Trol (Internet)
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2018.) |
Na terminoloxía de Internet, un trol[1] é unha persoa que busca intencionadamente interromper as discusións en Internet (por exemplo en foros) ou anoxar os seus participantes, para o que adoita empregar mensaxes groseiras, ofensivas ou fóra de tema coa intención de provocar a reacción dos demais. A palabra tamén se emprega para describir ditas mensaxes.
Etimoloxía
editarO emprego contemporáneo do termo xurdiu nos grupos de noticias de Usenet a finais dos anos 1980. Adoita crerse que é un diminutivo da frase trolling for suckers (aproximadamente, ‘pescando pailáns’), que á súa vez deriva da expresión inglesa trolling for fish, alusiva a unha técnica de pesca na que se vai deixando tras un bote unha sedela con cebo ou chamarices para atraer os peixes.
O uso da palabra xeneralizouse probablemente debido ó seu apropiado segundo significado, o dos trols da mitoloxía escandinava e os contos infantís, retratados a miúdo coma criaturas feas e odiosas inclinadas á maldade. A imaxe do trol baixo a ponte no conto Os tres cabriños rabuxentos (tamén coñecido coma O xigante e as tres cabriñas) enfatiza a reacción negativa do trol cara ós estraños que se adentran no seu contorno físico, particularmente por aqueles que teñen a intención de pastar nos seus dominios sen permiso.
Círculos viciosos
editarPara moita xente, a característica distintiva do comportamento dun trol é a percepción do intento por trastornar a comunidade dalgún xeito: escribir mensaxes incendiarias, sarcásticas, disruptivas ou humorísticas destinadas a arrastrar os demais usuarios a unha confrontación infrutuosa. Canto maior sexa a reacción da comunidade, máis probable será que o usuario volva a comportarse coma un trol, pois irá crendo que certas accións logran o seu obxectivo de provocar o caos. Isto fixo que xurda o protocolo a miúdo repetido na cultura de Internet: «Non alimente o troll» (Don't feed the troll).
A miúdo ocorre que alguén escribe unha mensaxe sincera sobre o que será emocionalmente sensible. Os troles habilidosos saben que unha forma sinxela de enfadalo é afirmar deshonestamente que dita persoa é un trol. Noutras ocasións, unha persoa pode non entender ou encaixar inmediatamente nas normas sociais dun foro onde a maioría dos participantes si o fan. Como resultado, actuar lixeiramente fóra das normas (a miúdo non intencionadamente e por razóns lexítimas) fai que dita persoa sexa cualificada de trol. Ás veces pode ser difícil distinguir entre un usuario que simplemente ten valores, puntos de vista ou ideas diferentes e un que se comporta intencionadamente coma un trol. Desafortunadamente, moitos usuarios reaccionan agresivamente á primeira impresión dun suposto trol, o que ás veces leva a que usuarios novatos desgustados ou minorías políticas sexan considerados troles.
Cultura trol
editarA longa historia dos troles e o forte apoio cara ó discurso anónimo e pseudónimo en Internet suxiren que a historia do «troll anónimo» está só nos seus comezos. Se pode considerarse coma unha «cultura», formada por xente que non se coñece entre si, agás mediante a experiencia común de ser rexeitados en foros de Internet, é cuestionable, pero algúns afirman que é posible e que xa está ocorrendo.
Hai fortes evidencias disto na existencia de foros que afirman existir especificamente para dar apoio ós troles, para intercambiar trucos e identificar brancos que outros troles poden estar provocando ou discutindo frutiferamente.
A cultura trol obsérvase mellor nos troles que non coñecen aos outros cos que traballan. Debido a que os métodos comúns de crear mensaxes incendiarias son moi coñecidos e obxecto de bromas en moitos sitios de Internet, é ás veces posible para un trol identificar outro trol en acción. Un trol actuando sobre outro trol crea a miúdo tal cantidade de aparente drama entre eles que se toma en serio por observadores que non sexan troles (especialmente se toman partido por algún bando). O resultado final é que os dous troles poden colaborar para lograr que a discusión do foro xire en torno a eles ou que unha conversación saia de tema máis eficazmente que se o fixesen sen axuda.
Os troles como falsificadores de identidade
editarInicios
editarAntes de que Deja News comezara a arquivar Usenet, os informes sobre os troles eran imprecisos, con poucas probas que estudar. Con todo, a partir de entón os enormes arquivos estiveron dispoñibles para os investigadores. Pode que o primeiro caso (aínda que pouco documentado) sexa a saga de 1982-83 de Alex e Joan nos foros de CompuServe. Van Gelder, un periodista da revista Ms., documentou en 1996 o incidente nun artigo en dita publicación. Alex (na vida real un psiquiatra cincuentón moi tímido de Nova York) facíase pasar por unha rimbombante e antirrelixiosa muller muda chamada Joan, atada a unha cadeira de rodas tras un accidente de coche, «para poder relacionarse mellor coas súas pacientes femininas». Esta farsa prolongouse durante dous anos, e Joan chegou a converterse nun personaxe enormemente detallado cunha colección de relacións emocionais. Todo comezou a virse abaixo cando Joan persuadiu a unha das súas amigas en liña para que tivese unha aventura con Alex.
Mesmo aqueles que case non coñecían a Joan sentíronse implicados —e en certa forma traizoados— polo engano de Alex. A moitos de nós gústanos crer que a comunidade en liña é unha utopía do futuro, e o experimento de Alex demostrounos a todos que a tecnoloxía non é un escudo contra as mentiras. Perdemos a nosa inocencia, cando non a fe.Van Gelder, 1996, p. 534
Os troles nos anos 1990
editarUnha das primeiras referencias a un trol no arquivo de Usenet de Google foi feita polo usuario Mark Miller sobre outro usuario chamado Tad (8 de febreiro de 1990) [1] Arquivado 19 de setembro de 2019 en Wayback Machine.. Con todo, non está claro se o termo «troll» se usou no seu sentido actual, ou se foi simplemente unha elección casual dun epíteto:
Estás tan lonxe de ser capaz de entender algo do que calquera di aquí que isto só leva á inutilidade. O verdadeiramente triste é que de verdade cres que estás gañando. Es unha terrible dilapidación de recursos naturais – por favor reintégrate na cadea alimentaria... estúpido troll flatulento.
A máis probable orixe do termo pode atoparse na expresión trolling for newbies (que significa aproximadamente ‘pescando novos’), que a comezos dos anos 1990 fíxose popular no grupo de Usenet alt.folklore.urban. O seu uso era algo diferente á actual noción de trol, sendo unha broma privada relativamente suave sobre os usuarios novos consistente en facer preguntas ou mencionar temas de conversación tan trillados que só un deles respondería seriamente. Outros estenderon o termo para incluír a práctica de representar o papel dun usuario seriamente desinformado ou inxenuo, mesmo en grupos onde non se era un participante habitual, pero estas tentativas foron a miúdo máis broma que provocación. En tales contextos, o substantivo «troll» adoitaba referirse ó acto máis que ó autor.
Algúns usuarios veteranos de Usenet continuaron insistindo nestas primeiras definicións mesmo despois de que o termo fose aplicado máis xeralmente ás accións incendiarias previamente caracterizadas como flamebait.
Identidade
editarNa literatura seria a práctica foi documentada por primeira vez por Judith Donath (1999), quen usou varios exemplos anecdóticos de diversos grupos de noticias de Usenet na súa discusión. O ensaio de Donath trazaba a ambigüidade da identidade nunha «comunidade virtual» incorpórea [2]:
No mundo físico hai unha inherente unidade co eu, pois o corpo proporciona unha convincente e práctica definición de identidade. A norma é: un corpo, unha identidade. [...] O mundo virtual é diferente. Está composto de información máis que de materia.
Donath proporciona unha concisa visión xeral dos xogos de falsificación de personalidade que xorden da confusión entre a comunidade física e a epistémica:
Os trolls xogan a falsear a súa personalidade, aínda que o fagan sen o consentimento da maioría dos xogadores. O troll tenta pasar por un participante lexítimo, compartindo os intereses e preocupacións comúns do grupo. Os membros dos grupos de noticias, se son conscientes dos trolls e doutras falsificacións de personalidade, tentan distinguir as mensaxes auténticas das escritas por eles e, tras xulgar un usuario como troll, obrigar o ofensor a abandonar o grupo. O seu éxito no primeiro depende do grao no que eles —e o troll— entendan as pistas da identidade, e o seu éxito no segundo, de se o pracer do troll se ve o suficientemente diminuído ou atenuado polos castigos impostos polo grupo. Os trolls poden ser molestos de diversas formas. Un troll pode desbaratar a discusión nun grupo de noticias, diseminar malos consellos, e danar o sentimento de confianza na comunidade do grupo de noticias. Máis aínda, nun grupo que se volveu sensible ós trolls —onde o índice de enganos sexa alto—, moitos que honestamente fan preguntas inxenuas poden ser rapidamente rexeitados como trolls. Isto pode ser bastante desalentador para un usuario novo que, tras atreverse a escribir a súa primeira mensaxe é inmediatamente bombardeado con iradas acusacións. Mesmo se as acusacións son infundadas, ser cualificado como un troll é bastante daniño para a reputación en liña de un.Donath, 1999, p. 45
Uso
editarO termo «troll» é altamente subxectivo. Certos lectores poden clasificar unha mensaxe como trol mentres outros verán a mesma mensaxe coma unha contribución lexítima á discusión, aínda que sexa controvertida. O termo úsase frecuentemente para desacreditar unha posición contraria ó seu propoñente mediante o argumento ad hominem. Igualmente, dicir que alguén é un trol significa facer suposicións sobre os seus motivos, que poden ser incorrectas. Deixando á parte os motivos do autor, as mensaxes controvertidas teñen moitas posibilidades de atraer unha resposta correctiva, protectora ou violenta daqueles que non distinguen entre as comunidades físicas reais (onde a xente está realmente exposta a algún risco compartido de dano corporal polas súas accións) e as comunidades epistémicas (baseadas nun mero intercambio de palabras e ideas). Normas de tratamento, ou etiqueta, que se orixinaron en tales comunidades físicas son con frecuencia aplicadas inxenuamente ó discurso en liña polos acabados de chegar que non están acostumados á gama de puntos de vista expresados en liña, a miúdo anonimamente. Deste xeito, tanto os usuarios coma as súas mensaxes son comunmente e ás veces inexactamente cualificados de troles cando ofenden o grupo: ironicamente, a xente pode estar máis inclinada a empregar epítetos coma «troll» nas discusións públicas en liña do que o estarían en persoa, xa que os foros en liña poden parecer máis impersoais. A miúdo emprégase a expresión «Prohibido dar de comer ó troll». En IMDb coméntase que o trol común non entende as palabras «opinión» nin «abandonar», o que significa que cre que ten opinións superiores e que non abandonará ata que obteña a satisfacción que busca.
Cando se aplica apropiadamente o comportamento en liña intencionadamente disruptivo, a palabra «troll» converte economicamente un código abstracto de conduta en liña nunha imaxe concreta. Os participantes experimentados en foros en liña saben que a forma máis efectiva de disuadir un trol normalmente é ignoralo, xa que as respostas animan os auténticos troles a continuar escribindo mensaxes disruptivas en ditos foros: de aí o frecuente aviso de «Prohibido dar de comer ó troll». Enviar este sinal publicamente, en resposta ó comportamento dun trol para desanimar máis respostas, pode disuadir ó trol. Con todo, tamén pode ter o efecto contrario, pasando a ser el mesmo comida para o trol. Polo tanto, cando un participante nun foro ve unha resposta aparentemente inocente a un trol como potencial comida para este, pode ser máis prudente enviar o aviso de «Prohibido dar de comer ó troll» nunha mensaxe privada (por exemplo, por correo electrónico).
Os troles en diferentes medios de Internet
editarOs troles actúan de formas distintas en diferentes medios. Empezaron en grupos de noticias, e a medida que Internet evolucionou, así o fixeron os troles.
- Usenet — as xerarquías dos grupos de noticias limitan a exposición dos troles, pero o envío cruzado de mensaxes (crossposting) pode superar esta limitación. Algúns ISP limitan o número de grupos de noticias ós que unha mesma mensaxe pode cruzarse. Como exemplo notable, alt.net instituíu un límite de envíos cruzados despois de que os troles nese sistema chegaran a ser tan escandalosos que Peter da Silva iniciou unha campaña noutros sistemas para cesar o intercambio de noticias con alt.net ata que fixeran algo para resolver o problema.
- Listas de correo — adoitan estar controladas por moderadores, polo que os participantes indesexables poden ser expulsados rapidamente.
- Foros baseados en SlashCode — empregan un sistema de puntuación de forma que os lectores poden moderar cada mensaxe á alta ou á baixa desde a súa cualificación inicial. Os lectores poden entón elixir ignorar as mensaxes que os demais «moderaron á baixa». A coordinación dos troles é particularmente importante, dado que as primeiras mensaxes teñen máis probabilidades de ser lidas que as seguintes. Un trol ideal debería xerar discusión e respostas acaloradísimas sen máis intervención pola súa parte.
- Wikis — o seu modelo plano, asíncrono e aberto permite a calquera escribir calquera cousa. Os usuarios traballan para desfacer os cambios negativos empregando ferramentas de reversión dispoñibles de serie, pero isto require centos de voluntarios para vixiar sitios extensos e populares. Os troles tenden a ser máis sutís que nos grupos de discusión, con frecuencia achegando material que podería ser lexítimo, pero provocarán controversia desafiando a actual estrutura de poder. A dificultade agrávase pola imposibilidade de discernir se un usuario está simplemente expondo unha opinión controvertida ou é un trol.
- Blogs — na súa forma máis común como púlpito persoal coa posibilidade de que calquera deixe comentarios, os blogs populares resultan con frecuencia eficaces trampolíns para os troles, mediante comentarios incendiarios ou entradas provocativas. A facilidade coa que os blogs poden ser enlazados anima á propagación do trol.
- IRC — a natureza aberta da maioría das canles de IRC nas redes populares permite que os troles entren e empreguen calquera técnica de abuso, dende a sinxela inundación de lixo a comentarios sutilmente irritantes, que colleitan respostas iradas. A facilidade coa que poden evadirse os bloqueos de canles e servidores, e a natureza volátil de moitos usuarios de IRC pode permitirlles ós troles perpetuarse indefinidamente.
- Xogos multixogador de acción en primeira persoa — o xogo en liña adoita atraer un gran número de homes adolescentes, que se aproveitan da atmosfera combativa e o seu anonimato xeral para menosprezar outros xogadores. Véxase pwn e noob para maior información. Matar en grupo e romper as normas sociais do xogo para enfastiar os outros xogadores considéranse tamén actividades propias de troles.
- Xogos de deporte en liña — Un trol infiltrarase nunha liga en liña gratuíta con múltiplos equipos desde diferentes contas e identidades e tentará entón retorcidos intercambios de xogadores para mellorar un equipo. O trol deixará numerosas mensaxes no taboleiro de anuncios da liga desde as súas diferentes identidades para dar a aparencia de lexitimidade a un comportamento a todas luces ilícito. Os xogadores que obxecten a obvia farsa poden recibir un baño de insultos e outros intentos de evasión.
- Foros — Sexan da clase que sexan, atraerán troles, cuxo comportamento non difire moito dos exemplos anteriores. Poucos foros están libres de troles, agás algúns sitios moi pequenos e aqueles que establecen políticas moi estritas ó respecto.
Exemplos
editarTroles dun só golpe
editarAs mensaxes dun trol dun só golpe intentan ser disruptivos e tenden a ser moi obvias para asegurar que reciben respostas anoxadas.
Troles disruptivos
editar- Mensaxes fóra de tema — Irrelevantes para os usuarios interesados no foro en cuestión: «¿Pode axudarme alguén a facer unha páxina web?» «Non: isto é un foro de música.» Isto tamén pode facerse á metade dunha discusión xa existente nun intento por secuestrala, ou polo menos cambiar o tema de discusión.
- Ruptura de páxinas — Enviar mensaxes con grandes imaxes ou cheas de caracteres para facer ilexibles as mensaxes anteriores. Un trol habilidoso empregará unha imaxe extremadamente longa pero estreita que se camufle co fondo da páxina para facela menos evidente.
- Material ofensivo — Arquivos de sons molestos ou imaxes perturbadoras nunha mensaxe, ou enlazar a sitios impactantes que conteñan dito material. Con frecuencia estes enlaces disfrázanse coma enlaces lexítimos.
- Mensaxes incendiarias — Incluíndo alusións racistas, sexistas, clasistas ou innecesariamente odiosas: «Es pailán por incluír este tipo de mensaxes na túa lista.»
- Escribir spoilers — Desvelar o final ou parte importante da trama dunha película, libro, xogo etc. sen avisar, ás veces subrepticiamente enterrados en mensaxes polo demais inocuas.
- Volver a iniciar unha antiga discusión ou reciclar un tema anterior (bump) moi controvertido, particularmente en comunidades en liña pequenas.
- Escribir deliberada e repetidamente mal os nomes dos demais usuarios da discusión co propósito de amolalos ou irritalos.
- Prometer pornografía inexistente a xente que escribe no foro, provocando unha avalancha interminable de mensaxes do tipo «a min tamén» (especialmente común na xerarquía de Usenet alt.sex a mediados dos anos 1990).[3]
Troles que buscan atención
editarEste tipo de troles buscan incitar tantas respostas como sexa posible e absorber unha cantidade desproporcionada do total de atención colectiva.
- Publicitar outro foro, especialmente se é un rival ou odiado.
- Afirmar ser alguén que é imposible que sexan — «Como un samurai auténtico que son, teño certos problemas con Os sete samurais».
- Carecer de calquera relación ou coñecemento actual co tema discutido, pero seguir escribindo continuamente opinións como «experto».
- Mensaxes que conteñen algún erro obvio — «Creo que Mar adentro é a mellor película de Santiago Segura».
- Pedir axuda para unha tarefa ou problema inverosímil — «¿Como tempero a miña ola? Non quero que todo o que cociñe nela saiba igual».
- Preguntas intencionadamente inxenuas — «¿Podo empregar aceite de oliva en vez de auga para ferver pasta?»
- Mensaxes que conteñen referencias alusivas ó propio status — «Evian é auga embotellada para pobres. Prefiro a Dasani importada de Italia».
- Escribir intencionadamente un argumento escandaloso deliberadamente construído en torno a un erro fundamental pero embrollado. Con frecuencia o autor porase á defensiva cando o argumento sexa refutado, pero moitos poden, con todo, continuar o fío empregando máis argumentos erróneos, o que se coñece como «alimentar» o trol.
- Un subtipo do anterior é a demostración falsa dun importante problema matemático non resolto ou unha imposibilidade (por exemplo, 1 = 2). Con todo estas mensaxes non sempre son troles e ás veces son como mínimo matematicamente interesantes.
- Mensaxes politicamente discutibles — «Coido que José Luis Rodríguez Zapatero é o mellor/peor presidente da historia.»
- Enviar imaxes politicamente sensibles en lugares inapropiados.
- Finxir ser inocente tras participar nunha «guerra de chamas» (flamewar).
- Escribir queixas fóra de tema sobre a súa vida privada, mesmo ameazas de suicidio: ás veces trátase do trol «planxente».
- Responder paranoicamente ou pluralizando as opinións persoais emitidas por individuos diferentes — «Non creo que todos pensedes o mesmo: ¡poñédesvos de acordo para levarme a contraria!»
- Ós troles conquistadores entusiásmanse por encadear aventuras amorosas en liña coas mulleres dun grupo. Isto provoca a rivalidade pública entre as mulleres que algunha vez creron que os apelativos cariñosos, os poemas e as declaracións de afecto que recibían eran exclusivamente para elas. Dado que estas aventuras se adoitan desenvolver separadamente en canles de chat, adoita pasar moito tempo antes de que estes conflitos estoupen.
- Insultar a outros pola súa mala gramática ou ortografía, o que pode ser un tema moi sensible, polo abuso de xerga ou abreviaturas típicas de SMS, ou mesmo insultar a outros pola mala gramática empregando mala gramática, provocando un efecto «irónico» que pode a miúdo levar á xente a recriminarlles a súa hipocrisía.
