Ética demostrada segundo a orde xeométrica

obra de filosofía de Baruch Spinoza

Ética demostrada segundo a orde xeométrica (en latín Ethica ordine geometrico demonstrata ou Ethica more geometrico demonstrata) é considerada a principal obra do filósofo neerlandés Baruch Spinoza. Foi publicada postumamente en 1677, ano da morte do autor.[1]

Ética demostrada segundo a orde xeométrica
Índice da edición antiga coa divisón en cinco partes.
Título orixinalEthica ordine geometrico demonstrata
Autor/aBaruch Spinoza
OrixePaíses Baixos
LinguaLatín
Tema(s)Filosofía
Xénero(s)discourse
Data de pub.1677
editar datos en Wikidata ]

A Ética está organizada segundo un método axiomático-dedutivo inspirado na xeometría euclidiana co obxectivo de garantir a certeza dos resultados. O carácter pronunciadamente sistemático amosa o propósito de tratar todos os campos de investigación da filosofía dividíndose en cinco partes (sobre Deus, a mente, as paixóns, a escravización do ser humano en relación a estas e a posibilidade da súa liberación delas) que corresponden a un percorrido que, partindo das cuestións máis fundamentais da metafísica e pasando pola teoría do coñecemento, chega á ética coa fin de formular unha teoría da ledicia humana.

Dende a súa publicación inicial, a Ética de Spinoza influíu o pensamento e a obra de abondosos filósofos posteriores ata o presente. Inicialmente, porén, Spinoza sufriu acusacións de ser ateo e outros criticismos, principalmente polas súas indagacións sobre a natureza de Deus. No entanto, a Ética e as ideas de Spinoza en xeral tiveron un papel importante na filosofía subseguinte, inspirando Hegel, Johann Fichte, Friedrich Schelling, os empiristas John Locke e David Hume, e pensadores dos séculos XIX e XX como Ernst Mach, William James, Bertrand Russell, entre outros.[2]

Foi traducida ao galego por Luis Rodríguez Camarero, José Carracedo Fraga e Manuel Enrique Vázquez Buján e publicada pola Universidade de Santiago de Compostela en 2015.[3]

Organización da obra editar

  • Parte I: De Deus. O autor demostra que existe só unha substancia infinita que se manifesta en infinitos atributos que, no seu conxunto, son a propia substancia; só dous deles, extensión e pensamento, son perceptibles ao ser humano. Estes dous atributos «prémense en "modos" ("afeccións" da substancia), distintos en número infinito, en tanto prolongamento da infinidade dos atributos, e finitos, ou sexa, articulados nas cousas particulares». Os modos, materiais e ideas son dominados por un determinismo do que non se subtrae o propio Deus, identificado coa natureza do seu todo.
  • Parte II: Da natureza e orixe da alma. Describe o paralelismo entre o corpo e a mente do ser humano que dá orixe ao noso coñecemento sensible e amosa como, alén deste, é posible acceder ao coñecemento adecuado, isto é, claro e distinto, e certamente verdadeiro.
  • Parte III: Da orixe e natureza dos afectos. Amosa como a gama completa de emocións humanas depende dun impulso fundamental para a autopreservación, ao instinto de supervivencia a partir do cal, correspondendo a un aumento da propia forza, deriva a ledicia e, correspondendo a unha diminución, a tristura.
  • Parte IV: Da servidume humana ou da forza dos afectos. Analiza como as ideas inadecuadas do ser humano determinan a súa pasividade relativamente ás causas externas das cales remata por ser un escravo, como a capacidade da razón para motivar o ser humano a combater as paixóns e a convivir pacificamente cos demais.
  • Parte V: Do poder do entendemento ou da liberdade humana. Demostra que a mente humana, na medida en que abrangue a concepción de ideas que non dependen do tempo, é eterna e, como tal, é unha parte da infinidade eterna do intelecto de Deus. A mente humana atopa así, nesta comuñón intelectual con Deus, neste mutuo amor intelectual, a súa máxima ledicia/beatitude.

Xénese da obra editar

A versión preliminar da primeira parte da Ética (segundo a cal na intención do autor na época debería consistir nun total de tres partes) foi completada por Spinoza en 1662. El realizara, entre 1656 e mais 1657, a elaboración do Tractatus de intellectus emendatione (Tratado da emenda do intelecto), que, porén, a deixou incompleta; por outra banda, probablemente entre 1660 e 1661, tiña escrito Korte Verhandeling van Deus, de Mensch en deszelvs Welstand (Breve tratado sobre Deus, o ser humano a mais o ben del), destinado a ficar inédito ata a morte do seu autor. O Tractatus de intellectus emendatione era un texto de raciocinio cartesiano, no que Spinoza argumentaba, de xeito semellante ao Discurso do método de Descartes, o fracaso de todas as tentativas anteriores de chegar a unha fundación e unha comprensión completa do concepto de ben e, axiña, na tentativa de tornar este ben accesible ao ser humano (mesmo nun senso práctico), formulaba as teorías sobre o coñecemento e mais a verdade que constituíron a base dos seus escritos posteriores.

