Abrir o menú principal

Xoán Fernández de Andeiro, nado na Coruña arredor de 1320 e finado en Lisboa o 6 de decembro de 1383, foi un nobre galego que marchou ao Reino de Portugal coa intención de vingar o asasinato de Pedro I o Cruel por Henrique II de Castela.[1] Tivo un papel destacado nos acontecementos políticos portugueses do último cuarto do século XIV e foi coñecido como Conde (de) Andeiro.[2]

Xoán Fernández de Andeiro
Nacemento1320
 Galicia
Falecemento6 de decembro de 1383
 Lisboa
Causaasasinato
NacionalidadeCoroa de Castela e Reino de Portugal
Ocupaciónpolítico, leader e Soldado
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

OrixeEditar

Posiblemente foi fillo de Fernando Rodríguez de Andeiro, a quen Fernando I doou o 17 de outubro de 1374 todas as propiedades de pan e viño que, tiña na freguesía de Moita, Pedro da Capela, notario de Atouguia .

 
Morte do Conde Andeiro, Museo Nacional de Soares dos Reis, Porto

Marcha a PortugalEditar

Cando Don Henrique, matou ao seu irmán, Pedro I de Castela, na Batalla de Montiel o 14 de marzo de 1369, e o sucedeu no trono como Henrique II, o crime afectou a numerosos nobres casteláns que non encontraron a ninguén ao seu arredor que os axudara, agás Fernando I de Portugal. Moitos refuxiáronse no Reino de Portugal e falaron á ambición do monarca, mostrándolle o fácil que sería conquistar a Coroa de Castela e dicíndolle que ninguén como el tiña tanto dereito a cinguila porque, por súa avoa Beatriz de Castela, era bisneto de Sancho IV de Castela, e pola súa nai Constanza Manuel, bisneto de Fernando III de Castela. Engadiron que moitas cidades e numerosos nobres tomarían partido por el, o que realmente pasou. Con alianzas, Fernando foi a Galicia, para recibir a lealdade das cidades e vilas que tomaron partido por el; e cando estaba de camiño cara a A Coruña, Xoán Fernández Andeiro saíu a recibilo. Porén, cando o rei Henrique II foi ao seu encontro, o rei portugués meteuse a bordo dunha das galeras, deixou inmediatamente A Coruña e foi para Porto. A guerra, desastrosa para Fernando I, terminou o 31 de marzo de 1371 co Tratado de Alcoutim, para reavivarse máis tarde, por mor dunha circunstancia que lle pintaron como favorable.[2] Como recompensa pola súa fidelidade, o 31 de xullo de 1369 Xoán Fernández de Andeiro recibiu os dereitos reais da freguesía de Charneca, no termo de Lisboa. En 1371 marchou a Inglaterra, onde foi o embaixador do rei Fernando I[1] e convértese nun home de confianza de Xoán de Gante, primeiro duque de Lancaster.

Primeira Embaixada en InglaterraEditar

Xoán de Gante era un dos fillos de Eduardo III de Inglaterra, e casara en segundas nupcias con Constanza, filla de Pedro I de Castela, e entendía, por iso, ter dereito á coroa que Henrique II cinguia. En 1369, cando Pedro I fóra asasinado en Montiel, o duque de Lancaster non puidera facer valer as súas pretensións porque, estando xa en perigo de morte o seu irmán máis vello, Eduardo "o Príncipe Negro", confiáralle seu pai, Eduardo III, o mando das tropas inglesas na guerra contra Francia. Máis tarde, liberado desa campaña, o duque decidiu ir á Península a conquistar o trono. Parece que os fidalgos casteláns que estaban na Corte inglesa lle aconsellaron unha alianza co rei de Portugal. Entre eles estaba Xoán Fernández de Andeiro, a quen o duque mandou a Lisboa para tratar con Fernando I esta alianza en xullo de 1372, en compañía doutro embaixador do duque, o escudeiro Roger Hoor, celebrándose a reunión preto de Braga. Esta reunión deu lugar ao Tratado de Tagilde. Decidiuse o portugués a unha segunda campaña, que fracasou e rematou co Tratado de Santarém o 19 de marzo de 1373.[3]