Outros exemplos
editarAlgúns troles poden denunciar unha determinada relixión nun grupo de noticias relixioso, aínda que historicamente se chamou a isto flamebait (véxase máis arriba). Como aqueles que se enguedellan nunha «guerra de chamas» (flamewar), os supostos ou autoproclamados troles de Internet ás veces recorren ó dobre sentido ou ó despiste na procura do seu obxectivo. É posible distinguir entre as mensaxes incendiarias e os comentarios dun trol: as primeiras teñen a intención de ser antisociais e ofensivas mentres os segundos buscan provocar unha reacción, aínda que tamén poden ser considerados como antisociais, a pesar da intención do autor.
Un caso particular da segunda variedade (mensaxes incendiarias) implica enviar contido obviamente oposto ós intereses (declarados ou implícitos) do grupo ou foro. Por exemplo, enviar receitas de carne de gato nun foro sobre animais de compañía, teorías evolutivas nun foro creacionista ou mensaxes sobre o aburridos que son os dragóns no grupo de Usenet alt.fan.dragons.
O «troll monicreque» entra a miúdo nun foro empregando varias identidades diferentes. A medida que os comentarios provocativos dunha identidade atraen respostas cada vez máis críticas doutros membros do foro, o trol intervén na discusión empregando unha segunda identidade para apoiar a primeira. Alternativamente, o trol pode empregar esta segunda identidade para criticar a primeira e gañar así credibilidade ou estima no foro.
O envío cruzado (crossposting) é un método popular dos troles de Usenet: unha mesma mensaxe pode ser discutida simultaneamente en varios grupos de noticias non relacionados e mesmo opostos, o que probablemente remate nunha «guerra de chamas» (flamewar). Por exemplo, unha mensaxe-chama (flamebait) contra a comida rápida podería enviarse simultaneamente a grupos sobre a alimentación sa, a ecoloxía e os dereitos animais, así como tamén a un grupo sobre un tema totalmente alleo, como a intelixencia artificial.
Un exemplo de trol con éxito é o arquicoñecido fío de Usenet Oh how I envy American students Arquivado 19 de setembro de 2019 en Wayback Machine. (‘Ai, como envexo os estudantes estadounidenses’) que obtivo máis de 3.500 respostas. Este trol foi escrito por alguén facéndose pasar por un estudante europeo, e enviado con acerto a tódolos grupos de noticias de institutos e universidades, deixando entón que os estudantes americanos fixesen todo o traballo de difusión. O fío estivo activo preto dun ano (xerando de media unha resposta cada 160 minutos) e o seu mellor golpe foi cando unha inocente estudante estadounidense non só perdeu a súa conta de Internet senón tamén que foi expulsada do instituto por abusar dos ordenadores, pois dalgunha forma logrou cargar coa culpa de comezar o trol.
Motivación
editarOs «trolls» autoproclamados poden designarse a si mesmos como avogados do diaño, tabáns sociais ou «alborotadores culturais», desafiando o discurso dominante e as asuncións dos foros de discusión nun intento de romper o statu quo de pensamento grupal: o sistema de crenzas que prevalece na súa ausencia.
Algúns críticos afirman que os auténticos «avogados do diaño» xeralmente se identifican a si mesmos como tales polo ben da etiqueta e a cortesía, mentres que os troles poden rexeitar ambas. A maioría da discusión sobre que motiva os troles procede doutros usuarios de Internet que afirman ter estudado o seu comportamento. Hai pouca literatura de investigación que describa o termo ou o fenómeno. Os comentarios de usuarios acusados de ser troles poderían ser pouco fiables, xa que de feito poderían estar tentando estimular a controversia máis que avanzar no entendemento do fenómeno. Da mesma forma, os acusadores están con frecuencia motivados por un desexo de defender un determinado proxecto e as referencias a que un usuario de Internet sexa un trol poderían non ter base nas metas reais de dita persoa. Como resultado, identificar as metas dos troles resulta case sempre especulativo. Aínda así, varias metas básicas fóronlles atribuídas ós troles, segundo o tipo de disrupción que se pensa que están provocando.
Para complicar máis o asunto, moitos acusadores equivócanse ó cuestionar primeiro se o suposto material trol é realmente disruptivo (un compoñente obrigatorio de dito comportamento) antes de declaralo como tal. Así, moitos troles nacen da propia inferencia demasiado rápida da outra parte, sexa esta exacta ou non.
As motivacións propostas son:
- A actividade dun trol pode describirse coma un experimento de contravención que, grazas ó emprego dunha personalidade alternativa, permite probar ou romper os límites sociais habituais e as regras de etiqueta sen consecuencias serias. Isto pode ser parte dun intento de comprobar os límites dalgún discurso, ou de identificar personalidades reactivas. Ó eliminar identidades e historias da situación, deixando só o discurso, algúns científicos cren que é posible levar a cabo experimentos de enxeñaría social empregando métodos propios de troles. Con todo, poucos cren que as organizacións de troles estean involucradas na ciencia, e uns poucos individuos dispersos sen métodos nin teses particulares non poden ser descritos coma científicos, aínda que poidan, no entanto, estar involucrados nalgunha investigación.
- Procura de atención anónima: o trol busca dominar a discusión provocando enfados, e efectivamente secuestrando o tema de conversación.
- Diversión: para algunha xente resulta divertido pensar que outra persoa se enfada polo que digan completos descoñecidos. Isto podería ser clasificado como un tipo de schadenfreude: os troles con esta motivación obteñen pracer da frustración, medo ou dor (ou o que eles perciban nas súas mentes como tal) real das súas vítimas.
- Enfado: algunhas persoas compórtanse como troles para expresar a súa hostilidade cara a un grupo ou punto de vista determinado.
- Petición de axuda: moitos supostos troles, nas súas mensaxes, amosan perturbadoras situacións sobre a familia, as relacións, as drogas ou a escola, aínda que xeralmente é imposible saber se tales situacións non son máis que parte do trol. Algúns cren que este comportamento é unha agresiva forma de confrontación na que os troles buscan unha especie de forte guía sentimental nun foro anónimo.
- Os troles autoproclamados e os seus defensores suxiren que o seu comportamento é unha forma intelixente de mellorar a discusión, ou un método alternativo de ver as relacións de poder en grandes wikis públicos.
- Proporse un desafío a un mesmo: só para ver se pode facerse con éxito, por exemplo un membro dun foro rexístrase cun novo nome non identificable para ver se se pode enganar, e por canto tempo, ós demais membros.
- Facer perder o tempo ós demais: un dos aspectos máis importantes na actividade dun trol é a idea de que empregando un só minuto en escribir unha mensaxe adecuada lógrase que moitas outras persoas perdan varios minutos do seu tempo, provocando un efecto cadoiro. A maioría dos troles gozan coa idea de que poden desperdiciar o tempo dos demais con comparativamente pouco esforzo pola súa parte.
- Efecto dominó: relacionado coa diversión, pero dunha maneira máis específica, significa comezar longas reaccións en cadea en resposta á mensaxe inicial dun. Consiste en lograr unha resposta desproporcionadamente grande a unha acción pequena. Isto resulta parecido a como un neno pequeno que se perde (pero que na realidade se está escondendo) pode actuar con rexouba ó ver un gran número de persoas emprendendo unha procura masiva en resposta á súa suposta desaparición.
- Supresión de información: un trol particularmente nihilista a miúdo tenta pór freo ó fluxo de información entre os participantes do foro, convertendo este nun lugar no que só se intercambien insultos. Por exemplo, un trol habilidoso pode converter unha discusión informativa sobre trucos e técnicas para aliviar a enfermidade X nunha acalorada discusión completamente inútil. Isto pode evitar que información importante chegue a mans de quen máis a necesita, aumentando así o sufrimento humano. Unha variante lixeiramente menos hostil é a supresión dunha discusión que ó trol non lle gusta ou que encontra ofensiva.
- Efectuar un cambio nas opinións doutros usuarios: un trol pode soster posicións extremas para facer que as súas crenzas reais parezan moderadas (isto implica con frecuencia o emprego de monicreques que xoguen o papel de policía malo) ou, alternativamente, xogar o papel de avogado do diaño para fortalecer as conviccións opostas (coas que adoita na realidade estar de acordo).
- Probar a integridade dun sistema contra ataques sociais ou outras formas de mal comportamento: por exemplo, violar descaradamente os termos de emprego para ver se os administradores do sitio emprenden algunha acción.
- Superar sentimentos de inferioridade ou impotencia mediante a experiencia de controlar un contorno.
- Autopromoción.
- Loitar contra o pensamento grupal: moitos troles defenden as súas accións afirmando que hai que sacudir de enriba o conformismo da xente.
- Sátira: nestes casos, os individuos non pensan en si mesmos como troles, senón como humoristas ou comentaristas políticos incomprendidos.
- Satisfacción producida polos ataques persoais.
- Acoso: por exemplo, seguir a unha persoa —que fora fustrigada nun foro pero que decidiu evitar converterse en vítima marchando a outro lugar— e empregar tácticas de trol no novo foro ata lograr que este sexa un lugar incómodo para dita persoa.
- Baixar a relación sinal-ruído: en Slashdot, puntos que poderían empregarse para moderar temas interesantes desperdícianse en moderar á baixa cousas como debuxos ASCII do home goatse. A certos niveis isto rebaixa a calidade dos comentarios.
- Probar unha personalidade alternativa anonimamente.
- Baleirar un foro: o que adoita ser só factible se o foro é pequeno.
É difícil estimar as motivacións dos troles, dado que a maioría das xustificacións ofrecidas polos presuntos troles non son máis que artimañas tramadas para continuar coa travesura que imaxinan que emprenderon. Isto resulta desafortunado porque, como o anterior supón, hai razóns lexítimas para emprender o tipo de accións propias dos troles. Así e todo, a etiqueta é o suficientemente simple e sinxela como para que a maioría da xente prevexa os propósitos manifestados polos troles autodeclarados sen chegar a recorrer a estes métodos. Dado que hai un amplo espectro de posibles motivacións para os troles, resultando algunhas delas benévolas e outras claramente malévolas, cualificar usuarios de troles no sentido negativo resulta con frecuencia imprudente.
Algúns usuarios de foros de Internet están considerados coma «cazadores» ou «provocadores» de troles. Entran voluntariamente en conflito cando os troles xorden. Con frecuencia os cazadores de troles son tan disruptivos coma estes. Unha única mensaxe de trol pode ser ignorada, pero se dez cazadores de troles «saltan» seguíndoo, dirixirán o fío fóra de tema.
Sobre os conflitos relacionados cos troles, hai seis grupos nos que podería clasificarse os usuarios:
- Trolls: usuarios que provocan conflitos activamente.
- Cazadores ou provocadores de troles: compórtanse de acordo ó comezo do «segundo golpe». Non inician o conflito, pero intensifícano canto comeza. Con frecuencia empregan outros trolls como escusa para o seu propio mal comportamento, e en moitos casos cualifican un usuario como trol, a pesar dos propósitos deste.
- Indiferentes: intentan ignorar o conflito, continuando co tema orixinal de discusión. Adoitan expresar despreocupado desdén cara ó trol, pero non perseguen insultalo activamente. Compórtanse como irmáns máis vellos, repartindo sabias palabras tales como «Non alimentedes os trolls» ou outras frases feitas que normalmente significan o mesmo: «Ignorade o alborotador e así renderase e liscará.» Este tipo de respostas poden tomarse como un comportamento pasivo-agresivo de provocador de troles.
- moderadores: non os moderadores do sistema, senón os usuarios que tentan «resolver» o conflito, contentando tódalas partes se é posible.
- Espectadores: apártanse do conflito. En casos particularmente malos, abandonarán o foro con noxo.
- Secuestradores: comezan unha discusión fóra de tema en resposta ás mensaxes provocativas dun trol.
- Non-trolls: usuarios que son cualificados de trol por outros usuarios ou mesmo moderadores para ser silenciados e desacreditados máis facilmente.
Solucións e alternativas
editarEn xeral, a sabedoría popular aconséllalles ós usuarios evitar alimentar os troles, e ignorar as tentacións de responder. Contestar a un trol leva a discusión inevitablemente fóra do tema, para consternación dos espectadores, e proporciónalle ó trol a ansiada atención. Cando os cazadores de troles se abalanzan sobre eles, os indiferentes responden con YHBT. YHL. HAND., é dicir, You have been trolled. You have lost. Have a nice day. (‘Picaches. Perdiches. Que teñas un bo día.’). Porén, dado que os cazadores de troles (como estes) son con frecuencia buscadores de conflitos por si mesmos, quen perde non é o bando do cazador, senón máis ben o resto de usuarios de foro que terían preferido que o conflito nin sequera tivese comezado.
A literatura sobre resolución de conflitos suxire que etiquetar de troles os participantes en discusións en Internet pode perpetuar os comportamentos indesexables. Unha persoa rexeitada por un grupo social, tanto en liña como na vida real, pode adoptar un papel antagonista cara a el, e buscar molestar ou enfadar aínda máis ós seus membros. A etiqueta «troll», con frecuencia un signo de rexeitamento social, podería por tanto perpetuar a súa existencia.
Mellores resultados acostuman obterse cando os usuarios adoptan o papel de moderador e despregan comportamentos máis construtivos evitando xuízos e confrontacións. Os troles son excitados polos cazadores e frustrados polos indiferentes, e ningunha destas dúas emocións producen resultados positivos para o foro. Enfrontarse ós troles remata en «guerras de chamas» (flamewars). Os troles frustrados pola estratexia dos indiferentes poden abandonar o foro (e seguir comportándose igual noutro sitio, ou converterse en usuarios construtivos) ou facerse cada vez máis incendiarios ata que obteñan unha resposta.
Os troles novatos poden experimentar o serio «remordemento do troll», un sentimento de gran pesar tras perder a súa conta (xa sexa a do seu provedor de Internet ou a dun sitio web) debido ás súas accións temerarias.
Hai quen argúe que unha falta de resposta ós troles pode tamén inspirarlles unha conduta máis agresiva. Usuarios particularmente fanáticos ou irracionais participarán nun foro que lles moleste con bastante independencia das respostas que obteñan. A miúdo os troles tamén seguen escribindo mensaxes, ofendéndose con argumentos periféricos ou argumentos que estaban peor fundamentados, ata que as súas posicións se fagan insostibles, momento no que recorrerán ós insultos ou pasarán a outra discusión. Segundo esta lóxica, a confrontación implacable mediante a argumentación (cando esta poida atoparse) pode resultar vital.
Utilidade dos troles
editarUn importante debate en Internet é se os troles realizan algunha función útil ou non. Dado que trol é un termo tan amplo, se tódalas definicións dadas ata agora deben ser aceptadas, a resposta debe ser definitivamente «si e non».
Os usuarios que realizan moitas funcións útiles pero controvertidas son con frecuencia xulgados como troles e, en tales casos, poden estar en realidade beneficiando o foro no que participan. Por exemplo, a presenza dun ultradereitista descrito como trol pode permitir que un lector conservador se senta máis cómodo expresando os seus puntos de vista, que parecerán moi moderados en contraste. Por outra parte, se os cazadores de troles organizan unha «guerra de chamas» contra o trol ultradereitista, o mirón conservador pode sentirse menos cómodo expresando as súas opinións, en detrimento do foro. A pesar de que os troles afirman loitar contra o pensamento grupal, poden en realidade fomentalo ó cimentar opinións contra eles.
