Abrir o menú principal

Coordenadas: 43°02′00.28″N 02°24′56.78″L / 43.0334111, -2.4157722

Fachada da Universidade de Oñati.

A Universidade de Oñati (en éuscaro: Oñatiko Unibertsitatea), formalmente Universidade do Sancti Spiritus, é un monumento renacentista da vila de Oñati en Guipúscoa, País Vasco. Desde mediados do século XVI até principios do século XX foi a única, e primeira, universidade do País Vasco.

Índice

HistoriaEditar

Fundada polo bispo e humanista oñatiarra Don Rodrigo Mercado de Zuazola en 1540 baixo o nome de Universidade do Sancti Spiritus e mediante unha bula do papa Paulo III, nun principio estivo chantada en Hernani, pero en 1548 trasladouse a Oñati. As especialidades que impartía eran teoloxía, Leis, Canons, Artes e Medicina. A universidade foi estritamente católica até que en 1869, trala Revolución de 1868, albergou a Universidade libre. Máis tarde pasou a mans dos carlistas, quen fundaron a Real e Pontificia Universidade Vasco-Navarra. A finais de século converteuse na Universidade libre católica, pero a institución cerrou as súas portas en 1901. O País Vasco ficou sen universidades, baleiro que conduciu á fundación en Bilbao da Universidade de Deusto. Na actualidade, dende 1989, o edificio acolle o Instituto Internacional de Socioloxía Xurídica.

En 1931 o edificio fora declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional. É Ben de Interese Cultural.

DescriciónEditar

 
Patio da universidade

A Universidade Sancti Spiritus constitúe un dos edificios renacentistas máis notables do País Vasco, e é un expoñente da arte de transición do plateresco ao manierismo purista. A construción do edificio iniciouse en 1543 baixo o padroado do emperador Carlos I, participando na mesma o mestre Domingo de la Carrera e o escultor Pierres Durand, máis coñecido como Pierre Picart.

PatioEditar

O edificio ten planta cadrada articulada en torno a un amplo patio central, achándose na planta baixa a capela, as aulas, a cociña e o refectorio, e na planta superior os dormitorios e a aula magna. O patio trátase dunha construción de dobre arquería de medio punto, con sobreclaustro balaustrado, gárgolas de tradición gótica nos beirados e enxoitas decoradas con escudos e medallóns que portan efixies por parellas de figuras históricas e mitolóxicas, sen faltar os emperadores Carlos I e a súa dona Sabela de Portugal. Sobre o céspede central, unha escultura de Jorge Oteiza titulada A Terra e a Lúa. Son tamén de destacar os artesoados de inspiración mudéxar, especialmente o que cobre a escaleira de acceso á primeira planta do claustro, labrados por un tallista abulense chamado Gibaja.

 
Fachada da universidade

FachadaEditar

Foi levantada por Pierre Picart arredor de 1546. Construíuse primeiro a portada central coa entrada principal, que ten gran similitude coa do Convento das Donas de Salamanca. A ambos lados adheríronse cadanseu pilastrón esculpido con figuras de vulto, releves e columniñas, e prolongados con torriñas, a inspiración do Colexio de Santa Cruz de Valladolid. Outros dous pilastróns de similar traza sitúanse nos esquinais de cada torre lateral, que son un piso máis altas que o corpo principal. As catro torriñas así como os restantes seis vértices das augas dos tellados dos cubos laterais son rematadas por figuras de guerreiros.

O plan iconográfico da fachada mostráballe ao estudante a necesidade de exercitarse en valores e virtudes resultantes da síntese pagá e cristiá así, mentres nas bases Hércules cumpre cos seus traballos, nos corpos superiores distribúense unha morea de mártires, virtudes e santos, algúns relacionados co estudo. Para poder ingresar no edificio hai que pasar entre Santo Agostiño e San Xerome, paradigmas da filosofía neoplatónica e a erudición teolóxica, e por debaixo da imaxe do propio fundador, o bispo Zuazola, en actitude orante, e do escudo de armas imperial.

 
Retablo plateresco de Sancti Spiritus.

CapelaEditar

A Capela de Sancti Spiritus posúe un retablo plateresco. A súa execución foi contratada en Valladolid en 1534 polo bispo de Ávila co entallador Gaspar de Tordesillas, en tanto que do seu dourado e estufado debéronse encargar ao ano seguinte os pintores abulenses Jerónimo Rodríguez e Cristóbal de Bustamante. Situado baixo unha bóveda de nervadura cuadrifoliada, trátase dunha peza de catro alturas máis predela e sete entrerrúas separadas por balaústres, de traza graduada, e imaxes exentas en lugar de relevos narrativos. Os temas centrais son a Asunción da Virxe María, os patróns da universidade e a vila, o Espírito Santo e San Miguel. O tímpano é curvo.

GaleríaEditar

Véxase taménEditar