O Korte Verhandeling van Deus, de Mensch en deszelvs Welstand era unha obra de maior folgo, na cal o autor expuña pola primeira vez un sistema filosófico completo, de aí a Ética, cuxa composición foi verosimilmente iniciada logo da conclusión do Korte Verhandeling, representar fundamentalmente unha reelaboración diferente polo método de exposición, máis semellante no que di respecto á meirande parte do contido.

Despois da publicación en 1663 de Principia philosophiae cartesianae (Principios da filosofía cartesiana), caracterizada pola exposición more geometrico (xeométrica) que sería tamén típica da magnus opus de Spinoza, o filósofo fixo circular entre algúns amigos un novo proxecto da Ética, inda provisorio, aínda que el mesmo consideraba a obra case completa; nesta fase a obra titulábase Philosophia.

Mentres, el escribiu tamén o Tractatus theologico-politicus (Tratado teolóxico-político), que sería publicado anonimamente en 1670. Spinoza sustentaba a importancia da liberdade de pensamento e de expresión, a fin de volver posible a calquera a busca do ben máis elevado e, por consecuencia, opúñase á interferencia do poder relixioso na esfera política e a todas as formas de intolerancia que puidesen resultar desta ou doutras causas.

Spinoza volveu traballar na Ética en 1670, reelaborando considerablemente o texto que cinco anos antes considerara practicamente definitivo e completouno en 1675. O obxectivo da obra era o mesmo cós dos seus textos anteriores, ou sexa, o de achegar unha doutrina metafísica, epistemolóxica, psicolóxica, ética e teolóxica capaz de permitir ao ser humano abranguer o verdadeiro ben. No entanto, temendo reaccións semellantes ás que xa provocara anteriormente, a divulgación dalgunhas das súas ideas e, especialmente, tendo en conta as abondosas condenas que sufriu por Tractatus theologico-politicus, el non quixo publicala. Foi só despois da súa morte en 1677 que o texto se publicou en dúas edicións por conta do seu círculo de amigos (Jan Rieuwertsz, Jarig Jellesz, Lodewijk Meyer, Johannes Bouwmeester, Georg Hermann Schuller, Pieter Van Gent e Jan Hendrik Glazemaker) en latín na colección titulada Opera posthuma (Obra póstuma), e nunha tradución neerlandesa de Glazemaker, Nagelate Schriften. Ambas as edicións saíron en 1677.

Inda que a Ética de Spinoza é unha obra orixinal e radical, o seu autor estivo influído por varios pensadores. O seu coñecemento profundo dos problemas filosóficos e do xeito en que foron tratados no pasado, mesmo recentemente, emerxe do contido da propia Ética. Entre os marcos de referencia de Spinoza atópanse filósofos antigos coma Platón, Aristóteles e os estoicos; os pensadores xudeus da Idade Media coma Maimónides; os filósofos da escena europea dos séculos XVI e XVII coma Francis Bacon, Thomas Hobbes e, especialmente, Descartes. Sobre este último, en particular, Spinoza é nalgúns aspectos moi próximo, inda que en moitos outros aspectos importantes se afaste claramente, criticando Descartes moitas veces dun xeito máis ou menos directo.

O método xeométrico editar

A obra é profundamente sistemática, proponse tratar todos os campos da filosofía dividíndoa en cinco partes (sobre Deus, a mente, as paixóns, a escravización do ser humano en relación a estas e a posibilidade da súa liberación delas) que corresponden a un percorrido que, partindo das cuestións máis fundamentais da metafísica e pasando pola teoría do coñecemento, chega á ética coa fin de formular unha teoría da ledicia humana.

