Xeografía de Vigo
Vigo limita ao norte coa ría de Vigo, ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos concellos do Porriño e Gondomar, e ao suroeste co concello de Nigrán.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d2/Vigo_praia_de_samil.jpg/220px-Vigo_praia_de_samil.jpg)
Zonas
editarA cidade presenta unha topografía variada na que se suceden áreas deprimidas e sectores elevados, zonas case chás e outras pinas, co monte do Castro no centro do casco urbano. Isto fai que moitas das rúas dos barrios centrais sexan pendentes moi pronunciadas. Esta situación é froito da acción de procesos tectónicos e axentes erosivos que incidiron sobre os materiais rochosos presentes na vertente da ría en que a cidade se atopa. Estas diferenzas permiten dividir o territorio en tres sectores: a costa, o Val do Fragoso e as zonas altas do interior.
Costa
editarUn primeiro sector confórmao a costa, dividida nunha área litoral en contacto co mar e unha franxa de territorio máis ou menos ampla que penetra levemente cara ao interior. O litoral viuse afectado pola erosión mariña, que determinou o xurdimento de zonas de areal e zonas rochosas. A acción mariña tamén trazou os entrantes e saíntes da costa. Así, entre Saiáns e Teis existan vinte areais, dous tramos de costa sedimentaria —O Vao-Samil e Monduiña-Canido— e tres tramos de costa de erosión, na Guía, Alcabre e Oia-Saiáns. As marismas, formadas pola desembocadura do Lagares, son froito da sedimentación efectuada tanto polo mar coma polo río.
Dorsal entre a costa e o Val do Fragoso
editarEntre o litoral e o Val do Fragoso aparece un relevo secundario de grande importancia, pois é onde se consolidou a cidade. Trátase dunha pequena dorsal de dirección latitudinal que separa o val da marxe da ría.
Val do Fragoso
editarO Val do Fragoso, polo que pasan o río Lagares e os seus afluentes, posúe un relevo suave e mesmo algunhas zonas chás. Este val presenta unha clara disimetría. A vertente sur presenta unha topografía moito máis irregular e é onde se atopan os afluentes de máis importancia, como os ríos Eifonso ou Barxa. A vertente norte acada nalgunhas zonas fortes pendentes ao chocaren as ladeiras meridionais da aliñación O Castro-Candeán.
Val de Miñor
editarO Val Miñor está separado do Val do Fragoso polos contrafortes noroccidentais da serra do Galiñeiro. O interfluvio que separa ambos os dous vales conta cunha elevada altitude relativa, dando lugar a fortes pendentes na súa vertente setentrional, mentres que na vertente meridional, a elevada altitude das terras do redor fai do val unha zona moi abrigada onde se dan características climáticas propias.
Zona montañosa
editarA zona montañosa ten un relevo accidentado, sobre todo no sector sueste, con zonas de fortes pendentes e contrastes topográficos.
A altura máis salientable do concello é o monte Galiñeiro (711 m), localizado no sector setentrional da serra homónima e no linde co concello de Gondomar. É o punto máis meridional do termo municipal e a súa silueta inconfundible identifícase desde moitos puntos da rodeada.
Os montes Alba e Cepudo, de 503 m e 526 m de altitude respectivamente son dúas elevacións xemelgas na parroquia de Valadares. Un quilómetro ao norte elévase o parque forestal do monte dos Pozos, de 386 m, co novo cemiterio parroquial ao sopé. Máis ao oeste están o Outeiro de Deus, o Alto da Porteliña, o Alto da Abelleira, o Maúxo Grande e o Pequeno, e o Cabezo de Saiáns.
Outras alturas destacables, ao nordeste do concello, son A Madroa e o Monte Vixiador, que ten a súa altura máxima no concello de Redondela. Aínda que de menor altura, o monte da Guía é un dos máis señeiros de Vigo pola súa prominencia e as ladeiras que caen a chupe na ría.
Ría de Vigo
editarA ría de Vigo está abrigada polas illas Cíes. Este brazo de mar estréitase cara ao interior ata o estreito de Rande, onde abundan as bateas mexilloeiras, para abrirse de novo formando a enseada de San Simón. Na marxe sur da ría aséntase a cidade olívica e a norte corresponde á península do Morrazo.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- "Guía cidadá de Vigo y su área metropolitana", Faro de Vigo (2002). Depósito legal: V-5016-2002.