Os troles poden ser tamén, nalgunhas circunstancias, unha fonte de humor xenuíno, o que depende integramente de se o trol é bo ou malo. Adoita ser bastante fácil sinalar a diferenza entre tales accións: un trol malo recorre só a débiles argumentos manidos, mentres un bo creará un perspicaz conxunto de argumentos que arrastre a xente en astutos xiros proporcionando un fío de humor non sequitur.
Os troles poden tamén proporcionar un valioso servizo ó facer que a xente se cuestione a validez do que se le tanto en Internet coma noutras fontes. Os troles mostran que expresar calquera opinión é tan sinxelo como expresar unha opinión informada e razoada, obtendo a mesma visibilidade. Tamén se argüíu que os comentaristas radiofónicos e columnistas xornalísticos ás veces sondan a opinión pública comportándose coma troles. John C. Dvorak e Slashdot son citados a miúdo como exemplos.
Incluso aínda que ás veces se sinalan coma troles contidos útiles e usuarios produtivos, o consenso xeral é que a actividade típica dos troles beneficia só a estes e ós cazadores, e que non deben permitirse en ningún foro. A maioría dos foros rexeita a afirmación de que os troles puros e intencionados persigan algún fin útil. Sábese dalgúns troles que intentaron provocar o borrado de discusións completas, o que serviu de reforzo negativo para os usuarios inexpertos e axudou a reducir a cantidade de spam en grandes foros de discusión. En moitos casos, os troles poden levar o administrador ou os moderadores dun foro a engadir a este mecanismos que preveñan as súas accións. Aínda que isto pode ser considerado coma unha mellora do foro, non é menos certo que tales ferramentas non se necesitarían de non haber troles.
Problemas de comportamento
editarAs definicións precisas de «troll» foron difíciles porque a miúdo dependen de supostos sobre motivacións internas, que foron difíciles de probar concluintemente. Algúns comportamentos tales como insultar non son candidatos para unha clasificación «troll» a menos que a súa intención sexa a de provocar unha reacción, xa que insultar sería considerado máis un comportamento antisocial, caendo quizais mellor baixo a clasificación de «guerra de chamas».
Algúns suxeriron que en vez de cualificar a alguén de «troll» é preferible concentrarse nos comportamentos específicos que un grupo considere molestos e impoñer regras de comportamento que os preveña consistente e adecuadamente. A idea é centrarse nos comportamentos indesexables máis que na motivación destes. Se ditos comportamentos non poden ser identificados, entón quizais o suposto trol debería ser tolerado para ser xustos. Algúns chaman a isto o plan «se non podes identificalo, entón tolérao».
Puntos de vista alternativos
editarAínda que o fenómeno trol é maioritariamente considerado unha presenza negativa e indesexable nun foro, algúns afirman que a crenza de que é inherentemente malo pode carretar moitas consecuencias prexudiciais. O uso da palabra «terrorista» é citado a miúdo coma exemplo de abuso. Porén, todo aquilo etiquetado coa palabra «terrorista» esperta un sentimento de mentalidade «nós contra eles» que resulta útil tanto para illar o comportamento trol como para reforzar a «necesidade» de tácticas anti-trol, consolidando polo tanto o apoio dos administradores.
Na maioría dos casos isto último é unha vantaxe inesperada de tratar con troles. Con todo, xorde a cuestión pertinente: «Que ocorre se isto fose o único obxectivo, e o administrador só desexase facer calar certas críticas, como unha pobre moderación, demasiada publicidade ou restricións sobre os temas de discusión?» Xogar a «carta troll» podería ser a arma ideal.
Moitas (quizais a maioría) das persoas cualificadas de «trolls» son simplemente cualificadas por outra no curso dunha disputa relixiosa, política ou doutro tipo corrente. Noutras palabras, son cualificadas de «trolls» por actuar como disidentes ou herexes. Caracterizar os administradores de sistemas ou moderadores como «o troll que chegou en primeiro lugar» non é de todo inexacto. Moitos debates entre persoas con e sen poderes administrativos ou legais parécense a unha simple discusión persoal acalorada. En concreto en Internet, a posesión de poderes tecnolóxicos (como o poder de bloquear usuarios ou enderezos IP) non é necesariamente un signo dalgún xuízo político ou moral superior. De forma parecida, un pode ser etiquetado como trol só por discrepar con alguén (a miúdo quen comezou a discusión).
Como con similares etiquetas pexorativas, un grupo de persoas que recibiran a etiqueta poden darlle a volta para crear unha identidade de grupo e o poder de resistir colectivamente. Individuos alleos ó grupo que empreguen a etiqueta sobre alguén pasan a ser brancos dunha resposta colectiva. Con todo, os membros poden usar a etiqueta sen consecuencias, normalmente de broma, ou para convencer.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Trol.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Trolls de Internet — Breve estudo e explicación, por Timothy Campbell. (en castelán)
- alt.troll FAQ, manual de dúbidas. (en inglés)
- Como manexar a un troll e gañarlle no seu propio xogo (en inglés)
- alt.syntax.tactical FAQArquivado 10 de xuño de 2007 en Wayback Machine. (en inglés)
- urban75 Trolling FAQ, guía exhaustiva da escura arte do troll (en inglés)