Desexo (filosofía)
O desexo é unha tendencia cara a un fin considerado como fonte de satisfacción. Ás veces trátase dunha tendencia consciente de si mesma acompañada da representación do obxectivo que persegue. Outras veces é inconsciente e reprimida. En canto elemento apetitivo, o desexo refire o afecto equivalente á necesidade fisiolóxica ou psicolóxica que o acompaña.
En xeral, o desexo é visto como carencia de algo e, polo tanto, é característico de seres imperfectos. Se non nos faltase nada seriamos deuses. Implica, en consecuencia, sufrimento debido á falta da persoa ou obxecto de desexo pero, como contrapartida, vai acompañado da tendencia da vontade que nos mobiliza para tentar acadar o obxecto de desexo. O desexo supón a consciencia dunha falta que deixa entrever as nosas limitacións e as nosas necesidades.
Os moralistas destacan o carácter doloroso do desexo en canto que é ilimitado e sempre procura novos obxectos que conseguir. Nese sentido a felicidade equivalería a ausencia total de desexos. Esta consideración negativa do desexo implicaría o deber moral de reducilos na media do posible. Non obstante, desde a Antigüidade, aparece a posición contraria, tendente a interpretar o desexo como forza esencial da vida. A moral, desde este punto de vista, debería recoñecer o seu valor e non debería tentar aplacar os desexos humanos.
Aínda que, tradicionalmente, os filósofos pensaron o ben como o obxecto do desexo, hoxe en día esta visión do desexo é cuestionada.