Accidente da ponte nova de Pedre

accidente de autobús en Galicia

Coordenadas: 42°31′55″N 8°25′36″O / 42.53181482546, -8.426639985088

O accidente da ponte nova de Pedre foi un accidente de autobús que se produciu entre os lugares de Vichocuntín e Pedre, no concello de Cerdedo-Cotobade, na Noiteboa de 2022. Nel pereceron sete persoas e dúas quedaron feridas.

Vehículo e accidente editar

Pouco despois das 9 da noite do 24 de decembro de 2022, un autobús regular da empresa Monbus que facía o percorrido entre Lugo e Vigo pola N-541[1], botouse fóra da estrada logo de pasar o lugar de Vichocuntín. O vehículo caeu ao río Lérez desde unha altura de 75 metros[1], na ponte nova de Pedre. Era unha noite de moita choiva, con precipitacións de entre 80 e 120 litros por metro cadrado nesa zona[2], e o río Lérez baixaba cun caudal moi elevado.

Os servizos de emerxencia recibiron dúas chamadas[1]: unha dunha persoa que pasara por alí, que vira a varanda da ponte rebentada pero que non atinaba a ver nada do que había abaixo, no río; outra, dunha persoa no interior do vehículo, que enviou a posición, deu unha cantidade aproximada das persoas que ía dentro, e dixo que a cabina se estaba a encher de auga.

Persoas editar

No autobús viaxaban probablemente nove persoas: o condutor e oito pasaxeiros[1]. O condutor e unha pasaxeira (C.M.C. e M.R.G.R., respectivamente[3]) foron rescatados con vida nas primeiras horas e trasladadas ao hospital. Na mesma noite atopáronse dous cadáveres dentro do autobús. Á mañá seguinte, no día de Nadal, atopáronse catro persoas finadas máis, unha dentro do bus e outras tres en distintos puntos polo Lérez[3] abaixo, mentres que unha persoa máis quedaba desaparecida.

Unha das falecidas era a veciña de Carmoega (Agolada), Mercedes Castro, que ía cear coa filla e os netos a Pontevedra[4].

Varios dos pasaxeiros viñan do cárcere de Monterroso de visitaren familiares pola Noiteboa[1]. Outra pasaxeira era unha muller de nacionalidade peruana que subira uns minutos antes do accidente, en Cerdedo[1]. Noutras fontes dise que había varios pasaxeiros de Lalín e de Nigrán[5].

Operacións de rescate editar

No rescate participaron distintas brigadas de bombeiros, entre elas os bombeiros de Ribadumia e a protección civil de Cerdedo-Cotobade[1], así como o grupo de actividades subacuáticas da Garda Civil[6] e o grupo de rescate de montaña de Trives. A operación resultou complicada polo difícil acceso ao vehículo, por ser de noite e polo temporal que nesas horas afectaba a Galicia. Logo de rescataren os dous sobreviventes e os corpos dos tres falecidos que estaban no interior do bus, as operacións quedaron suspendidas por mor do mal tempo e o caudal do río.

Notas editar