Wikipedia:Artigo destacado/xullo 2020

Coat of arms of the Falkland Islands.svg

As Illas Malvinas (en inglés: Falkland Islands), son un arquipélago do océano Atlántico meridional, na plataforma continental patagónica. As illas principais atópanse a 483 km ó leste da costa da Patagonia, en América do Sur, na latitude 52°S. O arquipélago, cunha área de 12 000 km², abrangue a illa Soidade, a illa Gran Malvina e 776 illas máis pequenas. É un Territorio Británico de Ultramar e conta cun autogoberno, mais o Reino Unido encárgase da súa defensa e das relacións exteriores. A capital das Malvinas é Stanley, na illa Soidade.

Existe unha gran controversia sobre a descuberta e posterior colonización das Malvinas polos europeos. En varios momentos, as illas tiveron asentamentos franceses, británicos, españois e arxentinos. O Reino Unido reafirmou o seu control sobre o arquipélago en 1833, malia que a Arxentina mantiña a súa reivindicación sobre as illas. En abril de 1982, forzas arxentinas ocuparon temporalmente o territorio. A administración británica foi restaurada dous meses máis tarde, no final da guerra das Malvinas.

O arquipélago atópase no límite das zonas climáticas oceánica subantártica e de tundra e as dúas principais illas teñen cordilleiras que atinxen 700 metros de altura. Elas son o lar de grandes poboacións de aves, malia que moitas xa non se reproducen nas principais illas por mor da concorrencia con especies introducidas. As principais actividades económicas son a pesca, o turismo e a cría de ovellas, con énfase na exportación de la de alta calidade. A exploración de petróleo, licenciada polo Goberno das Illas Malvinas, permanece en controversia como resultado de disputas marítimas coa Arxentina.