Malnutrición
A malnutrición é o estado que aparece como resultado dunha dieta desequilibrada, na cal hai nutrientes que faltan, ou dos cales hai un exceso, ou cando a inxesta se dá na proporción errónea. Pode ter como causa tamén a sobrealimentación.[1]
Malnutrición | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
ICD-9 | 263.9 |
eMedicine | ped/1360 |
MeSH | D044342 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A Organización Mundial da Saúde define a desnutrición como a maior ameaza individual á saúde pública mundial.[2] A mellora da nutrición é vista de modo amplo como a forma de axuda máis efectiva.[2][3] Entre as medidas de emerxencia para aliviar a malnutrición encóntrase a achega dos micronutrientes deficitarios a través de sobres de po fortalecido, ou mediante crema de cacahuete, ou directamente a través dos suplementos. O modelo de alivio da fame seguido por diferentes axencias humanitarias demanda de modo cada vez máis frecuente a subministración de vales ou diñeiro en metálico ás persoas malnutridas ou que sofren unha situación de fame, de modo que poidan comprar o alimento aos agricultores locais en vez de adquirir comida de países doadores, xa que esta segunda opción supón un gasto ineficaz de diñeiro ou de transporte.
Entre as medidas a longo prazo para solucionar a desnutrición está o investimento en agricultura moderna naqueles lugares nos que se produce unha falta desta, e isto a través do desenvolvemento dos fertilizantes e da irrigación, medios que en gran medida permitiron erradicar a fame no mundo desenvolvido. Non obstante, os programas do Banco Mundial adoitan restrinxir os subsidios públicos dos gobernos locais aos agricultores e o uso de fertilizantes é contestado por algúns grupos de defensa do medio ambiente.
Efectos
editarMortalidade
editarSegundo Jean Ziegler (Relator Especial de Nacións Unidas en Dereito ao Alimento densde 2000 ata marzo de 2008), a mortalidade causada pola desnutrición representou o 58% da mortalidade total de 2006. En 2006, máis de 36 mil persoas morreron de fame ou de enfermidades derivadas de déficits en micronutrientes.
Segundo a Organización Mundial da Saúde, a desnutrición é de lonxe a maior causa de mortalidade infantil, presenta a metade de todos os casos. Seis millóns de nenos morren de fame cada ano. Os nacementos con peso baixo e restricións intrauterinas causan 2,2 millóns de mortes infantís ao ano. A limitada ou inexistente lactación causa outros 1,4 millóns. Outras deficiencias, como a falta de vitamina A ou zinc, por exemplo, representan un millón. A malnutrición nos primeiros dous anos de vida é irreversíbel. Un neno malnutrido crece cun estado de saúde e logros educativos menores. En xeral, os seus propios fillos tamén tenden a ser máis pequenos. Anteriormente, a malnutrición víase como algo que exacerbaba os problemas de enfermidades como o sarampelo, pneumonía e diarrea. Actualmente, considérase que a malnutrición realmente é a causa desas enfermidades tamén, pode ser fatal por ela mesma.
Causas
editarA malnutrición incrementa o risco de infección e de enfermidades infecciosas. Por exemplo, é un factor de risco importante no comezo da tuberculose activa. En comunidades ou áreas nas que se produce ausencia de auga potábel apta para o consumo humano, estes riscos adicionais á saúde presentan un problema crítico. A diminución da enerxía e un funcionamento danado do cerebro tamén forman parte da espiral restritiva da malnutrición, dado que súas vítimas son menos capaces de levar a cabo os labores necesarios para adquirir alimento, gañar un soldo ou recibir unha educación.
Psicolóxicos
editarA malnutrición, na forma de deficiencia de iodo, é a "forma preveníbel máis común de danos mentais en todo o mundo". Mesmo a deficiencia de iodo moderada, especialmente en mulleres embarazadas e nenos, reduce a intelixencia entre 10 e 15 puntos I.Q., eliminando un incalculábel potencial para o desenvolvemento dun país.