A exposición do contido da Ética, tal como especifica o título, está organizada segundo un método «xeométrico» baseado no modelo axiomático-dedutivo da xeometría euclidiana. Spinoza encomeza por enunciar axiomas e mais definicións para asentar unha base sobre a cal demostra as proposicións cos seus eventuais corolarios. Este método, que pretende garantir demostrativamente a certeza dos resultados, é considerado por algúns comentaristas como un reflexo significativo daquela que para Spinoza é a estrutura da propia substancia de referencia de todo o que é no mundo, unha vez que a causalidade da dinámica do universo corpóreo é traducida nunha serie de correspondentes nezos de implicación lóxica; outros, sen necesariamente contestar esta tese, sustentaron que mesmo así a forma da Ética podería ser a dun texto filosófico normal en prosa. De calquera xeito, foi subliñado que, en primeiro lugar, moitas veces Spinoza subentende, como presupostos, teses que aínda non enunciou e que só posteriormente serán demostradas; e que, en segundo lugar, algúns dos que o autor considera como axiomas implican tomas de posición filosoficamente contestables e mesmo así están lonxe de seren evidentes en si mesmos, xustificándose en vez diso, pouco a pouco, en virtude das consecuencias obtidas a partir deles.

Contido editar

Libro I editar

Este libro, que se inicia cunha primeira parte que trata “de Deus”, non cesou de ser considerado como o breviario do ateísmo. Esta atribución apenas pode ser considerada como unha traizón. Pois non se ve que metafísica, que teoloxía podería recoñecer ao seu Deus na pura inmanencia da substancia na natureza, nesta “ ontoloxía naturalista e monista”, en termos de Robert Misrahi. Esta filosofía desterra todas as representacións antropomórficas da divindade: Deus non é unha providencia organizadora, nin un pai amante, nin un monarca severo, nin un xuíz xusticeiro. O apéndice ao libro I desmonta os mecanismos destas ficcións, cuxos intereses ideolóxicos e mesmo políticos son analizados.

Ao mesmo tempo que toda concepción tradicional da divindade, e baixo a mesma acusación de antropomorfismo, Spinoza tamén desterra a finalidade. É sinxelo comprender por que Spinoza foi excluído de toda comunidade relixiosa e perseguido polas igrexas do seu tempo.

Libro II editar

O libro II desenvolve a teoría do coñecemento, que guiou o bosquexo do Tratado da reforma do entendemento, como tamén unha teoría sobre as relacións entre a alma e o corpo. Este problema nutriu ás grandes doutrinas metafísicas post-cartesianas da segunda metade de século. Segundo Spinoza, “a orde e a conexión das cousas”; aquí está o principio dunha intelixibilidade universal do ser. A alma é polo tanto “a idea do corpo”. A teoría spinozista do coñecemento distínguese pola súa negativa a hipostasiar as facultades (entendemento, vontade), como fai o cartesianismo, e convertelas en axentes activos nas operacións do coñecemento. Entendemento e vontade son seres de razón; o único que existe son as ideas e as volicións.

Libro III editar

O libro III constrúe o pedestal do que propiamente pode chamarse a ética spinozista. Ao orientar a análise da alma humana baixo a perspectiva dunha antropoloxía positiva, concibida de modo estritamente determinista, a teoría do desexo de Spinoza arruína todo moralismo. A súa teoría dos afectos apóiase, como a ontoloxía, nun rexeitamento de toda transcendencia.

Libros IV e V editar

Os libros IV e V examinan pola súas causas esta servidume ou esta sabedoría humanas. Non se trata xamais para Spinoza de prescribir, louvar ou castigar, senón de comprender os mecanismos do desexo e da súa flutuación (o xogo dos afectos ou paixóns). A imaxinación é aquí obxecto dunha crítica severa. O meu desexo é sempre susceptible de ser determinado por fins exteriores, e de ser dirixido por afectos que comporten unha diminución da miña potencia de obrar e me leven tanto a tristeza.

Influencia posterior editar

A Ética é un deses libros cuxa influencia é imposible medir, tan enorme foi o seu alcance. A priori, podemos interpretar a acollida que mereceron a súas teses como un desmentido ao seu valor. Porque lonxe de inducir aos seus contemporáneos a unha actitude de benvida e tolerancia, Spinoza desencadeou contra el e o seu sistema un furacán de paixóns cargadas de odio que a súa morte non logrou apagar, e nin sequera atenuar. Excomungado durante a súa vida, mentres a Ética circulaba disimulada baixo a capa, Spinoza tamén o seguiu estando despois da súa morte.

Notas editar

  1. Spinoza, Baruch (2013). Etica dimostrata secondo l'ordine geometrico. Bompiani. ISBN 978-88-452-5898-5. 
  2. Scribano, Emanuela (2008). Guida alla lettura dell'"Etica" di Spinoza. Laterza. ISBN 978-88-420-8732-8. 
  3. Ficha Arquivado 16 de outubro de 2015 en Wayback Machine. na web da USC.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar