Pazo de Raxoi

edificio sede do Concello de Santiago de Compostela

O Pazo de Raxoi é un edificio civil de Santiago de Compostela de estilo neoclásico francés [2], sede da corporación municipal da cidade, aínda que ao longo da historia ten acollido outros organismos. O seu nome honra ao arcebispo Bartolomé de Raxoi, que foi impulsor principal da edificación, aínda que non o único.

Pazo de Raxoi
Fachada principal do Pazo
Edificio
TipoPalacio
EstiloNeoclásico de influencia francesa
EnderezoPraza do Obradoiro
LocalizaciónSantiago de Compostela
Coordenadas42°52′50″N 8°32′46″O / 42.880472222222, -8.5461944444444
Uso(s)Casa do Concello de Santiago de Compostela, sede da Presidencia da Xunta de Galiza, sede do Consello da Cultura Galega[1]
Construción
Construción1766[1]
Remate1772
Dimensións
Plantasplanta terrea, dous andares e faios
Equipo
Arquitecto(s)Carlos Lemaur[1]
Enxeñeiro estruturalJuan López Freire e Alberte Ricoy
Enxeñeiro civilManuel de los Mártires
PromotorBartolomé de Raxoi
editar datos en Wikidata ]

Situación

editar

Está localizado na parte occidental da praza do Obradoiro, que pecha por esa banda, fronte á fachada principal da catedral de Santiago.[2] Á súa dereita sitúase o Colexio de San Xerome, que hoxe serve de sede do Reitorado da Universidade de Santiago; á esquerda do pazo érguese o Hospital Real dos Reis Católicos que dende 1954 é Parador Nacional.[3]

 
Vista frontal.

Historia

editar

O soar sobre o cal se ergue o Pazo de Raxoi, estaba ocupado anteriormente polos cárceres civil e o eclesiástico da cidade e máis un treito da muralla, que defendía a urbe pola parte de poñente. A dobre propiedade sobre o predio orixinou discordancias entre o Bispado e o Concello. Este presentou un proxecto en 1764, da autoría de Lucas Ferro Caaveiro, coa idea de radicar a Casa do Concello entre ambos os cárceres. Pola súa banda, o arcebispo, Bartolomé de Raxoi, tiña en mente colocar aí o Seminario denominado de Confesores e máis a residencia para os nenos do coro catedralicio, para o que presentaba un proxecto diferente, encargado a Andrés García de Quiñones.[2][4] Porén, ademais da controversia entre os copropietarios, xurdiu unha terceira parte interesada, o Hospital Real, alegando que se atentaba contra a súa propiedade.[2] O litixio conseguinte levou á intervención da Capitanía Xeneral de Galiza e mais da Real Cámara, resolvéndose o 13 de maio de 1767 que o futuro edificio albergase o Consistorio compostelán, o Seminario de Confesores e máis os cárceres, consonte ao proxecto do enxeñeiro Carlos Lemaur, segundo se propuxera pola devandita Capitanía Xeneral.[1][4]

De acordo coa anterior resolución, o edificio foi construído segundo as trazas de Lemaur, sendo dirixidas as obras por frei Manuel de los Mártires, e como executores reais polos mestres Juan López Freire e Alberte Ricoy, e, segundo a inscrición que figura no friso do mesmo pazo, as obras tiveron lugar entre 1766 e 1772.[1]

O pazo contribuíu a realzar a praza do Obradoiro, que carecía dun edificio digno nese lado, máxime cando había poucos anos que se rematara a nova fachada occidental da sé compostelá.

Descrición

editar
 
Soportais.

O edificio correspóndese a un tipo palaciano francés desenvolvido por François Mansart, en último extremo asentado sobre modelos italianos: longa loggia porticada, con perpiaños almofadados, sobre o que se alzan os corpos correspondentes, e abrazados por unha orde colosal. A este patrón axustouse a fábrica compostelá. Sobre un plano rectangular, predomina a horizontalidade, cos case 90 m de lonxitude da fachada, apenas rota polos acroterios e frontóns do coroamento, que contrasta coa verticalidade da fachada catedralicia.[4] No corpo inferior destaca o asoportalamento con vinte arcadas de medio punto nos lados e cinco alinteladas no centro. Sobre desta loggia desenvólvense dous corpos superiores, ambos abranguidos por columnas contiguas de orde xigante xónica, que se erixen, sobre pedestal apoiado no remate do pórtico. Entre esas columnas ábrense cincuenta ocos, de tipo porta en ambos os casos, pois por elas accédese ao balcón corrido que percorre toda a fachada no primeiro andar, e a unha varanda no segundo. Estes vans aseguran a luminosidade das estancias internas.

 
Santiago Matamouros, de Xosé Ferreiro, na cima do frontón central.

Coroa a construción un ático adornado cunha gran balaustrada. Nos laterais colocou o arquitecto senllos frontóns curvos, e no medio un frontón triangular, sostido por columnata pareada. Deste xeito reálzase esa parte central, que ademais avanza lixeiramente cara á praza, e cara á que reclama a atención, pois nela se sitúa a entrada principal. Mentres nos frontóns laterais se colocaron senllos escudos de Raxoi, no central sitúase un tímpano que desenvolve, en relevo, a batalla de Clavijo, na que segundo a lenda interveu o mesmo Santiago Apóstolo, epónimo da cidade, en auxilio dos cristiáns. Foi deseñado polo pintor galego Gregorio Ferro, e executado, en mármore, polos escultores Xosé Gambino e Xosé Ferreiro, ambos os dous tamén galegos.[1][2] Este último foi ademais o autor do Santiago ecuestre que remata a cimeira do frontón.

 
Vista lateral.

A parte posterior da edificación é diferente, pois un abrupto corte de terreo e a proximidade da igrexa de San Frutuoso, impuña solucións diferentes. O corpo inferior, até a altura da praza do Obradoiro, destinouse a albergar os cárceres. Colocouse un amplo patio central, e proxectáronse dous corpos laterais prismáticos, seguindo as pautas da fachada, mais con total ausencia de elementos que rompesen a estereotomía da obra, a non ser os ocos e balaustrada superior.

A sinxeleza dos elementos arquitectónicos e a pureza de liñas, fan deste edificio un dos máis importantes de España en estilo neoclásico.[Cómpre referencia]

Influencias

editar

O francés J. Sermet, foi o primeiro en sinalar, en 1950, que o pazo de Raxoi, podía estar inspirado no Capitole de Tolosa (1750-1760), obra de Cammás, e, máis tarde, o historiador da arte, o ferrolán Alfredo Vigo Trasancos, sinalou outras edificacións similares levantadas en Francia por esa mesma época, como a Mairie (Casa municipal) de Nancy, da autoría de M. Heré.[4]

Desde a súa fundación foi casa consistorial e albergue dos confesores (linguaxeiros) que administraban penitencia aos peregrinos, e cárcere municipal (nos baixos da parte posterior). Até 1968 seguiu a servir como residencia de cóengos.[5] Desde a transición democrática alberga a Presidencia da Xunta de Galiza. Dende 1991 é sede tamén do Consello da Cultura Galega.

editar

N' O lapis do carpinteiro, o escritor Manuel Rivas evoca a estadía dos represaliados, durante a sublevación militar de 1936, no cárcere do Pazo de Raxoi.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Pazo de Raxoi
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 O Pazo de Raxoi
  3. Un hotel con 500 años de historia (en castelán)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Rajoy, constructor Arquivado 07 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en castelán)
  5. Barreiro Fernández, Xosé Manuel (8 de outubro de 1968). "Sobre la venta del sanatorio de Conjo, del palacio de Rajoy y la idea de un homenaje". El Pueblo Gallego. p. 12. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar