Xaime Seixas
Xaime Seixas Subirá, máis coñecido por padre Seixas, nado en Santiago de Compostela o 26 de xuño de 1915[1] e finado en Villagarcía de Campos (Valladolid) en novembro de 1994,[2] foi un coñecido crego xesuíta, esquerdista e galeguista.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de xuño de 1915 Santiago de Compostela, España |
Morte | novembro de 1994 (79 anos) Villagarcía de Campos, España |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Pereiró |
Actividade | |
Ocupación | Crego, misioneiro, galeguista |
Premios | |
| |
Traxectoria
editarEstudou Maxisterio na Universidade de Santiago de Compostela, e Linguas Clásicas, Filosofía e Teoloxía cos xesuítas en Comillas, onde foi ordenado sacerdote en 1948. Dun forte ideario democrático e esquerdista, o seu primeiro destino foi Francia, onde estudou Teoloxía Moderna. Máis adiante trasladouse a Salamanca, onde fundou as organizacións Vanguardia Obrera Juvenil e Vanguardia Obrera y Social.
En 1961 marchou de misioneiro á República Dominicana. De volta a Galiza en 1965 artella un grupo semellante aos que xa formara en Salamanca, a Asociación O Castro de Vigo. Tamén fundou nesa cidade a Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía e Santiago Apóstolo.
O 25 de xullo de 1965 o padre Seixas oficiou na igrexa compostelá de San Domingos de Bonaval, a primeira misa integramente en lingua galega[3] dende a Guerra civil española. Tamén foi o primeiro en pronunciar unha homilía en galego en Vigo durante o funeral do oftalmólogo Antón Beiras García, a quen días antes administrara a extrema unción por vez primeira nesta mesma lingua. Foi un promotor da tradución da liturxia ao galego e de diversas publicacións relixiosas.
A Xunta de Galicia outorgoulle a Medalla Castelao en 1985.
Obra
editar- Catrocentos nomes para galegos e galegas. SEPT, 1977
- Conversas do Pai Xaime Seixas con Silvestre Gómez Xurxo. SEPT, 1985
Notas
editar- ↑ Isla Couto, X.; Gómez Xurxo, S. (1994). "O padre Seixas: profético, galego e universal". Encrucillada (90): 539/99.
- ↑ "Fallece el sacerdote jesuita y galleguista Xaime Seixas". La Voz de Galicia. 15 de novembro de 2017.
- ↑ López Múñoz, Daniel (1989). O idioma da Igrexa en Galicia. Consello da Cultura Galega. ISBN 8487172504.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 411. ISBN 84-7492-465-0.
- Giráldez Lomba, Antonio (2010). 200 memorias de Vigo (en castelán). Caixanova, Faro de Vigo e Alcaldía de Vigo. p. 122. VG 955-2010.