Óscar Ferro

futbolista uruguaio

Óscar Julio Ferro Gándara, nado en Montevideo o 2 de marzo de 1967, é un exfutbolista uruguaio. Xogaba de porteiro e desenvolveu gran parte da súa carreira deportiva en Peñarol, co que gañou 6 campionatos na Primeira División do Uruguai e a Copa Libertadores de 1987. Foi internacional coa selección uruguaia e conquistou a Copa América de 1995.

Óscar Ferro
Información persoal
Nome Óscar Julio Ferro Gándara
Nacemento 2 de marzo de 1967
Lugar de nacemento Montevideo
Altura 1,84 m.
Posición Porteiro
Carreira xuvenil
Peñarol
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1984–1995 Peñarol
1995–1998 Ferro Carril Oeste 72 (0)
1998–1999 Sporting Cristal 55 (0)
2000 Compostela 2 (0)
2000 Atlético Tucumán 29 (0)
2001 Defensor 3 (0)
2001 Guaraní
2002–2003 Peñarol
Selección nacional
1988–1995 Uruguai 9 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Naceu en Montevideo nunha familia de orixe galega, polo que foi alcumado polos afeccionados como "El gallego Ferro".[1] Formouse nas categorías inferiores de Peñarol e debutou co primeiro equipo en 1984. Foi suplente de Eduardo Pereira nos primeiros anos, facéndose coa titularidade trala marcha deste. Militou unha década no equipo negro e amarelo, co que conquistou seis campionatos uruguaios e a Copa Libertadores de 1987.

En 1995 fichou polo Ferro Carril Oeste, da Primeira División da Arxentina, onde xogou ata 1998, cando pasou ao Sporting Cristal do Perú.

En xaneiro do ano 2000 chegou a terras galegas para asinar coa SD Compostela, na Segunda División. Aínda que fixo un gran debut contra o Recreativo de Huelva na mesma semana da súa chegada,[2] finalmente disputou só un total de tres partidos durante a tempada, sendo Ponk e Rafa Gómez os gardametas máis utilizados nas aliñacións de David Vidal e dos seus sucesores no banco, Pichi Lucas e Carlos Ballesta.

Deixou o equipo compostelán trala penúltima xornada de liga e volveu á Arxentina, onde fichou polo Atlético Tucumán, da Primera B, segunda categoría do fútbol arxentino. A continuación pasou polo Defensor uruguaio e o Guaraní paraguaio, antes de pechar a súa carreira no mesmo club no que a comezara, o Peñarol.

Trala súa retirada continuou traballando en Peñarol, como adestrador de porteiros.[3]

Selección nacional editar

Foi nove veces internacional coa selección uruguaia, coa que debutou o 9 de novembro de 1988, nun partido amigable contra Chile no Estadio Centenario. Formou parte do equipo que conquistou a Copa América de 1995, aínda que non disputou ningún minuto, sendo o gardameta titular Fernando Álvez.[4]

Notas editar

  1. "Firmó hasta final de temporada con una opción del club por dos más". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 13 de xaneiro de 2000. p. 52. 
  2. "El portero podría dejar el club antes de junio". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 5 de maio de 2000. p. 55. 
  3. "Óscar Ferro" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2018. Consultado o 18 de outubro de 2021.  Arquivado 13 de maio de 2018 en Wayback Machine.
  4. "Copa América de 1995". rsssf.com (en inglés). Consultado o 18 de outubro de 2021. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar