Ricardo II de Inglaterra
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2021.) |
Ricardo II de Inglaterra, nado o 6 de xaneiro de 1367 en Bordeos (Francia) e finado 14 de febreiro de 1400, foi o segundo fillo de Eduardo, príncipe de Gales, alcumado "o Príncipe Negro" e de Xoana de Kent. As sucesivas mortes do seu irmán máis vello Eduardo (1372) e do seu pai (1376), convertérono en herdeiro do seu avó Eduardo III.
Morto o rei o 21 de xuño de 1377, Ricardo sobe ao trono con só 10 anos de idade, baixo rexencia de seu tío Xoán de Gante e da súa nai Xoana, falecida en 1385.
Proclamado maior de idade en 1381, durante o seu goberno loitou contra os grandes feudatarios ingleses, e proxectou unha total centralización do poder real, reformas que foron duramente criticadas polos seus principais parentes, sendo o máis importante seu tío e outrora rexente Xoán de Gante.
Buscando unha alianza co Sacro Imperio Romano Xermánico, para, quizais, protexer a súa propia autoridade dos seus inimigos, casou, no Palacio de Westminster, en 1382, con Ana de Luxemburgo, filla de Carlos IV, duque de Luxemburgo, margrave de Moravia, rei de Bohemia e emperador de Alemaña. A raíña Ana foi moi popular en Inglaterra, pero desafortunadamente a unión non tivo descendencia.
A raíña falece no castelo de Sheen, o 7 de xuño de 1394, e Ricardo II decide aliarse co inimigo natural da súa patria, Francia. Nacido e educado en dito país nos seus primeiros anos -por ter sido o seu pai lugartenente de Eduardo III en Aquitania e Güiena-, nunca deixou de sentirse identificado coa cultura francesa, o cal foi outro pretexto dos seus inimigos para acusalo de débil e indolente.
Así, solicita a man de Isabel, a primoxénita do rei Carlos VI de Francia, de tan só 7 anos de idade. Celebrada a voda por poderes, primeiro no palacio de Louvre (novembro de 1396), e logo na provincia de Calais -territorio inglés entón-, a pequena nova raíña é enviada a Inglaterra, inspirando en Ricardo os máis tenros sentimentos, pois sendo demasiado nova para ser a súa esposa, sentíase, non obstante, feliz ao seu lado.
Aquela felicidade sería breve: en 1399 morre Xoán de Gante, e Ricardo confisca os bens do defunto, desposuíndo ao seu lexítimo herdeiro, seu curmán Henrique, o cal estaba no exilio en Francia por orde súa.
Henrique regresa a Inglaterra e moi pronto convoca ao seu lado todos aqueles humillados e desposuídos polo rei. Ricardo II, derrotado e capturado por Henrique no castelo de Conway, en Gales, é encarcerado na Torre de Londres, e, o 29 de setembro de 1399, é levado ante o Parlamento e obrigado a formalizar a súa renuncia baixo 33 cargos acusatorios, entre eles o de "ter sentenciado a lores ingleses co único afán de vinganza". A Ricardo non se lle permitiu defenderse das acusacións. O Parlamento proclama a Henrique de Lancaster como o novo rei Henrique IV de Inglaterra.
Segundo a lenda, Ricardo le "con aire risoño" o documento de abdicación, e logo, declara sentirse indigno de ser rei, recoñecendo ao seu curmán como rei.
Coroado Henrique IV, Ricardo é confinado no castelo de Pontefract, en Yorkshire. Logo dalgúns meses, o 14 de febreiro de 1400, anunciouse a súa morte, ao parecer, asasinado -ou deixado morrer de fame- por orde de Henrique IV.
O seu cadáver foi exposto na catedral de St.Paul de Londres, para que todos se convenceran de que estaba morto, sendo logo sepultado na igrexa de King's Langley.
Os rumores de que estaba vivo persistiron até o reinado de Henrique V, decidindo este sepultar a Ricardo na abadía de Westminster en 1413 con gran pompa e cerimonia.
Predecesor: Eduardo, o Príncipe Negro |
Príncipe de Gales 1376-1377 |
Sucesor: Príncipe Enrique |
Predecesor: Eduardo III |
Rei de Inglaterra e Señor de Irlanda 1377-1399 |
Sucesor: Henrique IV |
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Ricardo II de Inglaterra |