalán o 2 de xaneiro. Logrado este acordo, aínda necesitaba o PSOE os votos favorábeis de Teruel Existe, BNG ou Coalición Canaria.

O acordo con Teruel Existe subscribiuse o propio 2 de xaneiro. Ao día seguinte, o PSOE encontrouse con que a deputada de Coalición Canaria tiña intención de votar en contra de Pedro Sánchez. A posición de Coalición Canaria facía vital o acordo co BNG, xa que se o seu deputado decidise tamén votar en contra, o candidato carecería dos apoios necesarios.[1]

As negociacións, sostidas fundamentalmente por Adriana Lastra e Rafael Simancas do lado do PSOE e Néstor Rego e Rubén Cela do lado do BNG, avanzaron a bo ritmo. O acordo oficializouse na tarde do 3 de xaneiro coas sinaturas de Adriana Lastra e Ana Pontón.[2]

Puntos do acordo

editar

O acordo consta de doce puntos, co seguinte contido:[3]:

Acordos sobre estrutura territorial do estado español
Acordos sobre a lingua galega
  • Garantir o uso do galego na administración pública.
  • Potenciar a emisión de programas en galego nas televisións públicas estatais.
  • Difusión en Galicia das radios e televisións portuguesas.
Acordos sobre as infraestruturas de transporte
  • Transferencia da AP-9 á Xunta ao longo de 2020. Bonificación do 100% ás persoas que empreguen a autoestrada dúas ou máis veces diarias, con cargo aos orzamentos xerais do Estado. Gratuidade do tramo Vigo-Redondela.
  • Modernización da rede ferroviaria galega, finalización das conexións ferroviarias aos portos exteriores da Coruña e Ferrol e inclusión de Galicia no Corredor Atlántico de transporte de mercadorías.
Acordos sobre medio ambiente
Acordos sobre a industria
  • Asegurar unha transición enerxética xusta nas contornas das Pontes e Cerceda, mediante a súa inclusión na Plataforma Europea para as Rexións Mineiras en Transición.
  • Aprobación do Estatuto das Empresas Electrointensivas, a fin de garantir un menor custo da electricidade, menor impacto ambiental e aumento do emprego neste sector.
  • Apoio á industria naval, en especial aos estaleiros de Barreras, Vulcano e Navantia.
Acordos sobre política social
  • Consideración dos delitos sexuais como violencia de xénero e creación de novos xulgados de violencia de xénero, en particular, en Compostela, Lugo e Ourense.
  • Aumento dos fondos estatais para servizos de atención á dependencia en Galicia.
  • Eliminación da dupla tributación ás pensións percibidas no estranxeiro por emigrantes retornadas/os.
Acordos sobre lexislación estatal
  • Derrogación da reforma laboral do 2012, da lei de reforma das pensións de 2013, da LOMCE e da lei Mordaza.

Para o seguimento do cumprimento dos acordos estabelecíase no propio pacto unha reunión cuadrimestral, como mínimo. O 8 de xaneiro, constituído o goberno, ambas as formacións anunciaron a creación dun comité de seguimento dos acordos do pacto.[4]

Reaccións ao acordo

editar

O acordo ten un significado especial para a política galega, posto que cadra en ano de eleccións autonómicas.

Tanto BNG como PSOE presentaron o acordo como moi favorábel aos intereses de Galiza. Outras formacións políticas, como Galicia En Común ou En Marea, entenderon que se trataba dun bo acordo. O PPdeG, en cambio, mostrouse escéptico sobre a capacidade das partes para poñer en marcha os acordos. Ademais, esforzouse por presentar o goberno de Sánchez como froito dun acordo entre radicais.

  1. "O BNG desbloquea a investidura de Sánchez". Praza Pública. 3/01/2020. Consultado o 18/01/2020. 
  2. "O si do BNG a Sánchez trae un grande acordo a Galiza". Nós Diario. 3/01/2020. Consultado o 18/01/2020. 
  3. "Acordo de investidura BNG-PSOE" (PDF). bng.gal. Consultado o 18/01/2020. 
  4. "BNG e Goberno español reuniranse en 15 días nunha comisión de seguimento sobre o acordo". Nós Diario. 9/01/2020. Consultado o 18/01/2020.