Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2018

Fariña é unha serie de televisión inspirada en feitos reais, emitida pola canle de televisión española Antena 3, entre o 28 de febreiro e o 9 de maio de 2018. Está baseada no libro homónimo Fariña, do xornalista coruñés Nacho Carretero, e versa sobre o narcotráfico en Galicia.

Foi producida por Atresmedia Televisión en colaboración con Bambú Producciones e nela participaron un gran número de actores galegos como Javier Rey, Celso Bugallo, Marta Larralde, Patricia Vázquez e Antonio Durán "Morris", entre outros. Rodouse entre maio e novembro de 2017 en exteriores e localizacións reais en Noia, Abruñeiras, Outes, Santiago de Compostela (pazo de Raxoi), Porto do Son (praia das Furnas), Pontevedra, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, O Porto de Meloxo, Illa da Toxa e Madrid. A súa estrea foi adiantada debido ao secuestro cautelar xudicial do libro no que está baseado, levado a cabo o 5 de marzo de 2018.