Vieiro da Franqueira

O vieiro da Franqueira é unha ruta de sendeirismo galega. Está asociado á romaría da Franqueira que se celebra dúas veces o ano, o luns de Pentecoste e no mes de setembro na parroquia da Franqueira (A Cañiza). Na actualidade encóntrase en proceso de posta en valor.

Parte a carón da igrexa parroquial de Reboreda (Redondela), uníndose á altura de Amoedo cunha variante que sae de Soutomaior. O camiño conta con numerosos accesos a través do seu trazado. Unha vez que se chega a Pazos de Borbén, o camiño continua pola parroquia de Borbén cara Paredes e o desvío de Toutón. Despois de varios quilómetros pola chaira ata preto de Prado adóitase coller un ramal a Vilar un pouco antes de chegar a Mondariz.

Nesta zona prodúcese unha bifurcación. En vez de entrar na vila de Mondariz, pódese coller cara Vilasobroso, collendo o camiño polo Parque de Valiño, a carón da Capela Veciñal de Santa Lucía (monumento do vello Vieiro da Franqueira) que os leva a Cumiar seguindo a Mouriscados e dende alí cara a Franqueira. Os que toman o camiño por Mondariz seguen por Queimadelos, Meirol, Mouriscados e A Franqueira.

Segundo os distintos percorridos a distancia acostuma estar entre os 42 e os 45 quilómetros. A tradición é facela de noite para chegar pola mañá á Franqueira. O percorrido atravesa diversos vales de valor ecolóxico con vexetación autóctona, ademais de conter un importante patrimonio cultural e etnográfico no seu percorrido como é o antigo Camiño Real ó seu paso por Vilasobroso, ou o castelo de Sobroso, do século XII (centro de poder feudal do antigo Señorío e Marquesado de Sobroso), de estilo románico fundacional de Compostela, moi ligado ó Santuario de Nosa Señora da Franqueira.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar