Pedro Sánchez
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2015.) |
Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nado en Madrid o 29 de febreiro de 1972, é un economista e político español, presidente do Goberno de España dende 2018. Tamén é secretario xeral do Partido Socialista Obrero Español (PSOE).
Concelleiro do Concello de Madrid entre 2004 e 2009, en setembro de 2009 converteuse en deputado no Congreso. Sucesor en 2014 de Alfredo Pérez Rubalcaba á fronte do PSOE, en 2015 e 2016 foi o candidato proposto polo seu partido á presidencia do Goberno. En 2016, co PSOE dividido ante a tesitura de postular un goberno alternativo a Mariano Rajoy ou absterse ante a investidura deste último, Sánchez, contrario á segunda opción, viuse obrigado a dimitir como secretario xeral do PSOE e máis tarde tamén renunciaría á súa acta de deputado.[1] En xuño de 2017 retornou á secretaría xeral do partido tras impoñerse en primarias a Susana Díaz e Patxi López.
Produto dunha moción de censura exitosa contra Mariano Rajoy, foi investido presidente do Goberno en xuño de 2018. É o sétimo xefe de goberno do período democrático actual.
Traxectoria
editarInicios
editarPedro Sánchez naceu no barrio madrileño de Tetuán. Xogou no Club Baloncesto Estudiantes ata os 21 anos.
En 1990 empezou a estudar a licenciatura en Ciencias Económicas e Empresariais na Universidade Complutense de Madrid, licenciándose en 1995. En 1993 afiliouse ao PSOE, tras a vitoria de Felipe González nas eleccións dese ano. Realizou un máster en Política Económica da UE pola Universidade Libre de Bruxelas (1997-1998) e un máster en Liderado Público pola escola de negocios IESE da Universidade de Navarra.
Con 26 anos traballou como asesor no Parlamento Europeo coa socialista Bárbara Dührkop (onde coincidiu con Óscar López) e máis tarde como xefe de gabinete do Alto Representante das Nacións Unidas en Bosnia, Carlos Westendorp, durante a Guerra de Kosovo ao servizo do Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial.
En 2000 foi un dos delegados no 35º Congreso Federal do PSOE, no que saíu elixido José Luis Rodríguez Zapatero como secretario xeral e José Blanco como secretario de Organización. Este rodeouse dun reducido equipo de colaboradores próximos ao secretario de Organización, entre os que se encontraban Óscar López e Antonio Hernando.
Concelleiro de Madrid
editarEn 2003 concorreu ás eleccións municipais na lista do PSOE por Madrid que encabezaba Trinidad Jiménez. Situado no posto 23 (a pesar das instrucións da secretaría federal de Organización, o PSM non quixo pregarse e colocou a Sánchez neste posto), non conseguiu acta de concelleiro (o PSOE obtivo só 21 concelleiros). Non foi ata un ano despois cando se converteu en concelleiro, tras as renuncias de dous compañeiros. Converteuse nun compoñente fundamental do equipo da líder da oposición, Trinidad Jiménez.
Entre 2004 e 2009, foi un dos 320 membros da Asemblea Xeral de Caja Madrid, como representante, por proposta do PSOE, do Concello de Madrid. Ao mesmo tempo, seguía traballando con José Blanco, especialmente en tarefas relacionadas con procesos electorais, como as eleccións autonómicas galegas de 2005, nas que o PSdeG gañou oito escanos, o que permitiu a Emilio Pérez Touriño chegar á presidencia da Xunta de Galicia, ou o infrutuoso intento de Miguel Sebastián por conseguir a alcaldía de Madrid en 2007.
Revalidou de novo a súa acta nas as eleccións municipais de 2007. Dende a oposición ocupou responsabilidades nas áreas de Economía, Urbanismo e Vivenda. Nas eleccións xerais de 2008 formou parte da candidatura socialista pola circunscrición de Madrid, sen obter escano. Dende 2008 e ata 2013, Pedro Sánchez foi profesor asociado de Estrutura Económica e Historia do Pensamento Económico na Facultade de Ciencias Xurídicas e Empresariais da Universidade Camilo José Cela.
Deputado no Congreso
editarTras a renuncia de Pedro Solbes á súa acta de deputado en setembro de 2009, ocupou a súa vacante no Congreso dos Deputados, polo que abandonou o seu posto como concelleiro da casa do concello madrileña. Durante a súa primeira lexislatura como deputado, desempeñou responsabilidades de voceiro adxunto na Comisión de Política Territorial e foi membro das comisións de Asuntos Exteriores e a Mixta de Asuntos Europeos.
En 2010, os xornalistas parlamentarios elixírono deputado revelación. Ese mesmo ano traballou con Trinidad Jiménez nas primarias nas que se enfrontou, sen éxito, con Tomás Gómez pola candidatura á presidencia da Comunidade de Madrid en 2011.
Actividade profesional e doutoramento
editarNas eleccións xerais de 2011 situouse no undécimo posto da lista do PSOE por Madrid, pero quedou novamente fóra do Congreso por obter o seu partido só dez deputados na devandita circunscrición.
Fóra de responsabilidades políticas, preparou o seu doutoramento e dedicouse á súa actividade profesional, exercendo de consultor para un consorcio europeo e como profesor universitario. Desde novembro de 2012, é doutor en Economía e Empresa pola Universidade Camilo José Cela de Madrid.
Volta ao Congreso e candidatura á secretaría xeral
editarEn xaneiro de 2013 volveu ao Congreso dos Deputados tras a renuncia ao escano de Cristina Narbona para ocupar un posto no Consello de Seguridade Nuclear. En novembro de 2013 foi un dos coordinadores da conferencia política do PSOE.
O seu nome empezou a soar como candidato á Secretaría Xeral cando á presentación do seu libro La nueva diplomacia económica española en decembro de 2013 acudiron numerosos dirixentes socialistas, como Ramón Jáuregui, Elena Valenciano, Trinidad Jiménez, Miguel Sebastián, Eduardo Madina ou José Blanco. Neste libro recollía os contidos da tese coa que obtivo o doutoramento.
A pesar de non pertencer nunca á Executiva nin ao Comité Federal do PSOE, durante os primeiros meses de 2014, Pedro Sánchez foi un dos candidatos potenciais que se postularon para as primarias previstas para novembro de 2014 para elixir o candidato do partido ás xerais de 2015 e comezou a percorrer as agrupacións socialistas de toda España.
O proceso acelerouse tras os malos resultados do PSOE nas eleccións europeas de 2014. Días despois, o secretario xeral do partido, Alfredo Pérez Rubalcaba, anunciaba a súa dimisión e poucos días despois anunciábase que o novo secretario xeral sería elixido mediante votación directa entre os militantes. O 12 de xuño, Pedro Sánchez anunciaba a súa candidatura. O 28 de xuño, Sánchez foi proclamado candidato polo PSOE, ao ter obtido máis de 40.000 avais. Foi o candidato que máis avais conseguiu e enfrontouse a Eduardo Madina e José Antonio Pérez Tapias. Durante a campaña, o diario El Confidencial acusoulle de borrar da súa biografía oficial o feito de ter sido membro da Asemblea Xeral de Caja Madrid durante a etapa na que Miguel Blesa estivo ao cargo da entidade.
Nas eleccións celebradas o 13 de xullo, obtivo un 49% dos votos, fronte a un 36% de Madina e un 15% de Pérez Tapias, proclamándose gañador. Converteuse oficialmente no sucesor de Alfredo Pérez Rubalcaba no Partido unha vez que o Congreso Extraordinario do PSOE dos días 26 e 27 de xullo de 2014 ratificou os resultados e ocupou por primeira vez o posto non oficial de líder da oposición na sesión do 10 de setembro de 2014 do Congreso dos Deputados.
Secretario xeral do PSOE
editarTras a súa designación, Pedro Sánchez afronta o reto de recuperar a unidade do partido e a confianza dos antigos votantes do PSOE, un 25% dos cales se decanta por un novo partido,[Cómpre referencia] Podemos, liderado por Pablo Iglesias Turrión.
Dende entón participou en numerosos programas televisivos tales como Sálvame, El Hormiguero, El programa de Ana Rosa, Viajando con Chester, Un tiempo nuevo, La Sexta Noche, Salvados ou Planeta Calleja.