Este tratado, que botou fóra de Portugal un gran número de "petristas", fixo que Xoán Fernández de Andeiro regresase á Corte do vello Eduardo III. O cabaleiro galego era moi ben visto na Corte inglesa, principalmente polos fillos do rei, o duque de Clarence, o duque de Lancaster, o duque de Iorque e o duque de Gloucester. A través del continuaron as negociacións entre Fernando I e o Duque de Lancaster. En 1377, pouco despois de morrer o Príncipe Negro tras unha longa enfermidade, Eduardo III faleceu. Sucedeuno o seu neto, Ricardo II de Inglaterra, o fillo do Príncipe Negro, moi novo aínda, polo que a rexencia foi exercida polos tíos.[3]

Relación coa RaíñaEditar

Podendo dispoñer entón máis a gusto dos recursos de Inglaterra, pensou o Duque de Lancaster en renovar as súas negociacións co soberano portugués. Así, Xoán Fernández de Andeiro foi en segredo a Portugal, en 1380, a fin de negociar as cláusulas do novo Tratado de Alianza que estaba a ser negociado desde 1373. Recibiuno Fernando I en Estremoz tan ocultamente que só o Rei e Leonor Teles sabían da estancia do fidalgo galego en terras portuguesas. Aí comezou, segundo Fernão Lopes, un amorío entre o conde e a raíña. O cronista portugués escribiu: "tívoo oculto nunha cámara dunha gran torre que hai no castelo daquel lugar, onde o rei adoitaba ter coa raíña a sesta, para cando alí fose de día poder con el máis encubertamente falar todo o que lle aproveitase; e, despois de que se todos ían, viña Xoán Fernández doutra casa que hai na torre, e falaba con el, presente a raíña, calquera cousa que lle cumpría; e algunhas veces saía o rei despois de que durmía, e ficaba a raíña soa, e falaban do que lle era máis apetecible, sabéndoo porén o rei, e non habendo ningunha sospeita, como home de corazón san e por tales falas e estadías a miúdo, tivo Xoán Fernández con ela tal afección, que algúns que diso parte sabían coidaban deles non boa sospeita, e cada un se calaba no que presumía, vendo que de tales persoas e en tal cousa non cumpría a ningún falar; e foi esta afección de ambos tan grande, que todo o que despois seguiu, e que adiante ouviredes, aquí tivo o seu primeiro principio".[3]

Segunda Embaixada en InglaterraEditar

Terminado o negocio diplomático de que o ocupara, Xoán Fernández partiu escondido para Leiria e, logo que alí chegou, segundo a negociación que fixera co rei, presentouse abertamente. Comunicáronlle logo o caso a Fernando I, que aparentou gran indignación e o mandou prender e embarcarse a bordo dun barco que partía para Inglaterra, con orde de non por pé máis en Portugal. Estes feitos foran pactados previamente entre os dous e preparados para que Andeiro puidese dar a coñecer ao duque de Lancaster a resposta de Fernando I.[3]

En 1381 desembarcaron en Portugal tropas inglesas comandadas polo primeiro duque de Iorque Edmundo de Langley, casado con Isabel, filla de Pedro I de Castela, e Andeiro acompañounas. Chegou logo o amor entre Leonor Teles e Xoán Fernández Andeiro. Fernando I, na súa cegueira, e nada sabendo rexeitar á Raíña, encheu de honores ao fidalgo galego, e deulle terras e riquezas, con gran indignación dos fidalgos portugueses, facéndoo en Portugal primeiro Señor do Rabaçal, de Alvaiázere e de Figueiredo de Sequins o 3 de outubro de 1381 e fíxoo en 1382 segundo conde de Ourém.[1] Ignórase a data da concesión do título, nin consta na Chancelaría de Fernando I, pero pódese afirmar que a tivo pola clara referencia feita ao feito na Carta de Doazón do Condado ao segundo Condestábel do Reino, Nuno Álvares Pereira, o 1 de xullo de 1384, e por figurar como tal no contrato de matrimonio da Infanta Beatriz, herdeira de Portugal, co rei Xoán I de Castela, polo Tratado de Salvaterra de Magos do 2 de abril de 1383.[4]

