Wikipedia:Artigo destacado/abril 2020

O Tratado de Londres (en inglés Treaty of London e en italiano Patto di Londra), foi firmado en Londres o 24 de abril de 1915. Por el, Italia entrou na primeira guerra mundial do lado da Entente. O tratado era secreto e os países asinantes foron: o Reino de Italia, Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, Francia e o Imperio ruso.

Segundo o tratado, Italia recibiría as zonas habitadas por italianos no Imperio austrohúngaro, gran parte da costa dálmata e o resto dos territorios balcánicos do Imperio austrohúngaro repartiríanse entre tres estados independentes: o Reino de Serbia, o Reino de Montenegro e Croacia. A cambio, Italia comprometíase a abandonar a Tripla Alianza, que a unía aos imperios alemán e austrohúngaro e entrar na guerra ao lado da Entente. O cambio de bando acordouse xa a comezos de setembro de 1914 nun convenio secreto asinado en Londres. A entrada na guerra debía producirse en menos dun mes desde a firma do tratado e a declaración de guerra italiana anunciouse o 23 de maio.

A aplicación do tratado quedou moi condicionada pola disolución do Imperio austrohúngaro e o xurdimento de novas nacións, especialmente Iugoslavia, que non estaban dispostas a aceptar as concesións prometidas a Italia pola Entente, e pola entrada na guerra dos Estados Unidos, que definiron novos obxectivos bélicos e negáronse a admitir a entrega de territorios de maioría eslava a Italia. Italia obtivo só unha parte dos territorios prometidos a través dunha serie de acordos rubricados a inicios da década de 1920. Por outra banda, o réxime fascista italiano sinalou que o país fora enganado e non lograra os territorios que lle correspondían polas maquinacións dos seus aliados.