Cancro
editarO cancro é actualmente común nos países en desenvolvemento. Segundo un estudo da Axencia Internacional para a Investigación do Cancro, "no mundo en desenvolvemento, o cancro de fígado, estómago e esófago eran máis comúns, con frecuencia vinculados ao consumo de alimentos canceríxenos, como a comida afumada ou salgada, e a infeccións de parasitos que atacan órganos". As taxas de cancro de pulmón aumentan rapidamente nos países máis pobres como consecuencia do aumento do uso do tabaco. Os países desenvolvidos "tenderían a ter cancros relacionados cun "estilo de vida occidental" (colon, recto, mama e próstata) que poden ser causados pola obesidade, a falta de exercicio, a dieta e a idade.
Hiponatremia
editarA toma excesiva de auga, sen recuperación de sales de sodio e potasio, leva á hiponatremia, o que pode consecutivamente conducir á hiperhidratación a niveis perigosos. Un caso coñecido ocorreu en 2007, cando Jennifer Strage morreu participando nun concurso de beber auga. De modo máis común, esta situación dáse durante competicións de resistencia en longas distancias (como maratón e tríatlon) e causa relaxación mental, dor de cabeza, febleza e confusión. En casos extremos, pode levar ao coma, convulsións e á morte.
Causas da malnutrición
editarEntre as principais causas da malnutrición encóntranse a pobreza e os prezos dos alimentos, as prácticas alimenticias e a produtividade agrícola, sendo multitude de casos individuais causados por unha mestura de varios factores. A malnutrición pode ser tamén por outras cuestións sanitarias como enfermidades diarréicas ou enfermidades crónicas, especialmente a pandemia de VIH/sida, ou a malnutrición clínica, como no caso da caquexia.
Pobreza e prezo dos alimentos
editarA escaseza de alimentos pode ser un factor que contribúa á malnutrición en países con falta de tecnoloxía. A FAO estima que o 80% de nenos malnutridos viven no mundo en desenvolvemento, en países que a pesar diso producen suficientes superávits de alimento como para alimentalos. O economista Amartya Sen observou que, en décadas recentes, a fame tiña sempre que ver con problemas de distribución do alimento e/ou pobreza, aínda que houbese suficiente alimento para alimentar a toda a poboación no mundo. Estableceuse que a malnutrición e a fame estaban especialmente relacionados con problemas na dispoñibilidade e distribución de alimentos, así como co poder adquisitivo. Argumentouse que a especulación con materias primas incrementou o custo da comida. Cando a burbulla inmobiliaria nos Estados Unidos estaba colapsando, afirmouse que trillóns de dólares se dirixiron a investimentos en alimentos e materias primas, o que provocou a crise alimentaria mundial de 2007-2008. A utilización de biocombustibles como relevo para os combustibles tradicionais tamén pode ter como efecto a diminución da oferta de alimento e o incremento do prezo dos alimentos. O relator especial de Nacións Unidas no dereito ao alimento, Jean Ziegler, propón que os refugallos agrícolas, e non os propios cultivos, sexan utilizados como combustible.
Prácticas alimenticias
editarA falta de lactación pode derivar en malnutrición en nenos. As posíbeis causas deste problema no mundo en desenvolvemento pódense deber a que a familia media pensa que o leite embotellado é mellor para a alimentación dos bebés. A OMS di que as nais abandonan a lactación porque non saben como facer que o seu bebé mame correctamente ou porque sofren molestias ou incomodidades. Basear de xeito excesivo a dieta dunha persoa nunha soa fonte de alimento, como no caso dunha alimentación baseada case exclusivamente na inxesta de millo ou arroz, pode provocar malnutrición. Isto pódese deber tanto á falta de educación sobre unha alimentación axeitada, como ao feito de ter só unha fonte de alimento dispoñíbel. Adóitase pensar na malnutrición só en termos de fame, se ben a sobrealimentación é un factor que contribúe a ela tamén. En multitude de lugares do mundo existe un acceso a un superávit de comida non nutritiva, o que se engade a estilos de vida sedentarios. Isto desembocou nunha epidemia de obesidade. E iso non só no mundo desenvolvido, senón tamén en países en desenvolvemento que viron crecer os seus ingresos.
Produtividade agrícola
editarA escaseza de alimentos pode estar causada pola falta de avances agrícolas como a rotación de cultivos, ou a falta de tecnoloxía ou recursos necesarios para aumentar os rendementos agrícolas que se encontran na agricultura moderna, como os fertilizantes de nitróxeno, os pesticidas ou a irrigación. Como resultado da pobreza xeneralizada, os agricultores non poden asumir o custo destas tecnoloxías nin os seus gobernos pódenllas subministrar. Isto fai que súa produción agrícola sexa baixa, os seus salarios escasos e os prezos dos alimentos inasequíbeis.
Ameazas futuras
editarExiste un número de potenciais ameazas á oferta alimentaria global que poderían provocar o aumento xeneralizado da malnutrición. O cambio climático é de grande importancia para a seguridade alimentaria. De acordo cos últimos informes do IPCC, o incremento da temperatura é "moi probábel" nas zonas climáticas dos subtrópicos e dos trópicos, onde vive o 95% da poboación mundial. Mesmo cambios moi leves na temperatura poden provocar incrementos na frecuencia de cambios extremos das condicións climáticas. Estes teñen un impacto moi significativo na produción agrícola e na nutrición. Mesmo sen aumentos dos eventos climáticos extremos, un simple incremento da temperatura reduce a produtividade de multitude de variedades de cereal, diminuíndo ao mesmo tempo a seguridade alimentaria na rexión onde iso ten lugar. O problema de colapso de colonias é un fenómeno no cal as abellas morren en gran número. Dado que hai multitude de cultivos en todo o mundo que son polinizados por abellas, isto representa unha ameaza moi importante para a oferta de alimentos. Unha epidemia de óxido sobre o trigo causada pola cepa Ug99 estase desenvolvendo actualmente en toda África e Asia e témese que podería acabar con máis do 80% dos cultivos de trigo do mundo.
Epidemioloxía
editarEn 2010, había 925 millóns de persoas malnutridas no mundo, un incremento de 80 millóns desde 1990,[4][5] a pesar do feito que o mundo produce suficiente comida para alimentar a todos os habitantes do planeta e podería alimentar o dobre.[6]
Sobrepeso e malnutrición
editarNo ano 2006, o profesor Popkin na Universidade de Carolina do Norte, dixo que actualmente hai máis persoas con sobrepeso que con desnutrición no mundo.[7] Dixo ante a Asociación Internacional de Economistas Agrícolas, que o número de persoas con sobrepeso alcanzou o tope de 1 000 millóns de persoas (dos cales 300 millóns son obesos), comparado con 800 millóns malnutridos.[8] Ademais, agregou que esta transición dun mundo famento a un mundo obeso se estaba acelerando.
Notas
editar- ↑ Sullivan, Arthur; Steven M. Sheffrin (2003). Economics: Principles in action. Upper Saddle River, New Jersey 07458: Prentice Hall. p. 481. ISBN 0-13-063085-3. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2016. Consultado o 01 de marzo de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 "Desnutricion The Starvelings". The Economist (en inglés).
- ↑ Global hunger declining, but still unacceptably high FAO das Nacións Unidas, Departamento de desenvolvemento Social e Económico, septembro de 2010
- ↑ FAO Departamento de desenvolvemento Social e Económico. “The State of Food Insecurity in the World, 2008 : High food prices and food security — threats and opportunities”. FAO dasNacións Unidas, 2008, p. 2. “As estimacións máis recentes de FAO levan o número dos famentos [en realidade, malnutridos] a 923 millóns en 2007, un aumento de máis de 80 millóns desde o período base de 1990–92”.
- ↑ Jean Ziegler. “Promotion And Protection Of All Human Rights, Civil, Political, Economic, Social And Cultural Rights, Including The Right To Development: Report of the Special Rapporteur on the right to food, Jean Ziegler”. Human Rights Council of the Nacións Unidas, 10 de xaneiro de 2008. “De acordo coa FAO, o mundo produce xa suficiente comida para alimentar a cada neno, muller e home e podería chegar a alimentar a 12 billóns de persoas, ou o dobre da poboación mundial actual.”
- ↑ Overweight 'top world's hungry'.
- ↑ Overweight people now outnumber the hungry.