Avogou pola reforma da Constitución, propoñendo un modelo federal para España, así como volver cambiar o seu artigo 135. A Podemos acusouno en numerosas ocasións de populista, para na actualidade criticar o seu "oportunismo ideolóxico".
O día 21 de xuño de 2015 proclámase oficialmente candidato á presidencia do Goberno de España. Incorporou ás súas listas a independentes como a militar Zaida Cantera ou a ex-membro de UPyD Irene Lozano. Para o seu programa económico, recuperou a Jordi Sevilla.
Tras as eleccións xerais celebradas o 20 de decembro de 2015, nas que o PSOE foi segunda forza política en número de deputados, con 90 escanos, Sánchez foi proposto por Filipe VI como candidato a ser investido presidente do Goberno o 2 de febreiro de 2016. O 24 de febreiro o PSOE alcanzou un acordo con Ciudadanos, que obtivera 40 deputados nas eleccións, para investir a Sánchez. A investidura foi rexeitada definitivamente no Congreso en segunda votación o 4 de marzo, con 131 votos a favor (PSOE, Ciudadanos e Coalición Canaria) e 219 votos en contra (o resto de deputados). Tratouse da primeira vez no actual período democrático que o candidato á presidencia do Goberno fracasaba e non lograba a confianza do Congreso na segunda votación de investidura.
Foi tamén candidato á Presidencia do Goberno nas eleccións do 26 de xuño de 2016. A candidatura do PSOE obtivo o seu mínimo histórico dende a restauración da democracia, con 85 deputados (84 do PSOE e un de Nueva Canarias). Tras o pacto do Partido Popular con Ciudadanos para a investidura de Mariano Rajoy, repetiu reiteradas veces que votaría «non» e non se abstería para permitir un goberno do PP. Tras a investidura errada de Rajoy, pediu ás «forzas do cambio» (Podemos e Ciudadanos) que permitisen un goberno alternativo ao PP.
Crise do PSOE e defenestración
editarO 28 de setembro de 2016, Antonio Pradas, secretario de Política Federal do PSOE, presentou na sede do partido a dimisión en bloque de 17 membros da Executiva Federal, para forzar a súa disolución, ao quedar reducida a 18 membros (38 na súa orixe) e lograr con iso a dimisión de Pedro Sánchez. Na tarde do 1 de outubro, tras rexeitar o Comité Federal a súa proposta de convocatoria dun Congreso Federal, Pedro Sánchez presentou finalmente a súa dimisión como secretario xeral do PSOE dando así paso á formación da xestora que reclamaban os seus críticos.
O 29 de outubro de 2016, Pedro Sánchez entregou a súa acta de deputado, deixando vacante o seu escano horas antes á votación de investidura de Mariano Rajoy. A noticia foi comunicada por el mesmo, minutos despois de entregar o acta.
Tras a perda de poder orgánico no partido, Sánchez efectuou unha xira a bordo do seu Peugeot 407 visitando militantes de base en diferentes puntos de España. En xaneiro de 2017 Pedro Sánchez anunciou a súa candidatura á secretaría xeral do PSOE para as primarias previstas para o mes de maio.
Volta á secretaría xeral
editarO 21 de maio de 2017 foi reelixido como secretario xeral do PSOE nunhas eleccións primarias fronte ás candidaturas respectivas de Susana Díaz e Patxi López obtendo máis do 50% dos votos dos militantes. Sánchez foi proclamado secretario xeral durante a celebración do 39º Congreso do partido o 18 de xuño de 2017.
O PSOE decidiu apoiar ao Goberno na aplicación do artigo 155 da Constitución Española en Cataluña tras unha proclamación unilateral de independencia.
Moción de censura
editarA finais de maio de 2018 produciuse o fallo da Audiencia Nacional da primeira macrocausa do Caso Gürtel no que, á parte da sentenza de 351 anos acumulados de prisión para 29 dos acusados, sinalouse ao Partido Popular como partícipe a título lucrativo da trama, apuntándose ademais a falta de credibilidade do testemuño como testemuñas de varios políticos do PP, incluído o do presidente do Goberno, Mariano Rajoy.