AsasinatoEditar

Como Leonor temía as consecuencias do escándalo que estaba dando, aconsellou ao conde que mandase chamar de Galicia á súa esposa, Mayor Fernández de Moscoso, e, cando chegou, encheuna de distincións coas que ela quedou moi agradecida. Pero mantiveron o romance cando o rei portugués xa estaba moi enfermo e comezaba a aparecer o grave problema de sucesión (crise de 1383-1385), na que a raíña apoiou ao lado castelán e á súa filla, Beatriz. Logo da morte de Fernando I, Leonor, que quedou como rexente, perdeu todo o decoro e as súas accións fixéronse máis escandalosas. Os seus amores coa raíña e a súa conexión co Partido Castelán explican o seu asasinato en 1383 polo mestre de Avis, que liderou unha das faccións na sucesión ao trono, o Partido Nacionalista.[1] A nobreza, receosa de perder os seus privilexios coa rendición do Reino aos casteláns, decidiu apoiar a manobra inglesa que estaba a conspirar para poñer no trono a Xoán, que pouco despois da morte do rei fora nomeado Fronteiro de Entre-Tejo e Guadiana ou Alentexo, pero volveu pouco despois e, co pretexto de certos negocios, foi ao palacio, falou coa raíña e despois co conde, e aí asasinouno.[3] Tralo asasinato, o 7 de xaneiro de 1384, Xoán apresurouse e doou a Rodrigo Anes de Barbuda o reguengo de Colares, "así como o tiña Xoán Fernández Andeiro"; o 15 de abril de 1384, doou a Fernão Vasques de Arrochela as rendas e dereitos de Porto de Mós, como tiña o conde de Ourém; e o 24 de xuño de 1384 deu a Álvaro Gonçalves de Azevedo os celeiros de Alvaiázere, como tiña o conde de Ourém, seu suegro.

Casamento e descendenciaEditar

Algúns autores din que se casou dúas veces en Galicia.[1] A súa esposa, Mayor Fernández de Moscoso, xa era viúva de Fernando Becerra.[5][6] Con Mayor tivo un fillo e catro ou cinco fillas:

  • Rui Anes (de) Andeiro ou Rui (de) Andeiro, que foi paxe do rei de Castela, solteiro e sen descendencia.
  • Sancha Anes (de) Andeiro ou Sancha (de) Andeiro, casada con Álvaro Gonçalves de Azevedo, con descendencia feminina.
  • Teresa Anes (de) Andeiro ou Teresa (de) Andeiro, casada con sobre 1395 con Pedro da Guerra, fillo natural do infante Xoán de Portugal, I duque de Valencia de Campos, fillo de Pedro I de Portugal e Inês de Castro, con descendencia.
  • Isabel Anes (de) Andeiro ou Isabel (de) Andeiro, esposa de Fernando Álvarez Osorio, fillo de Álvaro Pires Osorio, de Castela.
  • Inés Anes (de) Andeiro ou Inés (de) Andeiro.
  • Brites Sanches (de) Andeiro ou Brites (de) Andeiro, esposa de Diogo Fernandes de Almeida, con só un fillo, pais do primeiro conde de Abrantes (segundo algúns).[1][5][6]

BibliografíaEditar

  • Manso de Lima, Jacinto Leitão (2008). Famílias de Portugal (en portugués) I. Edições Casa da Prova. pp. 445, 677. 
  • Martins Zúquete, Afonso Eduardo (1989). Nobreza de Portugal e do Brasil (en portugués). Terceiro. Editorial Enciclopédia. 
  • Lopes, Fernão (1895-1896). Chronica de el-rei D. Fernando. Bibliotheca de classicos portugueses (VI) (en portugués). Escriptorio. OCLC 2634915. 
  • Braamcamp Freire, Anselmo (1973). Brasões da Sala de Sintra (en portugués) III (2ª ed.). Imprensa Nacional-Casa da Moeda. 
  • da Costa Felgueiras Gaio, Manuel José (1989). Nobiliário das Famílias de Portugal (en portugués) III (2ª ed.). Braga: Carvalhos de Basto. 

NotasEditar