Tras a difusión da sentenza, o PSOE rexistrou o 25 de maio en sede parlamentaria unha moción de censura contra Rajoy presentando a Sánchez como candidato á presidencia do Goberno. A presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, programou a súa celebración para os días 31 de maio e 1 de xuño. O 1 de xuño tivo lugar a votación, que saíu adiante con 180 votos a favor, 169 en contra e 1 abstención.
Presidente do Goberno
editarFilipe VI dispuxo o nomeamento de Sánchez como presidente do Goberno por real decreto do 1 de xuño. Sánchez prometeu o seu cargo ante o monarca ao día seguinte no Palacio da Zarzuela, fronte a un exemplar da Constitución. Optou por facelo sen símbolos relixiosos despois de que a Casa do Rei acordase en xullo de 2014 dar a opción aos altos cargos de xurar ou prometer con ou sen a Biblia e a cruz, sendo o primeiro presidente de Goberno do actual período democrático en optar por iso. Os 17 integrantes do seu novo consello de ministros tomaron posesión o día 7 de xuño, destacando a elevada proporción de mulleres ministras fronte aos homes (11 contra 6). Isto converte a España no Estado coa maior proporción de mulleres á fronte dese cargo do mundo, por enriba de Islandia ou Suecia[2]. Sánchez nomeou como director do Gabinete da Presidencia do Goberno (xefe do seu gabinete) a Iván Redondo.
Os primeiros meses do seu mandato caracterizáronse por unha abundancia de xestos, como a acollida do barco Aquarius[3] ou o comezo dos trámites para a exhumación do ditador Francisco Franco.[4] Ao mesmo tempo, a situación viuse favorecida debido á pouca actividade dos outros partidos políticos (Proceso de primarias no Partido Popular e a inactividade de Pablo Iglesias e Irene Montero polo nacemento prematuro dos seus primoxénitos[5][6]).
Cargos desempeñados
editar- Conselleiro xeral designado da Asemblea Xeral de Caja Madrid (2004-2009).
- Concelleiro do Concello de Madrid (2004-2009).
- Conselleiro da Empresa Municipal de Promoción de Madrid (2007-2008).
- Conselleiro da Empresa Municipal da Vivenda e Chan de Madrid (2008-2009).
- Deputado por Madrid no Congreso dos Deputados (2009-2011).
- Deputado por Madrid no Congreso dos Deputados (2013-2016).
- Secretario xeral do PSOE (2014-2016).
- Presidente do Grupo Socialista no Congreso dos Deputados (2014-2016).
- Presidente do Goberno de España (2018-presente).
Vida persoal
editarCasou en 2006 con María Begoña Gómez Fernández, coa que ten dúas fillas, Ainhoa e Carlota. A voda oficiouna a súa compañeira de partido e entón concelleira do Concello de Madrid, Trinidad Jiménez.
Notas
editar- ↑ "Pedro Sánchez deja el escaño y lanza su candidatura a la secretaría general". El País. Consultado o 30 de outubro de 2016.
- ↑ "España se convierte en el país con más ministras del mundo, por encima de Suecia o Islandia". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2018-09-07.
- ↑ "España acogerá el barco 'Aquarius' en el puerto de Valencia por razones humanitarias". laSexta.com (en castelán). Consultado o 2018-09-07.
- ↑ Cué, Carlos E. (2018-08-21). "Sánchez blindará por ley la exhumación de Franco para evitar un litigio judicial". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2018-09-07.
- ↑ Galiciae. "Pablo Iglesias volve á area política o luns cunha entrevista e unha reunión". Galiciae (en inglés). Consultado o 2018-09-07.
- ↑ "Pablo Iglesias e Irene Montero agradecen o coidado recibido polos seus fillos na sanidade pública | CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2018-09-07.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pedro Sánchez |
Ligazóns externas
editarPredecesor: Mariano Rajoy |
Presidente do Goberno de España dende 2018 |
Sucesor: No cargo |
Predecesor: Alfredo Pérez Rubalcaba |
Secretario xeral do PSOE 2014 - 2016 |
Sucesor: Comisión Xestora Javier Fernández Fernández |
Predecesor: Comisión Xestora Javier Fernández Fernández |
Secretario xeral do PSOE Dende 2016 |
Sucesor: No cargo |